miniatura|dereita|250px|Tulipáns (Tulipa), unha das moitas especies de plantas bulbosas. miniatura|dereita|250px|Lilium regale. miniatura|dereita|250px|Grupo de crocos (Crocus) en floración.

As plantas bulbosas son plantas herbáceas e perennes que presentan órganos subterráneos de reserva de nutrientes, tales como bulbos, cormos, rizomas, tubérculos e raíces tuberosas. Estas especies adoitan perder a súa parte aérea durante as épocas desfavorables de crecemento (o inverno ou o verán, dependendo da especie) e permanecen en repouso grazas ás reservas almacenadas nos seus bulbos. Cando as condicións estacionales volven ser favorables, ditas reservas sustentan o novo ciclo de crecemento. Ademais, os bulbos tamén permiten a multiplicación vexetativa ou asexual nestas especies.Rosella Rossi. 1990. Guía de Bulbos. Grijalbo. Barcelona.Hessayon, D.G. The Bulb Expert. Transworld Publishers Ltd. Londres, 1999 O concepto de "plantas bulbosas" fai referencia, basicamente, a aquelas especies que se empregan como ornamentais en parques e xardíns ou ben, como flores de corte, fóra deste ámbito non se emprega para referirse a plantas cuxas estruturas de propagación vexetativa non sexan bulbos.

Adaptacións ao medio As plantas resolveron de xeitos moi diversos o problema da supervivencia durante épocas adversas, como son os invernos moi fríos e os veráns excesivamente cálidos e secos. Así, as especies anuais completan o seu ciclo durante as estacións favorables e transcorren como sementes as épocas desfavorables para o crecemento. As plantas bulbosas, en cambio, desenvolveron órganos subterráneos de reserva que lles permiten sobrevivir durante as estacións desfavorables en estado de repouso e reiniciar o crecemento cando as condicións ambientais volven ser favorables.

As adaptacións e as estratexias das plantas bulbosas poden satisfacer esixencias ecolóxicas moi diversas. Numerosos tulipáns (Tulipa) de orixe asiática, por exemplo, están adaptados a un clima continental extremo, con veráns secos e tórridos, invernos xeados e primaveras con breves chuvieiros, período no cal desenvolven o seu ciclo completo. Existen, por outra banda, moitas especies de soutobosque, como algúns crocos (Crocus), a escila (Scilla) e o dente de can (Erythronium) que, grazas ás súas reservas alimenticias, medran axiña e cumpren o seu ciclo a comezos da primavera, antes de que as follas das árbores se desenvolvan e lles quiten a luz do sol.

miniatura|dereita|Scilla non-scripta medrando nun soutobosque

Moitas plantas bulbosas habitan comunidades adaptadas aos lumes recorrentes durante a estación seca (exemplo, varias especies de Iridaceae). Neses períodos, as plantas bulbosas áchanse en repouso e dese xeito sobreviven á calor do lume. Os incendios limpan de vexetación a superficie, eliminando a competencia e, ademais, achegan nutrientes ao chan a través das cinzas. Cando as primeiras choivas caen, os bulbos, cormos e rizomas comezan a brotar axiña, iniciando un novo período de crecemento e desenvolvemento sostido polas reservas acumuladas nos seus tecidos durante a estación previa. Varias especies do xénero Cyrtanthus, por exemplo, son recoñecidas pola súa rápida capacidade de florecer logo de incendios naturais de pasteiros, por iso é polo que varias destas especies sexan coñecidas como "Lirios de lume". De feito, certas especies tales como Cyrtanthus contractus, Cyrtanthus ventricosus e Cyrtanthus odorus, só florecen logo de que se producen os incendios naturais.

Distribución na natureza O maior número de especies de plantas bulbosas atópanse en rexións do mundo cun clima mediterráneo, isto é, onde os invernos son fríos e húmidos e os veráns son secos e cálidos, cunha primavera curta. As reservas acumuladas nestas plantas permítenlles medrar axiña na primavera, antes de que as herbas anuais teñan tempo de facelo. Cinco áreas no mundo teñen este tipo de clima: a rexión do Mediterráneo, estendéndose cara ao leste ata Asia Central; California; a rexión central de Chile, o extremo sur de Suráfrica e o oeste e sur de Australia.

