miniatura|dereita|222px|Fachada da igrexa do mosteiro. Ero da Armenteira foi un nobre galego do século XII.
Traxectoria Basilio Duarte, que fora prior do mosteiro da Armenteira, escribiu no libro foral do mosteiro, en 1624, que houbo un noble chamado Ero que tiña un pazo na Armenteira. De feito, Filgueira Valverde confirma a existencia dun Ero Armentariz, casado con Columba, a quen dona Urraca concedeu, en 1120. a igrexa de Santa María a Lama, no val de Armenia.Filgueira dá como fonte desta información o tumbo de Samos.
Segundo a lenda, o nobre tivo unha noite un soño no que a Virxe lles dicía tanto a el como á súa muller que fundasen un mosteiro, para así teren descendencia espiritual, moito máis importante que a terreal (de feito non tiñan fillos). Así que Ero decidiu transformar o devandito pazo nun mosteiro. Pediulle a San Bernaldo de Claraval, o fundador da orde cisterciense, algúns monxes e este mandoulle catro. Deste xeito naceu o mosteiro de Santa María da Armenteira, do que Ero foi elixido abade en 1150 (se ben, Duarte data a construción da primitiva igrexa en 1169).
Durante a súa longa estancia no mosteiro o abade preguntábase decote como sería o paraíso, rogándolle encarecidamente á Virxe que lle deixase velo. Así pois, un día que a lenda data en 1176, paseando polas fragas próximas ó mosteiro, Ero quedou cativado polo cantar dun paxariño, sentando baixo unha árbore para contemplalo. Neste estado pasou trescentos anos, e ó regresar ó mosteiro preguntou polos monxes e ninguén soubo contestarlle; entendeu o ocorrido e faleceu nese instante ós pés dos novos monxes do mosteiro. Outra tradición conta que o abade neste momento, Frei Alonso, quixo restituílo no seu cargo, pero que Ero non aceptou.
Descoñécese cando morreu e onde pode estar o seu sepulcro. A súa festividade celébrase o 30 de agosto.
A lenda é común a diferentes lugares do resto de Galicia (como Samos), de EspañaComo a lenda de San Virila, abade do Mosteiro de Leire, en Navarra., e de Europa (Portugal, Francia, Bélxica, Suecia, Irlanda, Austria ou Alemaña), e foi recollida na Cantiga 103 das Cantigas de Santa María recompiladas polo rei Afonso X o Sabio. Neste texto, o protagonista do sucedido non foi o abade senón un dos monxes do mosteiro que, ó regresar, se reincorpora ós seus compañeiros.
Existe outra lenda moi semellante referida a santo Amaro.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Filgueira Valverde, Xosé: "San Ero de Armenteira", en Nós 21 (15.09.1925, 4-5) e 22 (15.10.1925, 2-3), e "A lénda d'Armenteira", en Nós 25 (15.01.1926, 10-12) e 26 (15.02.1926, 9-11).
Ligazóns externas San Ero e a súa historia Partitura da Cantiga 103 Ex-libris que Castelao fixo para Filgueira Valverde.
Categoría:Santos de Galicia Categoría:Finados en 1176 Categoría:Nados na provincia de Pontevedra Categoría:Nobres de Galicia do século XII