miniatura|Lobo gris Canis lupus signatus.

A seguir recóllese a pegada do lobo na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

O lobo recibe numerosos nomes ó longo da xeografía galega. Trátase dun animal considerado maléfico, encarnación do perigo para a xente e para o gando, inimigo por antonomasia, e moitas veces apónselle poderes máxicos e sobrenaturais. Para non amentalo polo seu nome propio, lobo, recórrese a denominacións alternativas, eufemísticas, co propósito de evitar a súa presenza e os seus ataques. Así, na lingua galega, temos apelativos como “o aquel”, “o outro”, “o becho”, “ o da boca rachada”, “o fillo do demo”, “o compadre” ou “o tío Pedro” entre moitos outros. Este mesmo fenómeno de nomes tabú fronte a nomes noa dáse tamén respecto ó raposo ou ó demo así como noutras realidades.

Eladio Rodríguez descríbeo así RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo tomo II (1960):

Existiu unha especie de imposto ou recompensa que, baixo o nome de carneiro do lobo, pagaban os labregos que tiñan ovellas ós cazadores, para que estes mataran os lobos. Se alguén non tiña carneiro que entregar ou non quería perder o animal, podía facer o pago en diñeiro. Eladio Rodríguez afirma que estaba documentado desde 1631 como de tempo inmemorial, en forma de pago do vasalo ó seu señor Eladio Rodríguez González, s. v. carneiro.Real Academia Galega (1913), s. v. carneiro..

O lobishome

miniatura|Graffiti de Lobishome en Pontevedra. O lobishome na cultura popular galega é unha figura recorrente tanto na literatura oral coma na escrita. En Galicia a tradición sinala que se un matrimonio ten sete ou nove fillos homes sen que nacera femia ningunha polo medio, o derradeiro quedará marcado polo estigma da fada, converténdose en lobishome, fuxindo para o bosque por un período de sete anos (aínda que segundo as zonas pode variar entre seis e nove anos), nese tempo non pode ser ferido nin capturado. Con todo na tradición galega tamén existe o neno que nace xa cos síntomas do lobishome e que padece ciclicamente os síntomas.

Un dos casos máis coñecidos de lobishome foi Manuel Blanco Romasanta, o lobishome de Allariz.

Na literatura galega o tema aparece recollido na obra O lobo da xente, do escritor ourensán Vicente Risco baseada na lenda popular galega do lobishome. Este texto publicouse no ano 1923, trátase dunha narración breve, con certos trazos de carácter etnográfico e ambiéntase na comarca ourensá de Trives.

O lobo na etnografía galega O lobo é un animal nocturno por excelencia (a noite e a escuridade son tempo de espíritos e fantasmas), e por iso só ataca de noite: de día, o lobo cre que o home é unha trabe posta en pé, e colle medo,Alonso Montero detectou que o uso de determinados nomes noa, como o amigo, só tiña lugar de noite, chamándoo polo seu nome propio, lobo, durante o día, cando non era perigoso. Nos Ancares leoneses cóntase que un médico curou un lobo ferido. Cando o levou ó monte, xa curado, preguntoulle "¿Agora, non me comerás?", e o lobu contestoulle que non, "pero, por se é caso, anda de día, que a noite é miña" ("Bestiario popular leonés II. Mitología del lobo", en Diario de León 21.12.2016). fuxindo da luz do día e do lume; unha presa de palla acesa serviría para axotalos, e disque algún se salvou a base de prender un misto tras outro. Os seus ollos brillan na noite como ascuas e a súa mirada ten tanta forza que anula o lume das escopetas que a xente dispare contra el, e as balas non o matan; por iso dise en Lalín que nunca se lle debe disparar de fronte porque así non sai o tiro, senón de costado ou por detrás. Parece ser que tamén foxe da música, e corren distintos sucedidos nos que un gaiteiro fainos fuxir tocando con forza a súa gaita. miniatura|Disque o lobo pode chegar a ser tan agarimoso coma un can.

