Jakob Ludwig Felix Mendelssohn Bartholdy máis coñecido como Felix Mendelssohn, nado en Hamburgo o 3 de febreiro de 1809 e finado en Leipzig o 4 de novembro de 1847, foi un pianista, director de orquestra e compositor de música clásica alemán. As súas composicións son representativas do período romántico. Era neto do filósofo Moses Mendelssohn e naceu no seo dunha destacada familia xudía, que máis tarde se converteu ao protestantismo, adoptando o apelido Mendelssohn-Bartholdy. Na súa infancia foi considerado un prodixio musical, pero os seus pais non trataron de sacar partido das súas habilidades. De feito, o seu pai declinou a oportunidade de que Felix seguise unha carreira musical ata que quedou claro que tiña a firme intención de dedicarse seriamente a ela.
Ao éxito en Alemaña seguiulle unha viaxe a través de toda Europa; Mendelssohn foi recibido particularmente ben en Inglaterra como compositor, director e solista e as súas dez visitas alí, durante as que estreou a maioría das súas obras, formaron unha parte importante da súa carreira adulta. Fundou o Conservatorio de Leipzig, un bastión da súa loita contra as perspectivas musicais radicais dalgúns dos seus contemporáneos.
As obras de Mendelssohn inclúen sinfonías, concertos, oratorios, aberturas, música para piano e música de cámara. Tamén tivo un importante papel no rexurdimento do interese na obra de Johann Sebastian Bach. Os seus gustos musicais esencialmente conservadores separárono de moitos dos seus contemporáneos máis aventurados, como Franz Liszt, Richard Wagner ou Hector Berlioz. Logo dun longo período de denigración debido ao cambio dos gustos musicais e o antisemitismo a finais do século XIX e comezos do XX, a súa orixinalidade creativa ten un bo recoñecemento, foi avaliada de novo e converteuse nun dos compositores máis populares do período romántico.
Traxectoria Infancia miniatura|Abraham Mendelssohn, pai do compositor. Felix Mendelssohn, cuxo nome completo foi Jakob Ludwig Felix Mendelssohn Bartholdy, foi fillo do matrimonio formado polo banqueiro Abraham Mendelssohn (apelido que máis tarde cambiaría a Mendelssohn Bartholdy), á súa vez fillo do famoso filósofo xudeoalemán Moses Mendelssohn, e Lea Salomon, membro da familia Itzig e irmá de Jakob Salomon Bartholdy. Felix tivo tres irmáns: Paul, Fanny e Rebecca.
Abraham renunciou á relixión xudía, polo que Felix e os seus tres irmáns non recibiron educación relixiosa nun principio pero foron bautizados como cristiáns, concretamente como protestantes luteranos , en 1816 (momento no que Felix tomou os nomes adicionais de Jakob Ludwig). Abraham e a súa esposa, pola súa banda, non foron bautizados ata 1822. A familia asumiu o apelido Bartholdy a suxestión do irmán de Lea, Jakob Salomon Bartholdy, que o adquiriu en propiedade e era o seu propio, coa finalidade de evitar o antisemitismo da sociedade alemá da época e deste xeito poder desenvolverse sen problemas nela. Abraham explicou máis tarde esta decisión por carta a Felix como un xeito de romper coas tradicións do seu pai Moses: «Non pode haber un Mendelssohn cristián do mesmo xeito que non pode haber un Confucio xudeu». Felix non abandonou completamente o apelido Mendelssohn pero en deferencia ao seu pai asinaba as súas cartas e tiña impresos cartóns de visita usando a forma «Mendelssohn Bartholdy».Werner. miniatura|esquerda|Carl Friedrich Zelter, de quen Mendelssohn comezou a recibir clases de composición en 1817 en Berlín, foi unha grande influencia na súa carreira futura. En 1811, cando Felix tiña dous anos, a súa familia trasladouse a Berlín, onde creceu e educouse dentro dunha contorna con grande influencia intelectual. Os pais, ademais, recibiran unha educación que lles proporcionou diversos coñecementos culturais; por exemplo, a nai falaba varias linguas, tocaba o piano e debuxaba de «modo admirable», habilidade esta última que tamén posuía o seu fillo. Ademais, as grandes mentes de Alemaña visitaron con frecuencia o fogar familiar de Mendelssohn en Berlín, incluíndo a Wilhelm e Alexander von Humboldt. A súa irmá Rebecca casou co matemático belga Peter Gustav Lejeune Dirichlet. A educación dos irmáns Mendelssohn foi moi ríxida: os pais adecuaron a creación dunha contorna de traballo para o desenvolvemento dos seus fillos, coa finalidade de que aproveitasen a gran cultura que podían darlles cos seus recursos económicos. Fanny converteuse nunha destacada pianista e nunha compositora afeccionada e nun principio Abraham chegou a pensar que ela, en lugar do seu irmán, debería terse dedicado á música. Con todo, nese momento, non se considerou apropiado (xa fose por Abraham ou Felix) que unha muller tivese unha carreira musical, polo que Fanny permaneceu como unha música afeccionada. Seis das súas primeiras cancións foron publicadas posteriormente co seu consentimento baixo o nome de Felix.
