Marcos Aboal Vázquez, máis coñecido como Pulpiño Viascón, ou tamén como Marcos Viascón ou Bravúboy, nado na Coruña en 1970, é un músico multi-instrumentalista, home orquestra e pallaso galego. Cunha ampla traxectoria musical, toca unha ducia de instrumentos e formou parte de preto dunha vintena de bandas, entre elas Os Verjalhudos, Os Diplomáticos de Monte-Alto e O Jarbanzo Negro.
Traxectoria Nacido na Coruña en 1970, criouse na parroquia de Viascón, lugar de nacemento de seu pai, no antigo concello de Cotobade. Afeccionado á música dende neno, a súa primeira banda foi Parada Discrecional. A finais da década de 1980 foi membro fundador da histórica banda Os Verjalhudos, onde tocaba a batería. Con este grupo coruñés que mesturaba diferentes estilos como punk e folk, tocou en diferentes partes da Península Ibérica e no resto de Europa ata a disolución do conxunto.
En 1990 entrou a formar parte de Os Diplomáticos de Monte-Alto, grupo fundado tamén na Coruña por Xurxo Souto e Rómulo Sanjurjo entre outros. Foi o batería dos Diplomáticos durante cinco anos, nos que a banda gravou tres álbums de estudio e gañou fama e recoñecemento. Deixou a banda en 1996, durante a xira de presentación do disco ¡Avante toda!.
Máis tarde formou parte de O Jarbanzo Negro, con antigos compañeiros de Os Verlalhudos, aos que se uniron novos membros como Xan Xove. O grupo, que cantaba en diferentes linguas, tocou por diferentes partes do territorio europeo, a miúdo en ambientes vencellados ao anarquismo e ao altermundismo, temas recorrentes nas súas cancións. En 1998 gravaron o seu primeiro álbum, titulado Terra without grenzen, e en 2002 viu a luz o seu segundo traballo, Buscavidas.
Toca unha ducia de instrumentos, entre eles a gaita, a frauta, o piano, a guitarra, o baixo, o acordeón, a concertina, ou o serrón, e formou parte de numerosos grupos máis, como Demacrados, La Vergüenza Nacional, Zorza el Griego, Skupe Skapa, Irmáns Bochechiñas, Teck Pileck, Galegoz, On the Bass, La Sonora Callejera, La Rosa de Piedra e Bonovo. Tamén colaborou co músico Manu Chao no seu álbum Sibérie m'était contéee, ademais de con outros artistas como Susana Seivane, Siniestro Total, Pablo Novoa, Muchachito Bombo Infierno, Josele Santiago ou Tonino Carotone. Actúa tamén como "home orquestra" en rúas e festas de diferentes vilas e cidades.miniatura|Pulpiño Viascón tocando o serrón cabo dun grupo de pandeireteiras En 2006 compuxo o tema "In the Ocean", no que tocaba o serrón e co que gañou a primeira edición do concurso A polo ghit. No 2012 publicou o seu primeiro álbum en solitario co nome de The Very Best of Pulpiño Viascón, onde recolleu algunha das cancións que interpretaba nos seus espectáculos na rúa. Do mesmo xeito, na súa canle de YouTube e en SoundCloud tamén publica cancións como Xa vén a Neve ou o seu álbum chiptune Chiptune Bravúboy. Durante a pandemia de COVID-19 compuxo cancións de concienciación como Don Covid ou Salvemos a Hostalaría.
Ademais, durante este tempo desenvolveu a súa faceta de pallaso en circos de Barcelona e Suíza, entre outros.
Discografía
The Very Best of Pulpiño Viascón (LP) (2012) Chiptune Bravúboy (LP) (2014) Eu Quero Vir ao San Xoán (Single) (2018)
Notas
Categoría:Nados en 1970 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Compositores de Galicia Categoría:Acordeonistas de Galicia Categoría:Baixistas de Galicia Categoría:Guitarristas de Galicia Categoría:Pianistas de Galicia Categoría:Personalidades do folk