Deus castigouno a vivir comendo carne só durante tres meses ó ano, outros tres meses ten que comer lama, outros tres aire e os últimos tres meses, nada, andando de folgazán, de modo que só mata durante eses primeiros tres meses.Nun conto recollido por Laureano Prieto na Gudiña xustifica nesta crenza -que el reduce a tres días- a decisión dun lobo que, tras matar un carneiro coa axuda do raposo, non o come e acordan enterralo para comelo máis adiante ("Como é sabido, o lobo come tres días carne, tres dúas terra e tres días aire. De modo que naqueles días non lle tocaba comer"). Obviamente, como adoita suceder nos contos, o raposo engáñao e termina por comer el só o carneiro (Laureano Prieto: "Cuentos de animales. La Gudiña e Orense", en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares 1948, 4, 126-129). En Melide din que é tan voraz que sempre ha morrer coa boca chea, do que sexa, de carne ou de herba, nunca está farto; e en San Xoán de Río contan que cando lle preguntaron se prefería "ter boca de rabo a orella ou rabo de legua e media", o lobo respondeu que "millor quero ter boca de orella a orella, que así como millor a ovella". Aínda así só pode comer a parte esquerda das súas presas, pois a metade dereita é de Deus e a esquerda é do demo.

Pero o lobo nunca ataca só á xente (e se algunha vez é quen de matar el só a alguén, o que fai é tapalo con follas e mato para ir buscar ós seus compañeiros e comelo logo entre todos). Ataca en grupos familiares, e uns van por diante da vítima -sexa home ou besta- e outros por detrás. Por veces, o lobo envórcase na lama e logo sacódese diante da presa para cegalo co barro,Plinio o Vello xa recollera esta crenza na súa Historia Natural, pero aplicada ás aguias cando atacaban os cervos. ou ben achéganse ata rozarlle as pernas co rabo, buscando traballalo, aumentarlle o medo ata que non poida máis. A xente que é atacada pode buscar refuxio gabeando nunha árbore, e nese caso o lobo agarda baixo a árbore toda a noite e mesmo se di que é quen de botalo abaixo rillando o tronco cos dentes.Nos contos, o lobo ameaza ás vítimas con serrar o tronco co seu rabo.

Risco tamén recolle no capítulo "Folkore de Melide", asinado a dúas mans con Amador Rodríguez Martínez dentro da monografía do Seminario de Estudos Galegos Terra de Melide, a crenza do poder máxico que tiña o lobo para enmudecer permanentemente a quen o atopaba en soidade na natureza.

Así, o lobo produce no home a quen quere atacar dous efectos, que Risco denomina como arripío e embazamento e que pretenden crearlle tal medo que non poida defenderse. O primeiro consiste no encrespamento do pelo cando o lobo está cerca, aínda que non o vexa nin o sinta; ata tal punto se pone o pelo de punta que chega a caerse a pucha e levantarse a roupa. O embazamento consiste en perder a fala: o lobo tolle a fala da súa vítima e así non pode pedir socorro; esta afasia pode durar ata varios días. Ánxel Fole, conta nun dos relatos que compoñen Á lus do candil cómo traballan os lobos á súa presa, e escribe:

Un e outro efecto débense á forza que o lobo ten na vista (como a que causa o mal de ollo), ó bafo que exhala o lobo ou ó seu cheiro, e son coñecidos tamén no resto de Europa.Risco 1962, p. 287.

Cóntase que San Mamede estaba a levantar unha capela nos montes que logo recibirían o deu nome: Serra de San Mamede. Para carretar a pedra que precisaba para erguer os muros, Mamede amansou dous corzos, pero dunha volta veu un lobo e comeulle un deles. Como castigo pola súa acción, o santo xunguiu o lobo co corzo que lle quedaba e con esta estraña xugada continuou a obra.Risco 1962, p. 345. Algo semellante conta Miguel-Anxo Murado sobre San Froilán: resulta que un lobo matoulle o burro que cargaba cos libros do convento que o santo levaba ás parroquias, e a Froilán non lle quedou outra que obrigar ó lobo a cargar coas alforxas cheas de libros; engade que esta escena está tallada no cadeirado da Catedral de Lugo, pero que a mesma lenda se conta doutros moitos santos europeos; incluso un deles, San Guillermo de Vercelli (1085-1142), chegou a montar a cabalo dun lobo que comeu ó seu burro.Miguel Anxo Murado: "O lobo de San Froilán", en La Voz de Galicia 11.10.2014.

Os pastores galegos encoméndanse a Santo Antón para evitar que o lobo chegue a adentar as súas ovellas, para o cal recitan un ensalmo.Risco 1962, p. 340.Santo Antón protexe igualmente as galiñas de seren comidas polo raposo. Outro santo protector do gando fronte o lobo e outras feras é San Bartolomeu.Risco 1962, p. 340.

