José Gil Gordillo, nado en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz) o 9 de outubro de 1960, é un exfutbolista español, que xogaba de lateral esquerdo ou centrocampista. Desenvolveu a maior parte da súa carreira como profesional nos dous principais clubs de Galicia, o Deportivo da Coruña e o Celta de Vigo, disputando máis de 400 partidos entre ámbolos dous equipos.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol nas praias de Sanlúcar de Barrameda e durante a súa infancia rexeitou ingresar no Atlético Sanluqueño, pois prefería a liberdade dos areais á disciplina dos adestramentos dun club. Máis tarde prohibiuse xogar ao fútbol nas praias da vila, polo que acabou entrando no equipo xuvenil do Sanluqueño.

Pouco despois incorporouse ao FC Barcelona e xogou no seu equipo xuvenil, así como no equipo amateur da Terceira División. Na tempada 1980/81 debutou co Barcelona Atlètic na Segunda División B, facéndose inmediatamente coa titularidade. Despois dunha tempada cedido no Tolosa, regresou ao filial barcelonista na tempada 1982/83, xa na Segunda División. Militou tres anos máis no equipo catalán, co que acadou os 121 partidos oficiais.

Na tempada 1985/86 fichou polo Deportivo da Coruña, naquel entón na Segunda División. Debutou co club galego na primeira xornada contra o Murcia e foi titular en case todas as aliñacións do adestrador Jesús Aranguren, xogando tanto de lateral esquerdo como de centrocampista. Asentado na titularidade nos seis anos que xogou no club coruñés, tamén contribuíu en ataque, marcando oito goles en cada unha das tempadas 1988/89, 1989/90 e 1990/91. En 1988 xogou incluso uns minutos como gardameta, despois da expulsión de Jorge nun partido contra o Recreativo de Huelva en Riazor, tendo que colocarse baixo os paus para un penalti que o dianteiro Melenas lanzou ao traveseiro.

Na última delas, o Deportivo de Arsenio Iglesias conseguiu o ascenso á Primeira División despois de dúas décadas de ausencia, con Gil como capitán. No verán de 1991, despois de lograr o ascenso, deixou o club branquiazul para recalar no máximo rival deste, o Celta de Vigo. Deixou A Coruña cun balance total de 235 partidos e 33 goles co Deportivo.

Na súa primeira campaña en Vigo conseguiu subir tamén a Primeira División, ás ordes de Txetxu Rojo. Na campaña 1992/93, debutou finalmente na máxima categoría, precisamente nun derbi contra o Deportivo. Na súa primeira campaña en Primeira xogou 36 partidos e marcou un gol contra o Atlético de Madrid. Na tempada 1993/94 o Celta de Vigo acadou a final da Copa do Rei, na que se enfrontou ao Real Zaragoza no Vicente Calderón. Gil comezou o encontro como suplente pero saltou ao terreo de xogo na segunda metade como substituto de Milorad Ratković, disputou a prórroga e acabou caendo na quenda de penaltis. Militou un total de cinco anos no Celta, co que sumou un total de 186 partidos e 8 goles. Na Primeira División o seu balance foi de 137 partidos e 5 goles.

No verán de 1996 deixou o Celta e fichou polo Rácing de Ferrol, co que xogou durante unha campaña na Segunda División B. Co conxunto ferrolán disputou 19 partidos, retirándose ao remate da tempada.

Palmarés Celta de Vigo Segunda División (1): 1991/92.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1960 Categoría:Nados en Sanlúcar de Barrameda Categoría:Futbolistas de Andalucía Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Barcelona B Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol