O amieiro, ameneiro ou abeneiro (Alnus glutinosa), é unha árbore do xénero Alnus, da familia das betuláceas. Atópase en toda Europa, Siberia e norte de África. É a árbore por excelencia das ribeiras galegas formando os chamados bosques galería.

Etimoloxía thumb|left|150px|Distribución dos nomes O nome amieiro (e a súa variante ameneiro) ten orixe prerromana, paleoindoeuropea a partir da partícula am, "canle", á que posteriormente se engadiría o sufixo latino –ario. No galego de Asturias recibe o nome de umeiro, mais cómpre non confundilo coas árbores do xénero Ulmus (umeiros ou ulmeiros). A forma ameneiro é especialmente setentrional, mentres que amieiro distribúese máis ben polo sur.

Probabelmente orixinouse a partir do latín vulgar *AMINARIU, forma derivada da voz celta ameia.

Ó conxunto de árbores se lles denomina amial, amieiral, ameneiral ou abeneiral segundo a zona.

Descrición Árbore de ribeira que pode acadar uns 25 m de altura. A folla é caediza de 6 a 12 cm de longo con pecíolos curtos (5–10 cm), de cor verde escura, pola face anterior e un chisco máis clara polo revés, limbo arredondado e con extremidade truncada. Unha orixinalidade é que fican verdes até a súa caída no outono. Con 5 a 8 pares de nervios paralelos. Feixes de pelos abrancazados ou arroibados nas axilas do revés. Cando agroman na primavera, resultan algo pilosas, ficando moi cedo sen pelos. As follas novas e os gomos son moi pegañentos cando son novos, con características glándulas resinosas. Xemas estreitas e ovoides, clara e grosamente pedunculadas en forma de maza co extremo arredondado, de cor parda avermellada ou violácea, con frecuencia punteadas moi finamente de branco por secrecións céreas, as terminais maiores cás laterais. Inserción espiraliforme no ramiño. Atópanse cubertas por 3 escamas, das que só dúas son visíbeis.

Florea antes de aparecer as follas. Os amentos masculinos (chamados candeas), de 5 a 10 cm, son delgados, cilíndricos e pénsiles, de coloración avermellada. Os femininos son máis miúdos (2 cm) e de cor marrón escura a negro, duros e algo lígneos, gardando certa semellanza cos conos das coníferas. Cando as sementes miudiñas e aladas son ceibadas, os conos fican na árbore, a miúdo durante todo o inverno.

Os amieiros propáganse de xeito doado por semente, malia botaren abundantes chupóns da raíz. As raíces moi estendidas en superficie. Perde logo a raíz principal e desenvolve numerosas raíces secundarias oblicuas e outras terciarias verticais de ancoraxe forte, máis fondas, o que lle permite resistir enchentes. En condicións de chea continuada produce raíces adventicias tenras e ramificadas polo toro. Nas raíces superficiais posúe nódulos ( de 2 a 12 cm de diámetro) fixadores de azote atmosférico, asociado á bacteria Actinomyces alni. O amieiro necesita ter as súas raíces permanentemente mergulladas. Atura enchentes periódicas sempre que haxa renovación de auga corrente.

Son árbores de especial importancia ecolóxica, a base do toco dos amieiros é un prezado refuxio para pequenos vertebrados e invertebrados bentónicos.

Nas Gándaras de Budiño, na desembocadura do Ulla e no río Lérez, atopamos exemplos dos mellores amieirais da península.

miniatura|right|250px|Os amieirais ocupan brañas e lameiros, lugares moi húmidos. Amieiral no río Landro, Galicia. miniatura|right|250px|Casca dun exemplar noviño de ameneiro.

Usos A madeira do amieiro é resistente, branda, lixeira, doada de traballar e consérvase ben baixo a auga. A cor é bastante clara, mais ao cortala tórnase de cor arroibada e por iso en moitos países de Europa crían que esta árbore estaba embruxada. A madeira é moi resistente na auga e por iso empregábase para a construción de palafitas. Os alicerces dos edificios de Venecia están feitos de pau de amieiro.

En Galicia Coa súa casca, xunto con lascas de ferro facíase unha excelente tintura negra para curtumes, puchas e sombreiros, ou ben extraíase un aceite para repeler mosquitos. A madeira, como era resistente a auga, utilizábase na construción de pontellas, pontes, muíños e postes baixo a auga, e tamén na fabricación de pequenos utensilios e zocas, actividades estas últimas que continúan na actualidade. Asemade o seu carbón tiña utilidade para a fabricación de pólvora.

Propiedades medicinais A casca contén tanino, utilizado para rebaixar os niveis de colesterol. A decocción da súa casca emprégase facendo gargarexos contra as anxinas e a farinxite.

O amieiro na cultura popular galega

Segundo as lendas, é unha das árbores usadas para gardar tesouros e tamén é a árbore para fabricar as máscaras do Entroido ourensán, polo pouco peso da súa madeira.

As follas de ameneiro úsanse para aliviar os pés doridos e tamñen para retirar o leite nas mulleres que crían. Colocando follas de ameneiro sobre un furuncho axuda a que rebente e cure. E colocándoas sobre un tirizó aceleran a súa maduración.Víctor Lis Quibén: La medicina popular en Galicia, Akal, Madrid 1980 , 288.

Un cocemento da súa codia disque serve para endurecer as enxivas e fixar os dentes.Concello do Grove: Rutas da Natureza: Primavera (1990).

Taxonomía Alnus glutinosa foi descrita por (L.) Gaertn. e publicado en De Fructibus et Seminibus Plantarum. . . . 2: 54. 1790. Subespecies Alnus glutinosa glutinosa. Europa. Alnus glutinosa barbata. Norte Anatolia (Rize,Trebisonda, Artvin) Alnus glutinosa antitaurica. Sur Anatolia, raro. Alnus glutinosa betuloides. Leste Anatolia.Variedades en Catalogue of life Sinonimia Alnus glutinosa var. denticulata (C.A.Mey.) Ledeb. Alnus vulgaris Druce Betula alnus var. glutinosa L. Betula glutinosa (L.) L.

Nomes comúns Umeiro, omeiro, amineiro, amieiro, amieira, ameneiro, ameeiro, abineiro, abeneiro branco e abeneiro.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía (1929): "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, páx. 153-204. Real Academia Gallega: Diccionario gallego-castellano. A Coruña 1913-1928. Vocabulario Forestal (galego-español-inglés), Servizo de Normalización Lingüística, Universidade de Santiago de Compostela, 2012.

Categoría:Alnus Categoría:Árbores Categoría:Árbores de Galicia Categoría:Árbores de ribeira Categoría:Flora de Europa Categoría:Flora da Europa Atlántica Categoría:Madeiras Categoría:Plantas tintorias