A expansión da Antiga Confederación Suíza é o período da Historia de Suíza que abrangue aproximadamente dende a creación das primeiras alianzas entre rexións, en 1291, até a entrada da Reforma protestante na xa madura Antiga Confederación Suíza, en 1516.

Esta época caracterizouse nos territorios alpinos polo estabelecemento de alianzas, nun principio febles, entre un número crecente de rexións e o seu progresivo fortalecemento até formar un estado independente do resto das potencias. Comezou como unha alianza entre as comunidades dos vales dos Alpes centrais para facilitar a satisfacción dos intereses comúns como o libre comercio e para asegurar a paz ao longo das importantes rutas comerciais a través das montañas. A finais da Idade Media, esta rexión pertencía ao Sacro Imperio Romano Xermánico e, por mor da súa importancia estratéxica, os emperadores Hohenstaufen garantíronlle a condición de reichsfrei (reino libre) a principios do século XIII. Como rexións reichsfrei, os cantóns (ou rexións) de Uri, Schwyz e Unterwalden ficaron baixo a autoridade directa do emperador, pero fóra do control intermedio de señores feudais, así que gozaban dunha ampla autonomía. Co auxe da dinastía dos Habsburgo, os reis e duques de Habsburgo buscaron estender a súa influencia sobre esta rexión e situala baixo o seu dominio. En consecuencia producíronse conflitos entre os Habsburgo e as comunidades das montañas, que trataban de defender o seu status privilexiado como rexións reichsfrei. Os tres estados fundadores da Eidgenossenschaft Suíza, nome que recibiu a confederación, uníronse a principios do século XIV ás cidades estado de Lucerna, Zürich e Berna, conseguindo derrotar aos exércitos dos Habsburgo en numerosas ocasións. Tamén sacou partido o Sacro Imperio Xermánico que durante a maior parte do século XIV estivo baixo a influencia da Casa de Luxemburgo, que lles consideraba aliados potenciais contra os Habsburgo. En 1460 os confederados controlaban a maior parte do territorio ao sur e ao oeste do río Rin até os Alpes e a cordilleira do Xura. A finais do século XV e tras librar dúas guerras, a confederación estendeuse até sumar trece cantóns (os Dreizehn Orte): na Guerra de Borgoña da década de 1470 os confederados aseguraron a súa hexemonía na fronteira occidental e a súa vitoria na Guerra Suaba en 1499 contra os exércitos do emperador Habsburgo Maximiliano I proporcionoulles a independencia de facto do imperio. Durante a súa involucración nas Guerras Italianas os suízos conseguiron o control sobre o Cantón do Tesino. No século XIV floreceron dúas federacións similares nos Alpes: no actual Cantón dos Grisóns fundouse a federación das Tres Ligas (Drei Bünde), e no actual cantón do Valais, os Sete Décimos (Sieben Zenden), que se formaron como resultado dos conflitos coa Casa de Savoia. Ningunha destas dúas federacións foi parte da Eidgenossenschaft, pero ambas as dúas estaban estreitamente relacionadas con ela.

Desenvolvemento territorial miniatura|200px|A Ponte do Diaño foi construída no século XIII para completar a estrada sobre o Paso de Sankt Gotthard.A ponte orixinal foi danada pola guerra e destruída por unha inundación en 1888. A imaxe amosa a segunda ponte construída en 1826 e, sobre ela, a terceira ponte, de 1958.

Baixo a dinastía Hohenstaufen do Sacro Imperio Romano Xermánico, as tres rexións de Uri, Schwyz e Unterwalden (os Waldstätten ou "comunidades do bosque") conseguiran o Reichsfreiheit. As dúas primeiras porque os emperadores querían ter o estratéxico Paso de San Gotardo baixo control directo e a última porque a maior parte do seu territorio pertencía a mosteiros reichsfrei. Tamén gañaran este status as cidades de Berna e Zürich ao extinguírense a dinastía dos seus patróns, os Zähringer. Cando Rodolfo I de Habsburgo foi elixido "Rei dos Xermanos" en 1273 pasou tamén a ser o señor feudal directo destas rexións reichsfrei. Dende este cargo exerceu un dominio estrito e elevou os impostos para financiar guerras e adquisicións territoriais, medidas que lle gañaron a impopularidade na rexión. Cando morreu, en 1291, o seu fillo Alberto I de Habsburgo viuse involucrado nunha guerra política con Adolfo de Nassau polo trono xermánico, o que debilitou o goberno dos Habsburgo sobre os territorios alpinos. Entón apareceron insurxencias contra os Habsburgo en Suabia e Austria, pero foron extinguidas rapidamente por Alberto en 1291. Como Zürichh participara nestas revoltas Alberto cercou a cidade, que finalmente tivo que aceptalo como patrón. Estes tempos tumultuosos propiciaron que os Waldstätten cooperasen máis activamente, intentando preservar ou recobrar o seu Reichsfreiheit. Uri e Schwyz conseguiron que o seu status se reconfirmase por Adolfo de Nassau en 1297. Adolfo conseguira chegar a rei porque Alberto, en principio o candidato máis probábel, non foi elixido pola Dieta dado o seu aspecto descoidado e os seus rudos modais. Con todo, ao ano seguinte Alberto matou a Adolfo na Batalla de Göllheim, co que o inimigo natural dos cantóns do bosque foi proclamado emperador. Daquela, os estados do bosque volveron perder o seu status privilexiado.

