miniatura|San Xurxo e o dragón, Paolo Uccello, c. 1470. O dragón ten a aparencia dun grifón ou un guiverno. Xurxo de Capadocia (en Geṓrgios; ) foi un soldado romano de Capadocia (na actual Turquía), mártir e máis tarde santo cristián. Se ben a súa existencia non é demostrable, adoita crerse que viviu entre o 275 ou 280 e o 23 de abril de 303. Crese que foi parente de Santa Nina.

A súa popularidade na Idade Media levouno a ser un dos santos máis venerados nas diferentes crenzas cristiás e mesmo —nun fenómeno de sincretismo— no mundo musulmán.

A lenda de Xurxo de Capadocia A lenda, que se cre inventada no século IV, conta que naceu nunha familia cristiá de finais do século III. Xeroncio, o seu pai, orixinario de Capadocia, servía como oficial no exército romano. A súa nai, Policromía, volveu á súa cidade natal (Lydda, logo Dióspolis, actualmente Lod, en Israel) co seu mozo fillo tras enviuvar. Aínda así foi capaz de darlle unha boa educación.

O mozo seguiu os pasos do seu pai e uniuse ó exército pouco despois de alcanzar a maioría de idade. Debido ó seu carisma subiu pronto de grao, chegando antes dos 30 a ser tribuno e comes. Sobre esa época xa o destinaran en Nicomedia como membro da garda persoal do emperador romano Diocleciano (que reinou entre o 284 e o 305).

En 303 Diocleciano emitiu un edito autorizando a persecución sistemática dos cristiáns ó longo do imperio. O seu césar, Galerio, foi o responsable da decisión, e continuaría a persecución durante o seu propio reinado (do 305 ó 311).

Ó parecer Xurxo recibiu ordes de participar na persecución, pero preferiu dar a coñecer a súa condición de cristián e criticar a decisión do emperador. Diocleciano, moi enfadado, reaccionou ordenando a tortura e execución do traidor.

Tras diversas torturas, Xurxo foi decapitado fronte ás murallas de Nicomedia o 23 de abril do 303. As testemuñas dos seus sufrimentos convenceron á emperatriz Alexandra e a unha anónima sacerdotisa pagá para converterse ó cristianismo, co que pasarían a unirse a Xurxo no martirio. O seu corpo foi devolto a Lod para ser soterrado.

Veneración como mártir A historia anterior é como pouco dubidosa. Porén, a súa veneración como mártir comezou relativamente pronto, polo que se sabe a través de relatos de peregrinos dunha igrexa construída en Lod (daquela Dióspole) na súa honra durante o reinado de Constantino I, que se converteu no centro do culto oriental a Xurxo.

Cara aos anos 518-530, o arquidiácono e bibliotecario Teodosio relata que Dióspolis era o centro do culto de Xurxo. Un peregrino anónimo de Piacenza menciona o mesmo cara a 570.

A igrexa foi destruída en 1010, e reconstruída máis tarde polos cruzados. En 1191, durante a Terceira cruzada (1189-1192), a igrexa foi de novo destruída polas forzas de Saladino. Unha nova igrexa, que aínda se mantén en pé, foi erixida en 1872.

Durante o século IV a veneración ó santo estendeuse desde Palestina ó resto do Imperio Romano de Oriente. No século V a súa popularidade chegou á parte occidental do imperio.

Canonización No 494 Xurxo de Capadocia foi canonizado polo papa Xelasio I, se ben o incluíu xunto con «...aqueles con nomes xustamente reverenciados, pero cuns actos só coñecidos por Deus».

Esta afirmación non evitou a creación de diversas historias apócrifas sobre a súa vida, varias delas cheas de milagres. De acordo coa Enciclopedia Católica, o texto máis antigo preservado sobre vida do santo encóntrase na Acta Sanctorum, identificada por estudosos como un palimpsesto do século V, «cheo de extravagancias e marabillas máis alá de calquera credibilidade».

Cara a finais do século VI o abade irlandés Adomnanus, da abadía da illa de Iona, relata algunhas das lendas orientais de Xurxo recollidas polo bispo galo Arkulf na súa peregrinación a Terra Santa no 680.