Nos climas tropicais, onde existe alternancia de estacións secas e húmidas, as plantas bulbosas son tamén moi comúns. Finalmente, algunhas especies bulbosas tamén proceden de rexións con choivas estivais e invernos secos. Unha rexión con este tipo de clima e que é particularmente rica en especies bulbosas é a das montañas Drakensberg no nordés da provincia do Cabo Occidental en Suráfrica.Phillips, R. & Rix, M. 1989. Bulbs. Pan Books Ltd.]

Historia da súa utilización O uso das plantas bulbosas é probablemente tan vello como a civilización humana. Dende as orixes da historia, as raíces ou talos carnosos e subterráneos de moitas especies foron empregados como alimento. Así, a pataca (Solanum tuberosum), a oca (Oxalis tuberosa) e a batata (Ipomoea batatas) foron cultivadas en Suramérica por centos de anos como fonte de alimento. Os exipcios cultivaban cebolas (Allium) e os gregos producían e exportaban grandes cantidades de sasafrán (Crocus sativus) a outros pobos. Co transcurso do tempo, a xente tamén comezou a percibir a moitas especies bulbosas como obxectos de simbolismo relixioso e non soamente como fonte de alimento. Os lirios (Lilium), por exemplo, foron empregados como símbolo de pureza durante centos de anos.

miniatura|dereita|Lirios nun fresco da idade de bronce que representa unha paisaxe primaveral. Escavacións de Akrotriri, Santorini (Grecia). Existen pinturas en palacios de Grecia de máis de 3.000 anos de antigüidade que testemuñan ese uso. Esta asociación entre a pureza e certos lirios pasou máis tarde á cristiandade, onde á Virxe María era representada con flores de lirio (Lilium candidum, "Madonna Lily" en inglés) nos seus brazos. O símbolo da flor de lis estivo orixinalmente baseado na flor dunha especie de Iris (Iris pseudacorus) e aparecía en pinturas relixiosas exipcias e indias moito antes que fose adoptado como emblema dos reis de Francia dende o Século V. As plantas bulbosas entón, serviron como alimento, símbolos relixiosos e do poder real desde hai miles de anos. Así mesmo, foron admiradas e utilizadas pola beleza das súas flores dende tempos inmemoriais e por moitas civilizacións. A lista de países que utilizaron ás plantas bulbosas como ornamento antes da era cristiá é bastante longa, e inclúe a Grecia, Exipto, China, Corea e a India. Aínda máis longa é a lista de xéneros que eran cultivados en tales países como plantas ornamentais: Lycoris, Lilium, Crocus, Cyclamen, Narcissus, Scilla, Gladiolus, Muscari, Ranunculus, Allium, Iris e Hyacinthus.

Emprego en xardinería As plantas bulbosas son as máis versátiles de tódalas especies para o xardín. Florecen en sitios moi diferentes e embelecen tódalas estacións do ano. Ademais da beleza das súas flores, moitas especies de plantas bulbosas posúen un atractivo follaxe, o que as fai aínda máis valiosas no deseño de parques e xardíns. A maioría delas, doutra banda, son relativamente rústicas e non demandan grandes coidados, multiplícanse ano tras ano formando colonias que, como máximo, hai que ralear ou aclarar para asegurar boas floracións. Existen en tódalas cores imaxinables e moitas posúen exquisitos recendos. Con respecto ao tamaño, pódense atopar especies de poucos centímetros de altura como Crocus minimus ata exemplares de 3,6 m como Cardiocrinum giganteum.Taylor, P. 1996. Gardening with Bulbs. Pavillion Books Ltd., Londres.

Macizos e borduras Os macizos e as borduras son os lugares do xardín onde tradicionalmente se plantan as especies bulbosas. A elección das especies a plantar dependerá de varios factores, tales como o tipo de chan, a posición (sitio con sol ou con sombra), a cor ou efecto que se desexa lograr no xardín e a época do ano na cal se desexa que as plantas florezan.

miniatura|dereita|Bordura de tulipáns e iris).

