Marcelo Nicolás Lodeiro Benítez, nado en Paysandú o 21 de marzo de 1989, é un futbolista uruguaio, que xoga de centrocampista no Houston Dynamo, da MLS. Foi 60 veces internacional coa selección do Uruguai, coa que participou en dúas Copas do Mundo (2010 e 2014) e catro Copas América, proclamándose campión da edición de 2011.
Traxectoria
Comezos Naceu na cidade uruguaia de Paysandú o 21 de marzo de 1989, sendo fillo de Alfonso Lodeiro e Isabel Benítez. O seu avó Florentino Lodeiro era un emigrante galego da Coruña, que se instalou a comezos do século XX en Montevideo, onde casou coa italiana Inocencia Abbiati. Seu pai Alfonso tamén xogou ao fútbol, nas filas do Nacional de Guichón, Sud América e Estudiantil Sanducero .
Comezou a xogar ao fútbol na canteira do Barrio Obrero e do Bella Vista, ata que recibiu a chamada do Nacional de Montevideo, a cuxas categorías inferiores se incorporou en 2003, con 13 anos.
Nacional O 19 de agosto de 2007 debutou co primeiro equipo na Primeira División da man do adestrador Daniel Carreño nun partido fronte a Fénix que rematou con empate a un gol. O 1 de decembro dese mesno ano marcou o seu primeiro gol ante Progreso. Afianzado na titularidade, foi un xogador clave para a obtención do Campionato Uruguaio na tempada 2008/09 , acadando ademais as semifinais da Copa Libertadores, Anotou o seu primeiro gol no superclásico do fútbol uruguaio contra Peñarol o 6 de decembro de 2009, nun partido que finalizou 3-0.
Ajax En xaneiro de 2010 foi traspasado ao Ajax por uns 4 millóns de euros, deixando o club de Montevideo cun balance total de 64 partidos, 15 goles e 14 asistencias. No club de Ámsterdam coincidiu cos tamén uruguaios Luis Suárez e Bruno Silva, debutando na Eredivisie o 7 de febreiro contra o Twente. Con todo, apenas contou con minutos no que restaba de tempada, o que non lle impediu disputar a súa primeira Copa do Mundo. No torneo mundial sufriu unha fractura no seu pé dereito que o obrigou a afastarse dos terreos de xogo durante meses. Cando estaba a piques de reincorporarse ao equipo volveu fracturar o mesmo óso, situación que se repetiu por terceira vez en abril de 2011.
Despois de máis dun ano de lesións, reapareceu coa camiseta do Ajax na cuarta xornada da tempada 2011/12, fronte ao Vitesse no Johan Cruyff Arena, substituíndo no cuarto de hora final ao dinamarqués Christian Eriksen. Compaxinou o primeiro equipo co filial ao longo da campaña, que pechou cun total de 19 partidos co primeiro equipo, 3 goles e 6 asistencias, así como co título de liga.
Botafogo En xullo de 2012 deixou os Países Baixos e regresou a América do Sur, onde asinou como novo xogador do Botafogo, recomendado polo seu compatriota Sebastián Abreu, xogador tamén do equipo carioca, ao que se incorporou ademais o histórico centrocampista neerlandés Clarence Seedorf. Titular indiscutible, foi unha peza clave do equipo adestrado por Oswaldo de Oliveira que conquistou o Campionato Carioca de 2013, sendo un dos mellores xogadores da competición, así como o segundo máximo goleador, só por detrás de Hernane (Flamengo). Contribuíu ademais á clasificación para a Copa Libertadores 2014, despois de 18 anos de ausencia do torneo. Disputou un total de 64 partidos no club do Río de Xaneiro, marcando 9 goles e repartindo 10 asistencias.
Corinthians En maio de 2014 trasladouse a São Paulo, onde fichou polo Corinthians. Militou unha soa campaña no Timão, co que xogou 17 encontros.
Boca Juniors En febreiro de 2015 deixou o Brasil e fichou polo Boca Juniors. Marcou o seu primeiro gol co club xeneixe, en marzo, nun partido da Copa Libertadores contra o Zamora venezolano na Bombonera. Peza importante do equipo de Rodolfo Arruabarrena, en setembro marcou o único gol do superclásico do fútbol arxentino contra River Plate no Monumental. Acabou a tempada gañando o título de liga de Primeira División, e tamén a Copa da Arxentina, despois de anotar un dos dous goles da final. Deixou o club trala eliminación da Copa Libertadores de 2016, onde caeron en semifinais ante o Indpendiente del Valle ecuatoriano.
Seattle Sounders Puxo entón rumbo aos Estados Unidos, asinando como novo xogador do Seattle Sounders, da MLS, onde coincidiu co seu compatriota Álvaro Fernández. A chegada de Lodeiro supuxo un punto de inflexión na historia do club, naquel momento penúltimo clasificado da Conferencia Oeste. Grazas en boa medida ás destacadas actuacións do xogador, que marcou catro goles e repartiu oito asistencias nas trece xornadas de liga regular que restaban, o conxunto adestrado por Brian Schmetzer conseguiu clasificarse para os play-offs, nos que Lodeiro anotou outros catro goles, levando o equipo a proclamarse por primeira vez na súa historia campión dos play-offs da Conferencia Oeste.
O conxunto de Seattle acadou así a súa primeira final da Copa MLS, onde disputou o título ante o Toronto FC no BMO Field da cidade canadense. Titular nunha final que rematou sen goles, Lodeiro anotou o seu lanzamento na quenda de penaltis, contribuíndo á vitoria final do seu equipo. Polo seu rendemento na súa tempada de debut, foi elixido mellor fichaxe da liga en 2016. Na seguinte campaña revalidou o título da Conferencia Oeste e capitaneou o equipo na súa segunda final da Copa MLS, de novo ante o Toronto no BMO, caendo esta vez por 2-0.