Nos comezos do islam, o santo cristián uniuse —a través do sincretismo relixioso e cultural— co profeta xudeu Elías, o predicador xudeu samaritano Pineas e o santo islámico al-Hadr ('o verde', do árabe hadir) para formar unha figura relixiosa que era e aínda é venerada nas tres grandes relixións monoteístas.

O nome de al-Hadr é máis correntemente transcrito como al-Khidr ou al-Khadir.

A historia de al-Khadir co profeta Moisés no Sagrado Corán árabe: al-Qur'an al-Karim onde se lle chama Musa encóntrase na azora 18, Surat al-Kahf. É unha historia característica para as realidades místicas e gnósticas do sufismo, a ciencia esotérica do islam.

A lenda do dragón miniatura|San Xurxo e o dragón, relevo en Salceda de Caselas. No século IX aparece outra popular historia: San Xurxo a cabalo como vencedor dun dragón. Esta historia, que é parte da lenda dourada, tamén é coñecida como «San Xurxo e o dragón», e é a probable orixe de tódolos contos de fadas sobre princesas e dragóns en occidente.

Cómpre ter en conta que a lenda se relata en diversas partes de Europa e Asia Menor como propia (e mesmo no Xapón, onde se pode equiparar a Xurxo co deus do trono Susano-oh, á princesa coa doncela Kushinada e ó dragón con Yamata-no-Orochi), así que os detalles varían segundo a tradición local.

Comeza cun dragón que fai un niño na fonte que prové de auga a unha cidade. Como consecuencia, os cidadáns debían apartar diariamente o dragón da fonte para conseguir auga, para o que ofrecían diariamente un sacrificio humano que se decidía ó azar entre os habitantes. Un día resultou seleccionada a princesa local.

Nalgunhas historias aparece o rei, o seu pai, pedindo pola vida da súa filla, pero sen éxito. Cando estaba a piques de ser devorada polo dragón, apareceu Xurxo nunha das súas viaxes (acotío sobre un cabalo), enfróntase ó dragón, mátao e salva á princesa. Os agradecidos cidadáns abandonan o paganismo e abrazan o cristianismo.

A historia, antigamente considerada verdadeira, foi abandonada progresivamente. Por outra parte, poucos dubidan de que contén un rico simbolismo relixioso, para o que se propuxeron diversas interpretacións.

Unha antiga interpretación cristiá do mito: Xurxo sería o crente, o cabalo branco a Igrexa e o dragón representaría o paganismo, a idolatría, a tentación e Satanás. Algúns historiadores laicos consideran que a historia ten raíces máis antigas que as cristiás. En Capadocia, como unha das primeiras rexións en adoptar ó santo, pode que houbese unha integración de elementos pagáns. Un candidato a predecesor de Xurxo de Capadocia é o deus Sabacio, pai celestial dos frixios, coñecido como Sabazius polos romanos. Evidentemente a súa imaxe a cabalo arrollando a unha serpe é a orixe da popular imaxe de San Xurxo sobre un cabalo branco. Por outra parte, a historia de Xurxo e o dragón ten moitos elementos comúns co antigo mito grego da princesa etíope Andrómeda e o seu salvador e posterior esposo Perseo, vencedor da gorgona Medusa. En ámbolos dous casos hai un dragón / Gorgona coa súa decapitación, unha princesa e unha recompensa, nun caso o matrimonio, no outro a conversión da cidade. Algunhas das lendas sobre Xurxo e o dragón sitúan a acción en Libia (antigamente, toda África do norte ó oeste de Exipto), é dicir, a acción en ámbolos dous casos se sitúa en distantes reinos «máxicos». Finalmente, a orixe podería estar nunha manifestación alternativa do Arcanxo Miguel, á fronte das hostes celestiais.

Popularidade en Occidente miniatura|San Xurxo, por Paolo Uccello, c. 1450 No reino Franco merovinxio xa se veneraba a Xurxo de Capadocia no século VI. Porén, non foi ata a Alta Idade Media, na época das cruzadas e da cabalería, cando se estendeu o seu culto por Europa.

Xurxo converteuse no protector dos cruzados na conquista de Xerusalén (15 de xulio de 1099). Como miles Christi (soldado de Cristo), converteuse no patrón dos cabaleiros e soldados, e en protector dalgunhas ordes relixiosas militares, como a Orde Teutónica (século XII) ou os templarios.

