Lionel Sebastián Scaloni, nado en Pujato, Santa Fe, o 16 de maio de 1978, é un exfutbolista e adestrador arxentino, que dende 2018 dirixe a selección arxentina. Xogaba como lateral dereito ou centrocampista e desenvolveu a maior parte da súa carreira como futbolista no Deportivo da Coruña, no que militou durante nove tempadas, disputando 301 partidos oficiais. Gañou co equipo galego unha liga de Primeira División, unha Copa do Rei e dúas Supercopas de España, e é o xogador con máis partidos da historia do club na Liga de Campións (52).
Vestiu tamén as camisetas de Newell's Old Boys (onde iniciou a súa carreira profesional), Estudiantes, West Ham, Racing de Santander, Lazio, Mallorca e Atalanta. Campión do mundo xuvenil en 1997, foi tamén internacional absoluto coa selección arxentina en sete ocasións e disputou con esta o Mundial de 2006 en Alemaña.
Iniciou a súa carreira de adestrador como axudante de Jorge Sampaoli no Sevilla e na selección arxentina, e en 2018 substituíno á fronte do combinado nacional. Axiña levou a cabo unha renovación no equipo, guiándoo ata a consecución de catro títulos consecutivos nun histórico ciclo vitorioso liderado no campo por Leo Messi. En 2021 puxo fin a un período de 28 anos sen títulos para a selección arxentina, proclamándose campión da Copa América ao derrotar na final ao Brasil, e no ano seguinte venceu na Finalissima á Italia campioa da Eurocopa. Ese mesmo ano dirixiu á selección na conquista da súa terceira Copa do Mundo, a primeira en 38 anos, ao vencer a Francia na final do Mundial de Qatar, e un ano e medio despois gañou a súa segunda Copa América consecutiva.
Traxectoria
Como futbolista
Orixe e inicios Naceu en Pujato, na provincia arxentina de Santa Fe, sendo o segundo dos tres fillos de Ángel Scaloni e a súa esposa Eulalia Marzetti. Ten ascendencia italiana, pois seus bisavós Enrico Scaloni e Elisa Serani eran dous emigrantes das Marcas, nacidos en Magliano di Tenna e Tolentino respectivamente, que se instalaran en Santa Fe nos primeiros anos do século XX. Comezou a xogar ao fútbol no Sportivo Matienzo, club da súa localidade natal no que tamén xogaba o seu irmán maior, Mauro, e no que tivo como adestrador a seu pai.
Newell's Old Boys En 1994 seu pai levounos a Newell's Old Boys, club co que debutou na Primeira División da Arxentina. Foi o 30 de abril de 1995, nun partido do torneo Clausura diante de San Lorenzo, no que o novo adestrador, Raúl Donsanti, o colocou como titular con só 17 anos e dúas semanas. Despois dunha mala actuación do equipo no partido, que perdeu 3-0, foi relegado de novo ao banco durante varias xornadas. De regreso á acción, disputou un total de 12 partidos co equipo "leproso" na máxima categoría do fútbol arxentino.
Estudiantes Deixou Rosario en agosto de 1996, despois dunha liorta de seu pai co adestrador de Newell's, Mario Zanabria, e co presidente Eduardo López. Foi contratado entón por Estudiantes de La Plata, de novo xunto ao seu irmán. No club dirixido polo "Profe" Córdoba, compartiu equipo con Martín Palermo, Pablo Quatrocchi ou Ariel Zapata entre outros, e disputou 37 partidos de Primeira, nos que marcou 7 goles. O seu bo rendemento en La Plata abriulle as portas da selección sub-20, coa que se proclamou campión do mundo en Malaisia, e chamou a atención dos clubs europeos.
Deportivo da Coruña
Anos de éxitos esquerda|miniatura|Scaloni coa camiseta do Deportivo da Coruña. En decembro de 1997 foi traspasado ao Deportivo da Coruña por uns 400 millóns de pesetas, despois de varios meses de negociacións. Chegou ao Deportivo xunto ao seu irmán Mauro, que foi destinado ao Fabril. Lionel debutou na Primeira división española o 4 de xaneiro de 1998, nun partido entre o Deportivo e o Sporting de Gijón en Riazor (2–1), o mesmo día que debutaba tamén Abreu. Fíxoo como titular, pero estivo só tres minutos sobre o terreo de xogo ata que a expulsión do porteiro Songo'o obrigouno a saír do campo para que entrase Rufai. Foi titular en case todos os restantes partidos da tempada, na que anotou dous goles, o primeiro deles na vitoria por 0-1 sobre o Racing de Santander no Sardinero.
