A China (información oculta no exemplo para a acepción 2ª e 3ª do termo). (en chinés: 中国; pinyin: Zhōngguó), oficialmente a República Popular da China (en chinés: 中华人民共和国; pinyin: Zhōnghuá rénmín gònghéguó), é un estado situado en Asia oriental. Trátase do país máis poboado do mundo, xa que conta cunha poboación que supera os 1 300 millóns de habitantes. A República Popular é un Estado unipartidista gobernado polo Partido Comunista da China, estando a súa sede do goberno na cidade de Pequín. Esta, exerce xurisdición sobre vinte e dúas provincias, cinco rexións autónomas (Guangxi, Mongolia Interior, Ningxia, Tíbet e Xinjiang), catro municipalidades directamente controladas (Pequín, Tianjin, Shanghai e Chongqing) e dúas rexións administrativas especiais practicamente autónomas, Hong Kong e Macau. A República Popular da China, amais, reclama Taiwán como a súa provincia número vinte e tres. Na práctica, a illa é independente, administrada polo réxime da República da China dende a fin da guerra civil de 1949.

Cunha superficie aproximada de 9,6 millóns de quilómetros cadrados, a China é o segundo país maior en relación á súa superficie terrestre e o terceiro ou cuarto maior pola súa superficie total. A paisaxe da China é vasta e diversa. Os áridos norte e noroeste, nas proximidades de Mongolia e Asia Central, están ocupados por estepas forestais e os desertos do Gobi e Taklamakan. O sur, lindando coa rexión do Sueste asiático, é máis húmido e está ocupado por bosques subtropicais. A zona máis occidental é accidentada e moi elevada, coas cordilleiras do Himalaias, Karakorum, Pamir e Tian Shan facendo de fronteira natural entre a China e Asia Central e do Sur. A nivel fluvial destacan os ríos Yangtzé e Amarelo, o terceiro e o sexto máis longos do mundo. Ambos nacen na meseta do Tíbet, e flúen para a densamente poboada costa leste. A liña costeira da China ao longo do océano Pacífico é de 14 500 quilómetros e está limitada polos mares de Bohai, Amarelo, Oriental e o Meridional.

A antiga civilización chinesa, unha das máis antigas do mundo, floreceu na fértil conca do río Amarelo. Durante miles de anos o seu sistema político baseouse en monarquías hereditarias, coñecidas como dinastías, sendo a primeira a semimitolóxica dinastía Xia (aprox. 2000 a. C.). Dende o ano 221 a. C., cando a dinastía Qin conquistou varios estados para formar un grande Imperio chinés, o país expandiuse, fracturouse e reformouse en varias ocasións. A última dinastía foi derrocada no ano 1911 coa chegada da República da China. En 1945, a República conquistou Taiwán ao Imperio do Xapón trala fin da segunda guerra mundial. Nos anos 1946 a 1949 o Partido Comunista derrotou ao nacionalista Kuomintang na China continental e estableceu en Pequín a República Popular da China o 1 de outubro de 1949, mentres que o Kuomintang trasladou o goberno da República da China a Taipei. A xurisdición da República da China limítase agora a Taiwán e varias illas próximas, incluíndo Penghu, Kinmen e Matsu.

A lingua chinesa é a lingua máis falada no mundo: arredor dun quinto da poboación mundial fala algunha forma de chinés como lingua nai. A lingua chinesa, na forma de chinés mandarín, é a lingua oficial da República Popular da China, así como de Taiwán. É ademais unha das linguas oficiais de Singapur e mais unha das seis linguas oficiais das Nacións Unidas.

A China ten fronteiras con 14 países: Afganistán, Bután, Myanmar, India, Kazakhstán, Kirguizistán, Laos, Mongolia, Nepal, Corea do Norte, Paquistán, Rusia, Tadjiikistán e Vietnam. As cidades máis importantes son Pequín, Shanghai, e Hong Kong. Desde a súa fundación en 1949, a RPCh está gobernada polo Partido Comunista Chinés. Aínda que oficialmente segue a ser un estado comunista, a súa economía vén sendo liberalizada desde hai tres décadas.