Caza do lobo Foxo do lobo na Corredoira, Cerdedo Cotobade.|miniatura

En todo caso, o lobo representa no imaxinario popular o principal inimigo do home, o que explica o recurso ancestral a acabar con el mediante a caza ou con trampas, cebos, etc."Moi comúns foron no noso país, especialmente en comarcas montañosas, las batidas de lobos (Pablo Pérez Costanti: "Las monterías", en Notas viejas galicianas, Xunta de Galicia, 1993, 101-103)."O lexendario rei da fraga foi perseguido en tódolos tempos" (Eliseo Alonso: "Lobos", en La Voz de Galicia 23.04.1992)."O lobo foi, seguramente, o animal máis perseguido en Galicia ó longo da historia" (Enrique Chao Espina: Gran Enciclopedia Gallega 2003, s. v. Lobo). O mesmo arcebispo Diego Xelmírez promulgou no século XI unha ordenanza que esixía que "tódolos sábados, excepto os de Pascua e Pentecoste, os presbíteros, cabaleiros e campesiños que non estean lexitimamente ocupados, reuniranse para perseguir os lobos e preparar as trampas que vulgarmente se chaman 'fogios' (foxos ou fossos)", establecendo castigos severos a quen non acudise ás batidas: cinco soldos se é sacerdote ou cabaleiro e un soldo ou unha ovella se é campesiño.Pérez Costanti, px. 101 En 1326, o arcebispo Berenguel de Landoria insistía na obrigatoriedade de participar nas batidas contra os lobos, e ordenaba que tódalas semanas desde a Coresma ata o día de San Xoán, tódolos fregueses da parroquia, encabezados polo abade, se reunisen para cazar o lobo ou armar os foxos contra eles.

Pérez Costanti da noticia de ordenanzas reais ou municipais -referidas a Santiago de Compostela- organizando ou incentivando a caza de lobos e outras alimañas nos séculos XVI a XIX. Di que o rei de España Carlos IV decidiu en 1795 suspender as batidas e centrar a loita contra o lobo en premiar economicamente a quen presentase ante as Xustizas os animais cazados: oito ducados por cada lobo e dezaseis por cada loba (que ascendía a 24 ducados se se cazaba a lola coa súa camada). Pero en 1817, visto o pobre resultado desta medida, restableceu as batidas e mesmo participaba nelas persoalmente.

O lobo na toponimia galega A figura mítica do lobo deixou unha fonda pegada na toponimia ó longo do territorio galego, e así temos topónimos que fan referencia ó animal (Cabeza de lobo, A Forca do Lobo, Río da Loba etc) ou a partes do seu corpo (Pouta do lobo, Rabo do Lobo). Noutros casos, os topónimos fan referencia ó seu hábitat (Lobeira, Penalobeira, Porto de Lobos). Tampouco faltan os que recollen a súa caza (Matalobos, Lobomorto). Finalmente, para alén dos máis obvios, débese pensar que tamén fan referencia a este animal, empregando o termo xermánico, os nomes de lugar rematados en ulfe: Gondulfes (Verín), Trasulfe (Rodeiro) ou Randulfe (Antas de Ulla e Paradela) lembran tamén estes espazos.

Cabeza de Lobo, un lugar de Ordes (A Coruña) Casnaloba, un lugar de Xunqueira de Ambía (Ourense) Castiñeiro de Lobo, un lugar de Ames (A Coruña) Castro de Lobos, un lugar de Toques (A Coruña) O Coto de Lobos, un lugar das Neves (Pontevedra) Covas de Lobos, un lugar de Cambados (Pontevedra) A Cruz do Lobo, un lugar de Barreiros (Lugo) Fonte do Lobo, un lugar de Becerreá (Lugo) A Forca do Lobo, un lugar de Cabana de Bergantiños (A Coruña) Lobaces, un lugar de Esgos (Ourense) Lobaces, lugar e parroquia de Trasmiras (Ourense) A Lobagueira, un lugar de Carballedo (Lugo) Lobeira, concello da provincia de Ourense Lobeira, un lugar do Valadouro (Lugo) A Lobeira, un lugar de Cerdido (A Coruña) A Lobeira, un lugar de Neda (A Coruña)