José Andrés Guardado Hernández, nado en Guadalaxara (Xalisco) o 28 de setembro de 1986, é un exfutbolista mexicano, que xogaba de centrocampista. Amplamente considerado un dos mellores futbolistas mexicanos de todos os tempos, é o xogador con máis partidos disputados na historia da selección mexicana (180), cuxa camiseta vestiu durante 19 anos. É tamén o futbolista con máis encontros de todas as seleccións da CONCACAF e o segundo de toda América, só por detrás de Leo Messi, e un dos únicos seis futbolistas que xogaron en cinco edicións da Copas do Mundo (2006, 2010, 2014, 2018 e 2022). Conquistou tres veces a Copa Ouro da CONCACAF (2011, 2015, 2019), as dúas últimas como capitán da Tri.

A nivel de clubs debutou na Primeira División de México nas filas do Atlas de Guadalajara, antes de poñer rumbo ao fútbol europeo, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira deportiva. Destacou especialmente no Deportivo da Coruña, no PSV Eindhoven e no Real Betis, e puxo fin á súa carreira no Club León.

Traxectoria Atlas de Guadalajara Naceu na cidade mexicana de Guadalaxara, sendo fillo de Andrés Manuel Guardado e Teresa Hernández. Comezou a xogar ao fútbol seguindo os pasos de seu irmán maior, Alejandro. Aos 7 anos ingresou nas categorías inferiores do Atlas de Guadalajara, onde tamén militaba seu irmán e onde foi ascendendo de divisións até chegar á Primeira División de México.

A chamada Regra 20/11 imposta pola Federación Mexicana de Fútbol de aliñar a menores de 20 anos e 10 meses durante 765 minutos durante o torneo, deulle a oportunidade de debutar co primeiro equipo do Atlas, da man do adestrador Daniel Guzmán Castañeda nun partido contra o Pachuca CF o 20 de agosto de 2005. Tres xornadas despois instalouse nunha titularidade no lateral esquerdo que xa non deixaría durante os seguintes 24 partidos, nos cales só foi substituído en dúas ocasións. Logrou o seu primeiro gol na máxima categoría nun partido contra Tigres de la UANL no Estadio Universitario de Nuevo León, o 15 de outubro de 2005.

Rapidamente comezou a destacar e ao remate do Apertura 2005 foi elixido mellor novato do torneo, galardón ao que sumou nos seguintes anos o de mellor lateral da liga, que recibiu tanto no Apertura 2006 como no Clausura 2007. Unha das súas actuacións máis memorables asinouna nun partido do torneo Apertura 2006 fronte ao Club América no Estadio Jalisco, no que marcou os dous únicos goles do partido con dous espectaculares lanzamentos dende fóra da área ante os que non puido facer nada o histórico gardameta Guillermo Ochoa.

Convertido nun dos mellores xogadores da liga e sendo un dos xogadores máis queridos pola bancada do Atlas, recibiu ofertas de varios clubs europeos, sendo finalmente o Deportivo da Coruña o que conseguiu a súa fichaxe por unha suma oficial de 7 millóns de euros e un contrato de cinco anos.

O seu último partido cos raposos do Atlas foi un amigábel de despedida fronte ao club arxentino San Lorenzo, partido no que xogou só 15 minutos, como solicitara o seu novo club. Ao rematar o primeiro tempo, a directiva vermellonegra entregoulle un trofeo conmemorativo. Pechou o seu paso polo Atlas cun total de 64 partidos oficiais e 6 goles.

Deportivo da Coruña 200px|miniatura|left Xa en Galicia, foi presentado co número 18 ante case 4.000 afeccionados deportivistas no estadio de Riazor o 24 de xullo de 2007.

Debutou co Deportivo na Primeira División, na xornada inaugural da tempada 2007/08 ante o Almería en Riazor. Reconvertido como interior esquerdo, formou no centro do campo titular xunto a Cristian, Sergio e De Guzmán, e foi o xogador máis destacado do seu equipo, que caeu derrotado por 0-3. Nese partido converteuse ademais no segundo futbolista mexicano en vestir a camiseta do Deportivo da Coruña, máis de 60 anos despois de que o fixera José Luis Borbolla.

