Cepheus ou Cefeo é unha constelación do norte que representa ó lendario rei de Etiopía Cefeo, casado con Casiopea e pai de Andrómeda. É unha das 88 constelacións modernas e unha das 48 constelacións nomeadas por Tolomeo.
Estrelas principais
α Cephei (Alderamin), a estrela máis brillante da constelación con magnitude 2,44, de cor branca. β Cephei (Alfirk), prototipo das variables Beta Cephei, estrela branco-azulada de brillo variable entre magnitude 3,15 e 3,21. Ademais é unha estrela Be que expulsa materia da súa superficie. γ Cephei (Errai), con magnitude 3,22 é un sistema binario cun planeta extrasolar ó redor da estrela principal, unha subxigante laranxa. δ Cephei, unha das estrelas máis famosas do ceo por se-lo prototipo das variables Cefeidas. É ademais unha estrela dobre. ε Cephei (Phicares), o seu nome é de orixe fenicio, é unha variable Delta Scuti de magnitude 4,18. ζ Cephei, superxigante laranxa de magnitude 3,39 a 725 anos luz de distancia. μ Cephei, a estrela granate, unha superxigante vermella e unha das estrelas visibles de maior tamaño. ν Cephei, superxigante branca de magnitude 4,29. ξ Cephei (Alkurhah), estrela dobre moi vistosa cunhas compoñentes que están separadas 8 segundos de arco. 19 Cephei, estrela azul tan afastada que non se coñece con exactitude a distancia á que se atopa. OV Cephei, unha xigante vermella a só 3º do polo norte celeste que se atopa a 500 anos luz de distancia. VV Cephei, unha das estrelas máis grandes que se coñecen; ademais é unha binaria eclípsante. Kruger 60, un sistema estelar composto por dúas ananas vermellas distante só 13 anos luz do sistema solar.
Obxectos Notables de espazo profundo
NGC 6939, AR: 20h 31m 24.0s Dec: +60°38'00" (Época 2000). Cúmulo aberto a 2.5 graos ó sur de θ Cephei. NGC 188, cúmulo aberto, o máis próximo ó polo norte celeste. NGC 6946, galaxia espiral na que se teñen observado oito supernovas, máis ca calquera outra galaxia. NGC 40 e NGC 7354, nebulosas planetarias.
Mitoloxía
300px|miniatura|Cepheus, rei de Etiopía
Casiopea é a nai de Andrómeda e muller de Cefeo, rei de Etiopía. Casiopea estaba tan fachendosa da beleza da súa filla que, por rivalizar coas Nereidas, estas pedíronlle a Poseidón, deus dos mares, vinganza e el coma resposta enviou o monstro mariño (Cetus) ás costas do país causando grandes males.
Para enfrontarse a esta situación, Cefeo consultou o oráculo de Amón, quen lle aconsellou sacrifica-la súa filla Andrómeda expoñéndoa atada a unha rocha nuns cantís para que fose vítima do monstro. Así, Andrómeda é ofrecida a Cetus. Perseo, que viña de regreso da súa viaxe despois de derrotar a Medusa, divisou a vítima e namorouse no acto dela. Propuxo a Cefeo liberala, a cambio de que se lle concedese a súa man. Perseo mata ó monstro e posteriormente casase con Andrómeda.
Cefeo, o pai de Andrómeda, foi catasterizado por vontade de Atenea.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
The Deep Photographic Guide to the Constellations: Cepheus Star Tales – Cepheus