Na tempada 2018 foi o terceiro asistente da liga, con 16 pases de gol (cifra só superada por Bořek Dočkal e Luciano Acosta), pero o equipo acabou eliminado nas semifinais da Conferencia ante o Portland Timbers. En 2019 disputou a súa terceira final da Copa MLS, por terceira vez ante o Toronto, pero desta vez no CenturyLink Field de Seattle. Portou de novo o brazalete de capitán e no minuto 76 deu a asistencia para o gol do catalán Víctor Rodríguez, contribuíndo así á vitoria final por 3-1.
En 2022 liderou o equipo no seu camiño cara a final da Liga de Campións da CONCACAF, marcando tanto nos oitavos de final contra o Motagua como nas semifinais ante o New York City, clasificándose así para a final, onde se enfrontou aos Pumas da UNAM. No partido de ida no Estadio Olímpico Universitario de Cidade de México, os locais adiantáronse con dous goles de Juan Dinenno, pero o conxunto estadounidense empatou a eliminatoria con dous goles de penalti de Lodeiro. Na volta no Lumen Field de Seattle, Raúl Ruidíaz por partida dobre e de novo Lodeiro marcaron para o Seattle Sounders, conquistando así o título continental.
Deixou o Seattle Sounders en decembro de 2024 como un dos xogadores con máis partidos na historia do club (231), máis goles (58) e como o máximo asistente histórico (90 pases de gol).
Orlando City A continuación fichou polo Orlando City, no que militou unha soa campaña, a 2024, disputando 46 partidos, anotando dous goles e repartindo 13 asistencias.
Houston Dynamo En febreiro de 2025 asinou como novo xogador do Houston Dynamo.
Selección uruguaia Entre 2008 e 2009 foi 11 veces internacional coa selección uruguaia sub-20, coa que disputou a Copa América e a Copa do Mundo da categoría, con boas actuacións.
En novembro de 2009 debutou coa selección uruguaia absoluta da man do adestrador Óscar Tabárez, nos play-offs que decidiron as dúas últimas prazas para o Mundial de 2010. Xogou o seu primeiro partido o día 14, saíndo de titular contra Costa Rica no estadio Ricardo Saprissa Aymá de San Juan de Tibás, e catro días despois conseguiu o pase á Copa do Mundo no estadio Centenario, nun partido no que foi elixido mellor xogador do encontro.
Foi convocado por Tabárez tamén para a fase final do torneo en Suráfrica, debutando na primeira xornada ante Francia no Cape Town Stadium. Saltou ao terreo de xogo no minuto 63 no lugar de Nacho González, pero acabou expulsado no 81 por dobre cartón amarelo, sendo o primeiro expulsado do campionato. Reapareceu nos oitavos de final ante Corea do Sur, xogando na segunda parte como substituto de Álvaro Pereira, e disputou tamén o segundo tempo dos cuartos de final contra Ghana, contribuíndo á clasificación do seu equipo para unhas semifinais despois de 40 anos. Finalmente o Uruguai acabou na cuarta posición.
Ao ano seguinte foi un dos membros da selección uruguaia que se proclamou vencedora da Copa América na Arxentina. Participou tamén nos Xogos Olímpicos de 2012 en Londres e marcou o gol da vitoria no primeiro partido ante os Emiratos Árabes Unidos en Old Trafford, pero o equipo uruguaio non conseguiu pasar da primeira fase. Na Copa Confederacións 2013 marcou un tanto na goleada por 8-0 sobre Tahití e acadou o cuarto posto final.
En 2014 disputou no Brasil a súa segunda Copa do Mundo, participando nos tres partidos da primeira fase, contra Costa Rica, Italia e Inglaterra, e quedou no banco nos oitavos de final, nos que o seu equipo caeu eliminado fronte a Colombia. A continuación disputou a Copa América 2015 e a Copa América Centenario, e entrou na pre-lista de 26 xogadores para o Mundial de 2018, aínda que finalmente foi un dos tres descartes de Tabárez para a lista definitiva.
En 2019 disputou a súa cuarta Copa América, de novo no Brasil. No primeiro partido contra Ecuador marcou un dos catro goles do seu equipo (4-0), sendo este ademais o 400º gol uruguaio na historia do torneo. Xogou tamén os outros dous partidos da fase de grupos, contra o Xapón e Chile, sendo o segundo deles o seu 60º e último encontro como internacional.
Palmarés Nacional Primeira División (1): 2008/09. Torneo Apertura (2): 2008, 2009. Liguilla (1): 2008.
Ajax
Eredivisie (2): 2010/11, 2011/12. Copa dos Países Baixos (1): 2009/10.
Botafogo
Campionato Carioca (1): 2013.
Boca Juniors
Primeira División (1): 2015. Copa Arxentina (1): 2014/15.
Seattle Sounders FC
Copa MLS (2): 2016, 2019. Liga de Campións da CONCACAF (1): 2022.
Uruguai
Copa América (1): 2011.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador na Asociación Uruguaia de Fútbol .
Categoría:Nados en Paysandú Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1989 Categoría:Uruguaios de ascendencia galega Categoría:Uruguaios de ascendencia italiana Categoría:Futbolistas do Uruguai Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Club Nacional de Football Categoría:Xogadores do AFC Ajax Categoría:Xogadores do Botafogo Categoría:Xogadores do Sport Club Corinthians Paulista Categoría:Xogadores do CA Boca Juniors Categoría:Xogadores do Seattle Sounders FC Categoría:Futbolistas olímpicos do Uruguai Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 2012 Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Uruguai Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 2010 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 2014 Categoría:Futbolistas gañadores da Copa América