O Huascarán, con 6768 metros, é a cima máis alta do Perú e a cuarta maior da América do Sur. Está situada na Cordillera Blanca, nos Andes centrais peruanos, na provincia de Yungay.
É característica a súa dupla cima: a máis elevada, Huascarán Sur (6768 m) está separada polo colado da Garganta do Huascarán Norte, de 6655 metros.
A montaña e o territorio circundante están incluídos no Parque Nacional de Huascarán, declarado Patrimonio da Humanidade en 1985.
Étimo O seu nome procede do quechua waskha (cadea) e ran (pedras ou montañas rochosas). Huascarán significa, entón, cadea de montañas. Hai, ademais, diversas lendas acerca da orixe do nome Huascarán, pero a máis verosímil conta que «o inca Huayna Cápac ao pasar por Yungay deulle o nome do seu fillo primoxénito, Huáscar, á montaña máis alta e fermosa», porque Huascarán tamén se pode interpretar como «A montaña de Huáscar».
Historia A cima norte foi alcanzada en 1908 por unha expedición norteamericana, da que formaba parte Annie Smith Peck.
A primeira ascensión ao Huascarán Sur rexistrada foi realizada o 20 de xullo de 1932, por unha expedición xermano-austríaca, encabezada por H. Bernhard, E. Hein, H. Hoerlin e E. Schneider.
O 10 de xaneiro de 1962 rexistrouse un alude iniciado no pico norte do Huascarán. Desapareceron 4 000 habitantes e varias poboacións foron criticamente danadas: Ranrahirca, Shacsha, Huarascucho, Yanama Chico, Armapampa e Uchucoto.
O 31 de maio de 1970, un gran terremoto provocou o desprendemento dunha enorme cantidade de xeo, neve e rochas desde a cima norte, causando o sepultamento da cidade de Yungay, a morte de máis de 20 000 persoas e a desolación de boa parte dos arredores.
Desde xullo ata setembro de 1979, o alpinista e médico Nicolas Jaeger viviu 60 días, só, a 6 700 m de altura, xusto nas proximidades da cima do Huascarán, para estudar os efectos da hipoxia no seu propio organismo. Como resultado da experiencia realizouse a película Operación Supervivencia.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Ascencións ao Huascarán ata 1970
Categoría:Montañas do Perú