Marcou o seu primeiro gol no fútbol europeo na terceira xornada, ante o Real Betis, aproveitando unha indecisión da defensa andaluza nun saque de banda de Claudio Barragán, que Guardado rematou de xeito acrobático e que valeu o primeiro triunfo da tempada.

Titular indiscutible nas aliñacións de Lotina, foi o xogador máis destacado do equipo, ata que na xornada 22 sufriu unha rotura fibrilar no bíceps da perna dereita nun partido contra o Betis, lesión que o deixou fóra dos terreos de xogo durante 6 semanas. Reapareceu nun partido contra o Real Madrid, pero pouco despois de xogar un partido amigábel coa súa selección en Londres, sufriu unha nova rotura fibrilar que practicamente acabou coa súa tempada. Con todo, foi elixido polos seareiros do club como o mellor xogador da campaña.

Na seguinte tempada debutou na Copa da UEFA nun partido contra o Hajduk Split, e marcou o seu primeiro gol en competición europea, ante o Feyenoord, ademais de coincidir no equipo co seu compatriota Omar Bravo. Foi un fixo no once inicial do equipo coruñés durante os seguintes anos, progresión que só se viu cortada polas numerosas lesións sufridas polo xogador. Estas lesións impedíronlle disputar máis de 20 encontros na tempada 2010/11, na que o club galego consumou o seu descenso á Segunda División despois de 20 anos na elite.

Continuou no Deportivo tralo descenso e liderou xunto a Colotto o equipo de Oltra no seu regreso á Primeira División, completando a súa mellor tempada en Galicia. Xogando como mediapunta zurdo de tendencia asociativa no 4-2-3-1 de Oltra, disputou un total de 37 partidos, 36 deles como titular, alternándose con Diogo Salomão ao longo da tempada nas bandas dereita e esquerda. Sumou 11 goles, a mellor cifra da súa carreira, e 10 asistencias, superando neste apartado ao seu compañeiro e lenda do club, Juan Carlos Valerón.

Disputou o seu derradeiro partido co Deportivo na penúltima xornada da 2011/12, fronte ao Huesca en Riazor, partido no que o club galego selou o ascenso grazas a un gol de Xisco. Pechou o seu paso pola Coruña cun total de 149 partidos e 25 goles.

Valencia O 28 de maio de 2012 anunciouse a súa fichaxe polo Valencia para os seguintes catro anos. Debutou co conxunto valenciano o 19 de agosto contra o Real Madrid, dous días antes de recibir a cidadanía española. En setembro disputou o seu primeiro encontro na Liga de Campións nunha derrota por 1-2 ante o Bayern de Múnic, club que se acabou proclamando campión da competición. Na súa primeira tempada no Valencia xogou habitualmente como lateral esquerdo, posición na que o colocou Valverde para cubrir a saída de Jordi Alba e a lesión de Jérémy Mathie.

A pesar de que en ano e medio co Valencia disputou 66 encontros, 54 deles como titular, non rematou de callar no club, sendo o máis lembrado o seu duelo con Lucas Moura nos oitavos de final da Liga de Campións contra o Paris Saint-Germain. En xaneiro de 2014 a nova dirección deportiva encabezada por Rufete decidiu apostar por Juan Bernat para o lateral esquerdo e ceder a Guardado ao Bayer Leverkusen da Bundesliga ata o remate da tempada.

Cesión ao Bayer Leverkusen O seu paso polo fútbol alemán estivo marcado por unha baixa forma física, problemas musculares e poucos minutos de xogo. Debutou na sorprendente derrota en Copa contra o Kaiserslautern, da segunda división, e foi o lateral esquerdo titular nos dous partidos de oitavos de final da Liga de Campións, onde o seu equipo caeu eliminado ante o PSG francés. Con todo, no campionato de liga o adestrador Sami Hyypiä deixouno no banco de suplentes durante seis xornadas consecutivas e non debutou ata o 23 de marzo, nunha derrota ante o Hoffenheim. Pechou o seu paso por Renania do Norte-Westfalia cun total de 7 partidos entre as tres competicións.

