Anxo Manuel Quintana González, nado en Allariz o 25 de febreiro de 1959, é un político galego. Foi o Voceiro Nacional do BNG desde 2003 ata 2009 e vicepresidente da Xunta de Galicia desde 2005 ata 2009.
Traxectoria persoal miniatura|Anxo Quintana nun xantar da súa formación.|esquerda|252x252pxO seu avó paterno foi alcalde durante o reinado de Afonso XIII de España e o materno alcalde liberal de Allariz durante a II República Española e un tío-avó materno militante comunista, exiliado após a imposición do franquismo até 1976.
Terceiro de cinco irmáns, de cativo trasladouse cos seus pais a Vigo, onde estes montaran unha drogaría tras da cal estaba a vivenda na que habitaría a familia, sen perder en ningún momento o contacto coa vila de Allariz.
Estudou no colexio dos Xesuítas de Vigo (Pontevedra) e posteriormente comezou os estudos de medicina na Universidade de Santiago de Compostela, deixándoos en segundo curso para adicarse á política mentres traballaba como comercial ou camareiro. Finalmente acabou por ser Diplomado en Enfermaría pola Universidade de Vigo.
Traballou no Hospital Cristal Piñor de Ourense e foi nomeado socio de honra da Sociedade de Medicina Xeral pola mellora da atención primaria no medio rural.
De rapaz, Quintana destacou como futbolista, sobre todo como dianteiro centro, ata o punto de que o Elche CF, daquela na Segunda División española, ofreceulle un contrato profesional, que rexeitou para quedar na súa terra. É un afeccionado á cociña"Anxo Quintana" , El Correo Gallego, 18 de marzo de 2007. e o que máis lle gusta é a lamprea e os viños galegos, "sobre todo dos que fan nas novas adegas na zona de Monterrei".
Traxectoria política
1977-1989: Orixes e concelleiro da oposición en Allariz Desde 1977, colaborou na introdución do sindicalismo agrario nacionalista na provincia de Ourense, e realizou a súa primeira intervención política con 18 anos, perante 200 labregos en Xunqueira de Ambía. En 1982 participou na fundación do Bloque Nacionalista Galego aínda que a prestación do servizo militar obrigatorio lle impediu acudir ao Frontón de Riazor, na Coruña, onde se había celebrar a I Asemblea Nacional fundacional.
Após as Eleccións municipais de 1983 converteuse en concelleiro en Allariz e logo das eleccións de 1987 o BNG quedou a só 19 votos de acadar a alcaldía, dobrando o número de concelleiros, feito que foi considerado practicamente nunha vitoria. Pola contra, Alianza Popular mudou tres veces de alcalde en dous anos, o que provocou unha deterioración na política municipal e o rexeitamento dos veciños de vez que se fortalecía a posición do BNG.
1989–2000: Alcalde de Allariz 180x180px|Mitin de Anxo Quintana en Santiago de Compostela (ano 2008).|miniatura|esquerdaAllariz pasara de ter 10 000 habitantes e ser unha das vilas máis vizosas da Provincia de Ourense a perder case a metade da poboación ante a inacción e inestabilidade dos sucesivos gobernos municipais e o que se consideraba unha conduta ditatorial do entón alcalde Leopoldo Pérez Camba e así, en 1989, coincidindo cunha tempada de seca que deixara o río Arnoia -moi contaminado- e as billas sen auga, as revoltas populares expulsaron o alcalde de Allariz e deron o temón do concello a Quintana tras tres meses de encerros e mobilizacións.
Nas municipais de 1991, sae elixido alcalde, cargo que desempeñará ata o 2000, froito desta xestión convertería a vila de Allariz nun dos feudos electorais do BNG. Entre 1995 e 2000, ocupou tamén a vicepresidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Durante o mandato de Quintana, Allariz recibiu o premio do Consello Europeo de Urbanismo pola “ordenación e recuperación do conxunto histórico e do seu río” (1994) e foi unha das vilas seleccionadas para representar a España no concurso Hábitat da ONU, que recoñece os concellos que destacan na defensa do desenvolvemento sustentable. O 1 de setembro de 2000 renunciou á alcaldía, e foi elixido alcalde Francisco García Suárez no pleno extraordinario celebrado ese día.
2000–2005: Senador e Portavoz Nacional do BNG No ano 2000 presentouse como candidato a senador nas eleccións ás Cortes españolas sen chegar a acadar os votos precisos, con todo, pasaría a ocupar dito posto por designación autonómica en abril dese mesmo ano, converténdose así no primeiro e único representante do BNG. Repetiría despois das Eleccións ás Cortes españolas de 2004, desempeñando o cargo ata setembro de 2005, cando volveu a Galiza para asumir a vicepresidencia da Xunta, e relevaríao no cargo Francisco Jorquera.