Perdeu protagonismo no equipo tralas fichaxes de Manuel Pablo e Víctor para a banda dereita e nos seguintes anos alternou a titularidade coa suplencia. Na campaña 1999/00 contribuíu a un histórico título de liga para o equipo galego, o único nas vitrinas do club. Durante esa triunfante tempada disputou 14 partidos de liga, 4 deles como titular. Na tempada 2000/01 participou no debut do club galego na Liga de Campións, diante do Panathinaikos, entrando nos minutos finais como substituto de Víctor. Seis días despois marcou o gol que supuxo a primeira vitoria do Deportivo na competición europea, diante do Hamburgo, superando cun disparo no tempo engadido ao gardameta alemán Hans-Jörg Butt.
O 6 de marzo de 2002 foi titular na final da Copa do Rei contra o Real Madrid, conquistando o título o día no que o club branco cumpría cen anos, no que se deu en chamar o Centenariazo. Disputou 52 dos 62 partidos que o Deportivo xogou na Liga de Campións durante eses anos, ata o punto de converterse no futbolista do club con máis partidos na historia da máxima competición europea. Participou en históricas vitorias como as que o equipo logrou sobre o Manchester United, o Arsenal, o PSG, a Juventus, o Bayern de Múnic ou o Milan, e xogou o partido de volta das semifinais contra o Porto de Mourinho na edición 2003/04, quedando ás portas da final.
Cesión ao West Ham e rescisión A marcha de Javier Irureta e a chegada de Joaquín Caparrós no verán de 2005 supuxo un punto de inflexión para o futbolista, pois perdeu peso nas aliñacións do novo adestrador, a pesar de ter sido elixido como o sucesor de Fran na capitanía do equipo. O seu enfrontamento con Caparrós e a proximidade do Mundial de 2006, fixo que no mercado invernal saíse cedido ao West Ham inglés, buscando os minutos que non tiña na Coruña.
Debutou na Premier League o 4 de febreiro de 2006 e disputou 13 dos 14 partidos que restaban de tempada, todos eles como titular. Co equipo londiniense, que adestraba Alan Pardew, rematou a liga na 9ª posición, conseguindo a clasificación para a Copa da UEFA, e acadou a final da FA Cup. Disputou os 90 minutos e a prórroga da final contra o Liverpool de Rafa Benítez, caendo finalmente na quenda de penaltis.
No verán de 2006 regresou ao Deportivo da Coruña, onde atopou de novo a oposición de Caparrós, que o deixou fóra dos seus plans para a vindeira tempada. En setembro rescindiu o seu contrato co club, do mesmo xeito que Diego Tristán, co que tampouco contaba o adestrador. Deixou o Deportivo despois de case nove anos, 301 partidos oficiais e 18 goles, e como un dos maiores ídolos da afección. Gañou co equipo coruñés un campionato de liga, unha Copa do Rei e dúas Supercopas de España.
Racing de Santander miniatura|Scaloni en 2014, adestrando co Atalanta.O 13 de setembro de 2006 incorporouse ao Racing de Santander, asinando un contrato por unha tempada. No equipo dirixido por Miguel Ángel Portugal coincidiu con futbolistas como Pinillos, Colsa, Regragui ou os seus excompañeiros no Deportivo Munitis, Rubén Castro e Momo. Titular durante a maior parte de encontros da campaña, contribuíu a acadar o 10º posto final na liga, a mellor clasificación do equipo en máis dunha década.
Lazio Primeiros meses O 30 de xuño de 2007 foi contratado por cinco tempadas pola Lazio, club co que debutou o 14 de agosto na fase previa da Liga de Campións diante do Dinamo de Bucarest. Xogou o seu primeiro partido na Serie A nove días despois, contra o Torino no Stadio Olimpico, substituíndo na primeira parte ao serbio Kolarov. Disputou 19 partidos nos seus primeiros seis meses en Roma, pero non chegou a asentarse nas aliñacións titulares do técnico Delio Rossi, polo que en xaneiro regresou a España, cedido por un ano e medio ao Mallorca de Gregorio Manzano.