Como Wolfgang Amadeus Mozart antes que el, Mendelssohn era un neno prodixio que tocaba o piano con mestría e compuña pezas musicais. Cando tiña 6 anos recibiu leccións de piano da súa nai e con sete tivo unha profesora de piano, Marie Bigot, formada en París. Desde 1817 comezou a recibir clases de composición con Carl Friedrich Zelter en Berlín. Este foi unha grande influencia na súa carreira futura. Empregaba como base do seu ensino musical O clave ben temperado de Johann Sebastian Bach, pois admiraba e difundía entre os seus alumnos as obras deste. Case con total seguridade, Zelter fora recomendado como profesor de Felix pola súa tía Sarah Levy, que fora alumna de Wilhelm Friedemann Bach e mecenas de Carl Philipp Emanuel Bach e era unha talentosa intérprete autodidacta ao teclado, a miúdo interpretaba coa orquestra de Zelter na Singakademie de Berlín (da que ela e a familia Mendelssohn tamén eran mecenas).Werner, pp. 8–9. Sarah formara unha importante colección de manuscritos da familia Bach que legou á Singakademie; Zelter, cuxos gustos musicais eran conservadores, tamén era admirador da música de Johann Sebastian Bach. Segundo Werner, este feito xogou un papel significativo na formación dos gustos musicais conservadores de Felix Mendelssohn. As obras do propio Mendelssohn mostran o seu estudo do Barroco e os comezos do Clasicismo. As súas fugas e obras corais sobre todo reflicten unha claridade tonal e un uso do contrapunto, que remite ao estilo de Johann Sebastian Bach, por cuxa música estaba fortemente influído.Werner, p. 18.
Madurez prematura miniatura|Felix Mendelssohn en 1821, cando tiña 12 anos de idade, retratado por Carl Joseph Begas. Probablemente a primeira aparición pública de Mendelssohn foi cando tiña 9 anos durante un concerto de música de cámara na que acompañaba a un dúo de trompas. Cando era adolescente, a miúdo interpretaba as súas propias obras en casa acompañado dunha orquestra privada para os socios dos seus pais entre a elite intelectual de Berlín. Tamén foi un compositor prolífico a unha temperá idade, dado que aos 10 anos comezou a compor e aos 11 xa escribira un trío para piano e cordas, unha sonata para piano e violín, catro pezas para órgano, unha opereta cómica en tres actos e unha cantata; aos 12 compuxo cinco cuartetos para cordas, nove fugas, varias pezas para piano e dúas operetas; aos 13 tocou en público un concerto seu para piano e compuxo a súa primeira obra publicada, un cuarteto para piano (probablemente Abraham Mendelssohn conseguiu a publicación deste traballo pola casa de Adolf Martin Schlesinger); e aos 14 dispuña dunha orquestra privada. Estas obras permaneceron no esquecemento durante máis dun século, pero agora foron gravadas e de cando en vez son interpretadas en concertos.
En 1824, ao cumprir os 15, ensaiouse por primeira vez a súa ópera Os dous sobriños (Die beiden Neffen oder der Onkel aus Boston, abreviado simplemente como Die beiden Neffen) con orquestra, terminou a súa duodécima sinfonía xuvenil, que é anterior ás súas cinco sinfonías coñecidas, e compuxo a súa Primeira Sinfonía en dó menor (op. 11). Ese mesmo ano recibiu clases do compositor e virtuoso do piano Ignaz Moscheles, quen con todo confesou nos seus diarios que tiña pouco que ensinarlle.Publicados en 1873 pola súa esposa Charlotte. Véxase Moscheles. Moscheles converteuse nun compañeiro e amigo próximo de Mendelssohn durante toda a súa vida.