O núcleo miniatura|200px|dereita|O Bundesbrief ou Carta Federal de 1291. O Bundesbrief de 1291 considérase o documento escrito máis antigo que se conserva da alianza entre Uri, Schwyz e Unterwalden, os cantóns fundadores da Antiga Confederación Suíza. A súa autenticidade está suxeita a controversias, pois a maioría dos historiadores involucrados consideran que foi escrita algunhas décadas máis tarde. Así que é moi probábel que existise un contrato anterior entre as tres "comunidades do bosque", poida que até dende tempos do interregnum. Trala morte do emperador Alberto I, en 1308, os emperadores xermanos procederon da casa de Luxemburgo (agás Lois IV de Baviera) até 1438, reconfirmaron o Freibriefe das tres comunidades e ,polo xeral, consideraron a súa status como reichsfrei, desexosos de controlar directamente o paso de San Gotardo e de debilitar a posición da casa rival de Habsburgo. Unterwalden conseguiu finalmente este status da man do sucesor de Alberto I, Henrique VII en 1309. Isto non impediu aos duques de Habsburgo, orixinarios de Argovia, o intentar adxudicarse a soberanía sobre os territorios ao sur do Rin. Na loita pola coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico de 1314 entre o duque Frederico I de Habsburgo e o rei de Baviera Lois IV, os Waldstätten aliñáronse cos Wittelsbach por temor a que os Habsburgo intentasen anexionar os seus territorios de novo, como xa fixera Rodolfo I. Cando o conflito largamente xestado entre Schwyz e a abadía de Einsiedeln desatouse, os Habsburgo responderon enviando un poderoso exército de cabaleiros contra os campesiños para extinguir a insurrección, pero o exército austríaco do irmán de Frederico, Leopoldo I de Habsburgo, foi finalmente derrotado na Batalla de Morgarten de 1315. Trala vitoria, os tres cantóns renovaron a súa alianza e Lois IV confirmou o seu Reichsfreiheit.

Expansión dos Acht Orte Nos anos seguintes as tres comunidades (os seus territorios non correspondían aínda ás áreas dos cantóns modernos) desenvolveron unha lenta política de expansión. Uri pactou co val de Urseren en 1317. En 1332, a cidade de Lucerna, intentando alcanzar o Reichsfreiheit por parte dos Habsburgo, uniuse á alianza. En 1351, estas catro comunidades do bosque (Vier Waldstätten, un nome que permanece no nome alemán e español do Lago dos Catro Cantóns) uníronse á cidade de Zürich, onde a cidadanía cobraría poder debido ao estabelecemento das Zunftordnung (leis de gremio) e a expulsión da nobreza en 1336. A cidade buscaba tamén apoio contra a cidade Habsburgo de Rapperswil, que tratara de derrocar ao alcalde de Zürich Rudolf Brun en 1350. Coa axuda dos seus novos aliados, Zürichh foi capaz de resistir o sitio do duque Alberto II de Austria. A campaña foi tan exitosa que os confederados chegaron até conquistar a cidade de Zug e o val de Glaris en 1352. Con todo, en 1356 tiveron que retornar tanto Glaris como Zug aos Habsburgo a consecuencia da sinatura do tratado de Ratisbona. A cambio, o emperador Carlos IV de Luxemburgo recoñeceu as Zunftordnung de Zürich e confirmou o seu status de reichsfrei malia prohibir calquera confederación interna no imperio na súa Bula de Ouro, promulgada en xaneiro dese ano. A Casa de Luxemburgo favorecía os intereses dos confederados porque vía neles un aliado contra a casa rival dos Habsburgo.

dereita|miniatura|204px|Ilustración de finais do século XV da Batalla de Laupen. As forzas confederadas amósanse á dereita. O Eidgenossenschaft asinara alianzas perpetuas tanto con Glaris como con Zug en 1352 e, xa que logo, esta data considérase o punto de entrada destes cantóns na confederación, aínda que ficaran baixo control dos Habsburgo durante uns cantos anos máis.Glauser, T.: 1352 – Zug wird nicht eidgenössisch, Arquivo estatal do Cantón de Zug; Tugium 18, pp. 103–115; 2002. (fichero PDF, 359 KB; en Alemán). No oeste, os Vier Waldstätten formaran unha alianza coa cidade de Berna en 1321, e até enviaron un destacamento para axudar ás forzas bernesas na súa expansión territorial contra a Casa de Savoia e a dos Habsburgo na Batalla de Laupen en 1339. En 1353, Berna asinou unha alianza "eterna" coa confederación, completando a "alianza dos oito lugares" (Bund der Acht Orte). Esta alianza dos Acht Orte non constituía un estado homoxéneo, senón un conglomerado de oito cidades e territorios independentes, que se sostiñan non por un mesmo pacto, senón por unha rede de seis pactos "eternos" diferentes. Cada unha das oito partes perseguiría os seus intereses particulares, especialmente no caso das poderosas cidades de Zürich e Berna. Zürich formaba tamén parte dunha alianza de cidades situadas ao redor do Lago Constanza que tamén incluía Constanza, Lindau e Schaffhausen, e durante algún tempo incluíu a outras cidades tan afastadas como Rottweil ou Ulm, e Berna seguía a súa propia política hexemónica, participando sucesivamente en varias alianzas con outras cidades como Friburgo, Murten, Biel/Bienne ou Soleura. Esta "Confederación Borgoña" bernesa foi unha sucesión de alianzas volátiles pois, por exemplo, na Batalla de Laupen, Friburgo chegou a estar enfrontado a Berna. A posición de Berna trala devandita batalla trocouse tan forte que as alianzas acababan frecuentemente coa asimilación do aliado baixo a dependencia de Berna, como pasou, por exemplo, con Burgdorf e Payerne.

Consolidación