Etimoloxía A verba «China» deriva do persa Cin (چین), a cal é unha adaptación do sánscrito Cīna (चीन)." O primeiro rexistro deste termo data de 1516, no diario do explorador portugués Duarte Barbosa. O máis antigo exemplo do uso de Cīna data do ano 150 d.C.. Aínda que os escritores hindús non foron conscientes da existencia da China antes do século I a. C., a palabra Cīna aparece en Mahābhārata, así como nas Leis de Manu. En 1655, Martino Martini suxeriu que a palabra China deriva do nome da dinastía Qin (秦, Chin), proposta que foi apoiada por moitos eruditos posteriores, aínda que hai outras moitas teorías.

O nome oficial do estado moderno é República Popular da China (中华人民共和国, Zhōnghuá Rénmín Gònghéguó), aínda que as dinastías e gobernos anteriores cambiaron o nome oficial do país en numerosas ocasións. Os nomes comúns para o país en chinés son Zhongguó (中国, de zhong, ‘central’ ou ‘medio’, e guó, ‘estado’ ou ‘estados’, e en tempos modernos, ‘nación’) e Zhonghuá (中华). O termo Zhongguó apareceu en varios textos antigos, como o Clásico de historia do século -VI, e en tempos pre-imperiais empregábase como un concepto cultural para distinguir as tribos Huaxia dos «bárbaros». Este termo, que pode ser singular ou plural, referíase a un grupo de estados ou provincias da Chaira Central, pero utilizouse para denominar a todo o país ata o século XIX. Os chineses non foron os únicos en percibir o seu país como o «centro» do mundo, xa que outras civilizacións aplicaron o mesmo pensamento ós seus territorios.

Historia

miniatura|esquerda|250px|Mapa de Frei Mauro (1459). Prehistoria

A evidencia arqueolóxica suxire que os primeiros homínidos que habitaron China chegaron a ese país entre 0,25 e 2,24 millóns de anos antes. Unha cova en Zhoukoudian —preto da actual Pequín— contén fósiles que datan de entre os anos 680 000 e 780 000 a. C. e pertencen ao chamado Home de Pequín, unha subespecie de Homo erectus que vivía da caza e a recolección, utilizaba o lume e ferramentas de pedra. No mesmo sitio do Home de Pequín acháronse restos dun Homo sapiens que datan de 18 000-11 000 a. C. A evidencia máis temperá dun ser humano completamente moderno na China atópase en Liujiang (Guangxi), onde se atopou un cranio que foi datado en aproximadamente 67 000 anos. Aínda que persiste a controversia sobre a datación dos restos de Liujiang, especialmente cando se compara con outros esqueletos similares, como o achado en Minatogawa, na illa de Okinawa. Algúns expertos afirman que desde hai 5000 anos existiu unha forma de protoescritura na China.

Primeiras dinastías miniatura|Un Ding, un caldeiro ritual feito de bronce, que data do final da dinastía Shang (séculos XVIII-XI a. C.) miniatura|esquerda|Xardíns clásicos de Suzhou Precedendo a dinastía Xia, atopamos a narrativa dun diluvio e o período dos Tres Augustos: Fu Xi, Huang Di e Shennong. En tempos previos á fundación da dinastía Xia, o poder supremo baseábase na alternancia no goberno entre os Xia e Chi You.

Segundo a tradición chinesa, a dinastía Xia é considerada a primeira dinastía imperial do país, aínda que non se acharon probas concretas da súa existencia, só se teñen rexistros literarios, feito polo que os historiadores considerárona como mítica ata que escavacións científicas realizadas na provincia de Henan, atoparon en 1959 os primeiros xacementos datados na Idade de Bronce da cultura Erlitou, cultura que os arqueólogos chineses xeralmente adoitan identificar coa dinastía Xia, a pesar de que a maioría dos arqueólogos occidentais non están convencidos da conexión entre ambas pois non hai evidencias firmes de se estes xacementos son os restos da dinastía Xia ou doutra cultura do mesmo período. Segundo estas mencións en textos antigos, calcúlase que esta dinastía puido reinar arredor do ano 2100 a. C., e marcou o inicio do sistema político da China baseado en monarquías hereditarias, ou dinastías, que durou varios milenios.Proxecto de cronoloxía de Xia Shang Zhou de República Popular da China