Cesión ao Mallorca Comezou o seu paso polo club balear como titular, pero unha expulsión e unha posterior lesión nunha coxa limitaron a súa participación a só seis partidos no que restaba de tempada. Intervido en Turku polo prestixioso cirurxián finés Sakari Orava, a súa lesión prolongouse durante sete meses e non volveu aos terreos de xogo ata outubro de 2008, cando reapareceu nun encontro ante o Betis. Saíu de inicio na maioría de encontros do resto da campaña, contribuíndo a un noveno posto na liga e a acadar as semifinais da Copa do Rei, competición na que o equipo caeu diante do Barcelona de Guardiola.
Regreso a Roma No verán de 2008 rematou a a súa cesión e volveu á Lazio, na que permaneceu ata comezos de 2013. Con todo, tivo pouco peso no equipo, co que disputou un total de 67 partidos. Os seus mellores números fíxoos na tempada 2011/12, na que xogou 21 encontros (13 deles como titular) e na que marcou o seu único gol coa camiseta celeste, nunha derrota por 3-1 en liga ante o Parma.
Atalanta O 29 de xaneiro de 2013 foi traspasado á Atalanta, tamén da Serie A italiana. Xogou no equipo lombardo durante dúas tempadas e media, nas que disputou 17 partidos. Tralo remate da campaña 2014/15 desvencellouse do club e colgou as botas, despois de máis de 500 partidos oficiais como futbolista.
Selección nacional
Categorías inferiores As súas boas actuacións con Estudiantes propiciaron que fose convocado por José Pékerman para participar coa selección sub-20 da Arxentina na Copa do Mundo da categoría en 1997, celebrada en Malaisia. Alí compartiu equipo con xogadores como Leo Franco, Walter Samuel, Cambiasso, Aimar ou Riquelme e disputou tódolos encontros do torneo. Titular nos tres partidos da fase de grupos, anotou un gol no primeiro partido diante de Hungría. Tras derrotar a Inglaterra en oitavos de final, enfrontouse nos cuartos de final á selección favorita, o Brasil, e abriu o marcador conseguindo un dos goles máis destacados da súa carreira, despois de canear a Adaílton, internarse na área e disparar á portería con pouco ángulo. A continuación foi titular nas semifinais e na final, na que os arxentinos conseguiron o título fronte ao Uruguai por 1-2.
En maio de 1998 participou coa Arxentina no Torneo Esperanzas de Touloun, gañándolle a final a Francia por 2-0. No ano 2000, xa como xogador do Deportivo da Coruña, disputou no Brasil o Torneo Preolímpico Suramericano coa selección arxentina sub-23 e marcou un gol contra o Uruguai na fase final, pero o seu equipo só puido ser terceiro, quedando fóra dos Xogos Olímpicos de 2000.
Selección absoluta Vestiu en 7 ocasións a casaca da selección arxentina absoluta, coa que debutou o 30 de abril de 2003 nun partido amigable contra Libia en Trípoli que rematou con vitoria suramericana por 1-3 e no que saltou ao campo na segunda parte como substituto de Saviola. Nos seguintes dous anos disputou dous partidos amigables máis, ante o Xapón e Alemaña e foi titular na vitoria por 1-2 sobre Bolivia na Paz, correspondente á clasificación para a Copa do Mundo. Despois de saír de inicio tamén en agosto de 2005 nun amigable contra Hungría no que debutou Leo Messi, non volveu vestir a camiseta da selección durante máis de nove meses, ata que xogou un amigable diante de Angola en maio de 2006.
Foi convocado por José Pékerman para formar parte do combinado arxentino no Mundial de 2006 en Alemaña. Con Burdisso como titular no lateral dereito, viu dende o banco os tres partidos da fase de grupos, ata que a lesión daquel no terceiro encontro deulle a oportunidade de integrar o once inicial nos oitavos de final contra México. O equipo arxentino logrou a vitoria, no que foi o derradeiro partido do futbolista coa camiseta nacional, pois Coloccini, compañeiro seu no Deportivo, ocupou o lateral dereito na eliminación ante Alemaña, e tralo Mundial Scaloni non volveu ser convocado pola selección.
Como adestrador
Axudante de Sampaoli