PSV Para a tempada 2014/15 o Valencia volveu ceder o xogador, desta vez ao PSV neerlandés, club que xa intentara a súa fichaxe sete anos antes. Debutou na Eredivisie o 31 de agosto de 2014, nun partido contra o Vitesse Arnhem no Philips Stadion de Eindhoven, e foi titular na gran maioría de partidos da tempada, recuperando da man de Phillip Cocu a regularidade e o protagonismo que perdera nas tempadas anteriores. O 7 de marzo de 2015 marcou o seu primeiro gol nos Países Baixos, nunha vitoria por 3-0 sobre o Go Ahead Eagles.

O 15 de marzo de 2015, nos prolegómenos dun partido ante o Groningen e no medio de ruxerruxes sobre un posible traspaso do xogador ao Ajax, os seareiros do PSV formaron un enorme tifo representando a bandeira de México e despregaron un cartel cunha mensaxe en español que dicía: "Andrés Guardado, a nosa aguia de ouro mexicana. Ten que estar no PSV Eindhoven. A nosa casa é a túa casa, Andrés". Menos de dúas semanas despois, o PSV anunciou que chegara a un acordo co Valencia para asinar ao xogador en propiedade por tres anos. Chegou a portar o brazalete de capitán en varios partidos ao longo da súa primeira tempada en Eindhoven, que culminou co título de liga para o seu equipo. Ademais foi elixido polas revistas Algemeen Dagblad e Voetbal International como o mellor xogador do campionato de liga.

Na seguinte campaña o equipo de Cocu conquistou a Supercopa dos Países Baixos e revalidou o título de liga, contribuíndo Guardado con 25 partidos de liga, 1 gol e 11 asistencias, sendo de novo un dos xogadores máis destacados do campionato. Ademais tivo un papel destacado na Liga de Campións, na que o PSV conseguiu o pase a oitavos de final despois de case unha década de ausencia. Durante esa campaña incorporouse ao equipo outro mexicano, o seu compañeiro de selección Héctor Moreno. En xullo de 2016 Guardado gañou a súa segunda Supercopa, tras derrotar ao Feyenoord no Amsterdam Arena. Pechou os seus tres anos no PSV cun total de 102 partidos, 4 goles e 22 asistencias.

Betis No medio dos rumores que o colocaban nalgún club da Major League Soccer, o 27 de xullo de 2017 o Real Betis anunciou a fichaxe de Guardado para os seguintes tres anos por uns 2,3 millóns de euros. Elixido polos seus compañeiros como un dos catro capitáns do equipo, debutou coa camiseta do Betis o 20 de agosto no Camp Nou, nunha derrota por 2-0 ante o Barcelona na primeira xornada de liga, e marcou o seu primeiro gol na 13ª xornada, cun lanzamento de falta nun empate a dous goles fronte o Girona.

Titular dende a súa chegada ao equipo de Quique Setién, callou grandes actuacións, entre elas a da histórica vitoria por 3-5 no derbi contra o Sevilla no Sánchez Pizjuán na noite de Reis de 2018. Contribuíu con dous goles e oito asistencias a que o conxunto bético acadase o sexto posto na liga, o seu mellor resultado en 13 anos. Na tempada 2018/19 disputou a Europa League, caendo nos 1/16 de final contra o Rennes.

En xullo de 2020 disputou o seu partido número 100 co Betis, capitaneando o seu equipo contra o Celta de Vigo, e converteuse así no primeiro e único futbolista mexicano en acadar os 100 partidos con tres clubs europeos diferentes (Deportivo, PSV e Betis). Nos seguintes anos continuou batendo varios récords, converténdose no estranxeiro con máis partidos na historia do Betis superando a Denílson e no futbolista mexicano con máis tempadas e partidos no fútbol europeo, superando en ambos casos a Hugo Sánchez.

En abril de 2022 conquistou a Copa do Rei, derrotando na final a un dos seus anteriores clubs, o Valencia. Saltou ao terreo de xogo na prórroga, substituíndo ao portugués William Carvalho, e anotou o terceiro lanzamento do seu equipo na quenda de penaltis, contribuíndo así ao primeiro título do club bético en 17 anos. Trala retirada de Joaquín herdou a capitanía do equipo, no que militou ata xaneiro de 2024, momento no que decidiu regresar a México. Deixou o Betis con status de lenda, despois de seis anos e medio no club e 218 partidos oficiais.

León