Sobre o século XII a lenda áurea estendeuse por Europa. Santiago da Vorágine, arcebispo de Xénova, escribiu a Legenda sanctorum, unha colección de fábulas sobre distintos santos. A historia de Xurxo de Capadocia destacaba entre outras. O libro, polo valor que tiña a ollos dos lectores do século XIII, acabou coñecéndose como Lenda aurea.

A información contida nos seus 177 capítulos (que noutras edicións son 182) actualmente se considera falsa, pero de notable valor literario. Estímase que o libro tivo unha profunda influencia na extensión da lenda en Occidente, tanto a nivel popular como na literatura e a pintura de Europa Occidental.

Nos últimos séculos da Idade Media, Xurxo converteuse en patrón de cidades, burgos e casas nobres; tamén chegou a ser o primeiro dos 14 santos axudadores como protector dos animais domésticos.

Xurxo de Capadocia en Eurasia Alemaña No século IX (ou quizais posteriormente, no XI) aparece en Alemaña a "Canción de San Xurxo". Baseada en precedentes latinos e redactada en alto alemán, conta o martirio do santo. Atribúese ó primeiro poeta coñecido en lingua alto alemá, Otfrid von Weißenburg (cara a 800 - † despois de 870), aínda que só se pode demostrar a existencia da canción a partir do século XI. A orixe podería estar no mosteiro de Prüm, ó que o emperador Lotario I (840-855) doou un brazo cortado e disecado, dicindo que era unha reliquia de San Xurxo. Iso converteuno no centro de veneración dos francos. miniatura|Igrexa de San Xurxo en Reichenau Porén, a linguaxe alta alemá indica unha orixe na illa de Reichenau. Cara ao século IX —mercede á mediación do arcebispo de Maguncia e abade de Reichenau Hatto III (891-913)— chegaron desde Roma, entre outras reliquias, un cranio atribuído a Xurxo. Para esta reliquia construíuse a igrexa de San Xurxo.

Esa igrexa, declarada no século XX Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, conservou pinturas murais do século X con escenas da vida de Xesucristo tomadas dos evanxeos. Como consecuencia, Reichenau converteuse nun gran centro de veneración de Xurxo de Capadocia, que estendeu a súa influencia ata o convento de Sankt Georgen (1084/1085) na Selva Negra.

Francia Existen 81 localidades e varios centenares de igrexas co nome de Saint-Georges.

Xeorxia miniatura|Bandeira de Xeorxia. San Xurxo é o patrón de Xeorxia. A bandeira actual é unha Cruz de San Xurxo, e o escudo ten unha representación do santo a cabalo matando ó dragón.

Os xeorxianos autodenomínanse Kartvelebi (ქართველები) e ó seu país Sakartvelo (საქართველო). O nome occidental de Xeorxia deriva do persa گرجی Gurji a través do árabe Jurj.

A escritura do nome está influenciada pola raíz grega geōrg- (γεωργ-, a mesma raíz de Γεώργιος 'Georgios'), e por etimoloxía popular creuse que o nome provén de San Xurxo, patrón do país.

A palabra persa گرجی Gurji e a relacionada armenia Vrastan parecen estar relacionadas co nome Iberia, con perda do i- inicial e substitución do b por w ou v.

Para os xeorxianos, San Xurxo celébrase o 14 de agosto, tradición que provén directamente da festa do deus Luno (Xurxo branco).

Grecia Xurxo de Capadocia segue sendo venerado en Grecia, onde se lle deu o nome de Gran Mártir.

Para os eslavos de Corinto, a celebración do «San Xurxo Verde» toma o aspecto folclórico dun rito para obter choiva.

A Península Ibérica Na Idade Media Xurxo pasou a ser patrón da Coroa de Aragón e de Portugal. Nesa época o padroado de Santiago comezou a ser incómodo pola súa asociación con Castela, a gran potencia da península.

A Coroa de Aragón miniatura|O escudo de Aragón loce a cruz de San Xurxo no terceiro cuartel En 1096 as hostes do rei Sancho Ramírez de Aragón asediaban a cidade de Alcoraz, cerca de Huesca. Tras recibir axuda desde Zaragoza, os asediados conseguiron matar ó rei, pero gañan a batalla de Alcoraz, segundo a tradición, mercé á aparición de San Xurxo. Posteriormente o rei Pedro I de Aragón conquistou Huesca tras invocar a axuda do santo.