En 1825, á idade de 16 anos, escribiu o seu Octeto en mi ♭ maior. Este octeto e a súa abertura de concerto O soño dunha noite de verán, baseada na obra de William Shakespeare A Midsummer Night's Dream (traducida o galego como o soño dunha noite de San Xoán) e que escribiu un ano máis tarde, son probablemente as máis famosas da súa adolescencia. Escribiu a música incidental para a obra 16 anos máis tarde, en 1842, incluíndo a famosa Marcha nupcial. Esta abertura é quizais o exemplo máis cedo dunha «abertura de concerto»,Grove Music Online, Overture é dicir, unha peza non escrita deliberadamente para acompañar unha representación nun escenario pero que evoca un tema literario na interpretación dun concerto. A abertura foi un xénero que se popularizou no Romanticismo musical.
A pesar do éxito musical que tiña Felix, xa se achegaba á idade na cal debía optar por unha carreira e o seu pai quería estar realmente seguro de que o seu fillo podía gañarse a vida como músico. Para iso, o banqueiro levou ao seu fillo a París na primavera de 1825, coa intención de coñecer a opinión do famoso compositor italiano Luigi Cherubini, director do Conservatorio da cidadeMercer-Taylor, pp. 45-46. Cherubini recibiu con entusiastas eloxios o Cuarteto para piano n.º 3 en si menor op. 3 de MendelssohnMercer, p. 11. e afirmou sobre o mesmo «Conseguirá moito; en realidade, xa o conseguiu».
miniatura|esquerda|O verán de 1825, a familia Mendelssohn trasladouse a unha mansión no número 3 de Leipzigerstraße, nos arredores de Berlín (vista da casa en 1900). Durante ese verán, a familia Mendelssohn trasladouse ao seu novo domicilio nunha mansión situada nos arredores de Berlín, no número 3 de Leipzigerstraße. Este lugar foi fonte de inspiración de moitas obras do mozo Felix e tamén foi o centro social e musical de Berlín. Na parte posterior do edificio existía un xardín duns sete acres, que orixinariamente formara parte do coto de caza de Frederico II o Grande. No centro do xardín e en sitio privilexiado, había unha pérgola pintada ao fresco con «capacidade para varios centos de persoas», que permanecía aberta no verán e era pechada con cristais no inverno, e convertíase en teatro e salón de concertos. A estas veladas musicais en casa dos Mendelssohn asistiron algunhas personalidades moi notables da época, como Alexander von Humboldt, Georg Wilhelm Friedrich Hegel, Johann Gustav Droysen, Ignaz Moscheles, Friedrich August Rosen, Heinrich Heine ou Adolf Bernhard Marx, entre outros.Mercer, p. 13.
En 1827 tivo lugar a estrea, e única representación en vida do compositor, da súa ópera Die Hochzeit des Camacho (A voda de Camacho). O fracaso desta produción fixo que refugase a idea de aventurarse neste xénero outra vez.
Á parte da música, a educación de Mendelssohn incluíu a arte, a literatura, linguas e filosofía. Era un artista experto co lapis e a acuarela, falaba (á parte do seu alemán nativo) inglés, italiano e latín e estaba interesado na literatura clásica; traduciu a comedia Andria de Publio Terencio Africano para o seu titor Carl Wilhelm Ludwig Heyse en 1825, que se mostrou impresionado e publicouna en 1826 como unha obra de «o seu alumno, F***». Esta tradución tamén permitiu que Mendelssohn puidese estudar na Universidade de Berlín, onde asistiu desde 1826 ata 1829 a conferencias sobre estética con Georg Wilhelm Friedrich Hegel, de historia con Eduard Gans e sobre xeografía con Carl Ritter.
Weber e Goethe miniatura|Mendelssohn coñeceu a Johann Wolfgang von Goethe o 6 de novembro de 1821 e o poeta quedou enormemente impresionado con el.