A continuación amósanse exemplos da época de floración dalgunhas especies bulbosas: Plantas bulbosas de floración primaveral. A primavera é a estación do ano típica das plantas bulbosas. Algúns exemplos son: Allium, Arum, Asphodelus, Camassia, Convallaria, Crocus, Cyclamen, Eranthis, Freesia, Fritillaria, Galanthus, Hyacinthus, Hippeastrum, Iris, Ixia, Leucojum, Muscari, Narcissus, Ornithogalum, Ranunculus, Scilla, Trillium, Tulipa e Zephyranthes. Plantas bulbosas de floración estival: Achimenes, Agapanthus, Allium, Alstroemeria, Amaryllis, Anemone, Begonia, Calochortus, Canna, Crinum, Crocosmia, Dahlia, Dierama, Eucomis, Galtonia, Gladiolus, Gloriosa, Haemanthus, Hymenocallis, Lillium, Oxalis, Pancratium, Paradisea, Polianthes, Sprekelia, Tritonia, Watsonia, Zantesdechia. Plantas bulbosas de floración outonal: Crocus, Colchicum, Cyclamen, Nerine, Sternbergia. Plantas bulbosas de floración invernal: algunhas especies dos xéneros Galanthus, Crocus, Cyclamen e Eranthis.

Naturalización Nos parques extensos é posible plantar algunhas especies para que se multipliquen espontaneamente e medran entre o céspede ou debaixo das árbores. Esta práctica, a naturalización dunha especie, esixe que se cumpran os requirimentos ecolóxicos da especie en cuestión e esta moi espallada nos países anglosaxóns. A vantaxe máis evidente desta práctica de cultivo é que os coidados necesarios son mínimos unha vez lograda a naturalización. As plantas axeitadas para naturalizar son aquelas suficientemente pequenas, pero capaces de competir co céspede circundante; rústicas, como para soportar ano tras ano as inclemencias do clima e prolíficas como para difundirse rapidamente. miniatura|dereita|Crocos naturalizados nos xardíns de Victoria Park, Londres Algúns dos xéneros de plantas bulbosas axeitados para naturalizar en xardíns son: Allium, Anemone, Arum, Colchicum, Crocus, Cyclamen, Endymion, Fritillaria, Galanthus, Ipheion, Leucojum, Lilium, Muscari, Narcissus, Ornithogalum, Scilla, Sternbergia e Tulipa.

Xardíns de rocalla O xardín de rocalla é un espazo bastante reducido onde se poden crear condicións moi diferentes e cultivar un gran número de especies. A única limitante é o tamaño das plantas, que debe ser pequeno. Algúns dos xéneros de plantas bulbosas máis axeitados para o xardín de rocalla son : Allium, Anemone, Anthericum, Bulbocodium, Chionodoxa, Cyclamen, Eranthis, Erythronium, Galanthus, Ipheion, Muscari, Ornithogalum, Oxalis, Romulea, Rhodohypoxis e Scilla.

Adquisición As plantas bulbosas poden ser perennifolias, tales como Clivia, Agapanthus e moitas especies e variedades de Iris e Hemerocallis. Porén, a vasta maioría das plantas bulbosas son caducifolias xa que atravesan períodos do ano nos cales perden toda a parte aérea e os órganos de reserva áchanse en repouso baixo terra. Esta característica aproveitouse na comercialización deste tipo de plantas, xa que ao iniciarse o período de repouso, os bulbos poden arrincarse do terreo e acondicionarse para a súa venda, podendo permanecer secos, sen substrato algún, durante semanas ou meses.

Multiplicación As plantas bulbosas poden multiplicarse sexualmente, a través de sementes, ou ben vexetativamente. A multiplicación por sementes utilízase, en xeral, para incrementar rapidamente o número de exemplares dunha especie e cando se realiza melloramento xenético. Moitas das especies de plantas bulbosas son autoincompatibles, polo que se deben realizar polinizacións entre clons ou plantas diferentes para obter sementes. A maioría das sementes das plantas bulbosas xerminan ben cando se sementan axiña que como maduran. Algunhas especies necesitan un período de frío para xerminar.