A X Asemblea Nacional do BNG, celebrada no 2002, designou a Anxo Quintana Coordinador da Executiva Nacional, cargo de nova creación que o convertía no número 2 do partido, só por tras de Xosé Manuel Beiras. O 23 de novembro de 2003, tras a XI Asemblea, gañaría as eleccións como candidato de consenso para ser Portavoz Nacional co 70% dos votos fronte o 22,3% de Camilo Nogueira, dándolle relevo así a Beiras.
2005–2009: Vicepresidente da Xunta miniatura|QuinTV foi o seu videoblog entre 2008 e 2009.|esquerda Tras as eleccións ao Parlamento de Galiza do 19 de xuño de 2005 sae escollido parlamentario como cabeza de lista do BNG pola provincia da Coruña. Grazas ao pacto entre BNG e PSdeG que constituíu o bipartito galego, asumiu a vicepresidencia da Xunta de Galicia, con competencias en Igualdade e Benestar, o 2 de agosto de 2005. Unha das súas accións de goberno de máis relevancia foi a creación das primeiras Galescolas e durante a xestión destas tivo que afrontar a dimisión do entón Secretario Xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada.
En 2006 converteuse no primeiro alto cargo da Xunta de Galicia en pedir o permiso de paternidade."Anxo Quintana, primer alto cargo de la Xunta que pedirá permiso de paternidad", ABC, 5 de febreiro de 2006 .
Asemade, compatibilizaría o seu cargo institucional co de líder do BNG, a fronte do cal protagonizaría en 2007 o XXV aniversario da formación no Frontón Municipal de Riazor, o mesmo lugar onde se celebrara a I Asemblea fundacional.
En vésperas das Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009 saltou a polémica nos medios por unhas imaxes publicadas nas que se poñía en cuestión a súa relación co empresario Jacinto Rey González.
2009–2016: Derrota electoral e pase a segunda liña O 14 de marzo de 2009 presentou a súa dimisiónQuintana anuncia diante do Consello Nacional que deixa o liderado do BNG coma Voceiro Nacional do BNG logo dos resultados nas eleccións ó Parlamento de Galicia, aínda que seguiu en funcións até a seguinte Asemblea Nacional da organización. Relevaríao o 10 de maio dese mesmo ano Guillerme Vázquez. Exerceu o seu posto como deputado no Parlamento até o verán de 2011, cando decide abandonar o seu escano e o seu posto no Consello Nacional do BNG para se dedicar á empresa privada. Paralelamente á súa dimisión como portavoz nacional xurdira dentro do Bloque unha importante corrente en torno á figura e á política desenvolvida até entón por Anxo Quintana, con posturas máis centristas cás afíns á UPG ou os beiristas de Encontro Irmandiño, que inicialmente se denominou "quintanismo" e que posteriormente se materializaría en Máis Galiza, xermolo de Compromiso por Galicia. A finais de xaneiro de 2015 volveu acadar un certo protagonismo nos medios ao impulsar a plataforma cívica Somos Nós co fin de reunificar o galeguismo, fortemente dividido tras a ruptura de 2012 en Amio. miniatura|300x300px|Anxo Quintana nunha entrevista para Nós TV.
2016: Abandono do BNG O 3 de marzo de 2016 anunciouse nos medios de comunicación a tramitación da súa baixa do BNG logo das diferenzas xurdidas coa organización do mesmo após a XV Asemblea Nacional celebrada no PALEXCO da Coruña, poucos días despois de que tamén o fixera Carlos Aymerich, converténdose así no segundo exportavoz Nacional, xunto con Xosé Manuel Beiras, en abandonar a fronte.
Unha semana despois reaccionaba aos artigos de La Voz de Galicia en resposta á súa baixa do BNG, cunha carta publicada na propia conta oficial de Anxo Quintana en Facebook, nela explicaba como foi ameazado sendo vicepresidente da Xunta de Galicia para que recuara no novo "concurso eólico" que a Consellaría de Industria, en mans do BNG, estaba a promover. No texto, aínda que non de xeito explícito mais si bastante evidente, dábase a entender que o presidente do grupo multimedia Corporación Voz de Galicia S. A., Santiago Rey Fernández-Latorre, foi autor da frase, en presenza do mesmo Quintana: "Un enfermero de Allariz no puede venir a cambiar el marco económico de Galicia".
Nas eleccións municipais de 2019 volveu a participar na lista electoral do BNG para o concello de Allariz, ocupando un posto simbólico. Vida persoal
Está divorciado da súa primeira muller, Teresa. Coa súa exparella Cristina Cid, concelleira e tenente de alcalde do BNG en Allariz, tivo dous xemelgos, Xabier e Lía nados no ano 2006.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Vontade de nación, conversas con Anxo Quintana, de Xosé Luís Barreiro Rivas, 2008, Difusora. Outros artigos Lista de senadores galegos desde a Transición Somos nós
Categoría:Nados en 1959 Categoría:Nados en Allariz Categoría:Vicepresidentes da Xunta de Galicia Categoría:Conselleiros da Xunta de Galicia Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo BNG Categoría:Alcaldes de Allariz Categoría:Alcaldes de Galicia polo BNG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Senadores de España polo BNG Categoría:Senadores por designación do Parlamento de Galicia