A primeira dinastía chinesa que deixou verdadeiros rexistros históricos foron os Shang, quen mantiveron un sistema vagamente feudal a beiras do río Amarelo entre os séculos XVII e XI a. C. Aínda que os primeiros Shang gobernaron no sur da provincia de Shandong, zona pantanosa naquela época, alcanzaron maior poder que as tribos situadas no leste do país, chamadas xenericamente yi, cos que mantiveron estreitas alianzas. O rei Tang, considerado como un rei capaz e virtuoso, expulsou os Shang da rexión e estabeleceu a capital do seu reino en Erligang.

A escritura chinesa máis antiga atopada ata o momento é un oráculo tallado en óso da dinastía Shang, e contén antecedentes directos dos caracteres chineses modernos. Os Shang foron derrotados polo pobo Zhou, quen estableceu a dinastía Zhou que gobernou entre os séculos XII e V a. C., cando a súa autoridade centralizada dispersouse lentamente entre diversos señoríos feudais ata que, finalmente, do debilitado reino dos Zhou emerxeron varios estados independentes que loitaron entre si durante o período denominado Primaveras e Outonos. Entre os séculos V e III a. C. estableceuse o período dos Reinos combatentes, durante o cal o actual territorio chinés estivo dividido en sete estados soberanos, cada un co seu propio rei, ministro e exército.

China imperial miniatura|esquerda|Algúns dos centos de guerreiros de Terracota, creados durante a dinastía Qin No ano 221 a. C., Qin Shihuang (259-210 a. C.) puxo fin ao fraccionalismo característico durante o período dos Reinos Combatentes cando conquistou os outros seis reinos e fundou un estado feudal pluriétnico unitario, co poder centralizado formando o primeiro estado unificado na historia da China. Qin Shihuang proclamouse a si mesmo primeiro emperador (始皇帝) e estableceu reformas ao longo da China, destacando a estandarización dos caracteres chineses, medidas e correo. A dinastía Qin derrubouse despois da morte de Shi Huang Di, cos legalistas liderando unha rebelión. miniatura|A Gran Muralla Chinesa, construída por varias dinastías durante 200 anos para protexerse das invasións bárbaras A seguinte dinastía foi a Han que gobernou entre os anos 206 a. C.e o 220 d. C., esta dinastía creou unha identidade cultural entre a poboación que dura ata hoxe día. Os Han expandiron o territorio considerablemente con campañas militares no sur de Corea, Vietnam, Mongolia e Asia Central, e estableceron a ruta da seda que os conectaba co resto de Eurasia. China converteuse gradualmente na economía maior do mundo antigo. Adoptouse o confucianismo como ideoloxía oficial do imperio. A pesar de que abandonaron o legalismo, a ideoloxía oficial da dinastía Qin, as institucións legalistas mantivéronse como base do goberno.

Despois do colapso dos Han, comeza o período de anarquía coñecido como os Tres Reinos. A breve unificación da dinastía Jin foi destruída polo levantamento dos cinco bárbaros. No 581 unificouse o país baixo a dinastía Sui, pero a derrota na guerra Goguryeo-Sui (598-614) provocou a súa caída.

Coas dinastías Tang e Song comezou unha idade dourada para a economía, tecnoloxía e cultura chinesa. Despois da campaña contra os turcos recuperouse o control sobre as rexións Occidentais e reabriu a ruta da seda, máis foi destruída pola rebelión dos An Lushan no século VIII.

No 907, no norte da China, a etnia kitán estableceu a dinastía Liao ata o 1125, cando foi derrocada polos jurchéns, que estableceron a dinastía Jin na zona conquistada. Despois da caída da dinastía Liao en 1125 d.C., moitos kitán emigraron ao oeste onde estableceron o estado Kara-Kitán, finalmente destruído por Xenxis Khan en 1218.

miniatura|Territorios das dinastías Song, Liao e Xi occidentais no 1111.