Miley Ray Cyrus, nada como Destiny Hope Cyrus o 23 de novembro de 1992 en Franklin, é unha cantante, actriz, compositora, bailarina, escritora, deseñadora e empresaria estadounidense. Logo de interpretar pequenos papeis na serie de televisión Doc e no filme Big Fish durante a súa nenez, converteuse nunha icona adolescente pola súa actuación na serie de Disney Channel Hannah Montana en 2006. O seu pai Billy Ray Cyrus tamén protagonizou a serie, que foi emitida durante catro tempadas, até o ano 2011.
Cyrus conseguiu tres álbums número 1 nos US Billboard 200 con Meet Miley Cyrus (2007), Breakout (2008) e Bangerz (2013). Os seus lanzamentos The Time of Our Lives (2009), Can't Be Tamed (2010), e Younger Now (2017) debutaron no máis alto das listas dos Estados Unidos, ó tempo que o seu álbum Miley Cyrus & Her Dead Petz (2015) foi lanzado de balde en liña a través de SoundCloud. Ademais, Cyrus conseguiu dous números un adicionais e tres cancións no top 10 acreditada como Hannah Montana. Tamén conseguiu nove entradas nos top 10 de US Billboard Hot 100: "See You Again", "7 Things", "The Climb", "He Could Be the One" (como Hannah Montana), "Party in the U.S.A.", "Can't Be Tamed", "We Can't Stop", "Malibu" e "Wrecking Ball".
Cyrus comezou a súa carreira como actriz de voz no filme animado Bolt (2008), e posteriormente protagonizou os filmes Hannah Montana: The Movie (2009) e The Last Song (2010). En televisión, foi a convidada nos Premios MTV de 2015 e apareceu en Saturday Night Live tres veces dende a súa primeira aparición en 2011. Cyrus tamén apareceu como adestradora na competición televisión de canto The Voice; onde apareceu en dúas tempadas dende o seu debut en 2016.
Cyrus gañou numerosos premios e nomeamentos, sendo recoñecida como "Artista do Ano" por MTV en 2013, e sendo incluída na lista anual Time 100 entre as persoas máis influentes nos anos 2008 e 2014. A súa imaxe foi obxecto de grande atención dos medios de comunicación e de controversia pública, incluíndo a súa transición de imaxe sa á dunha persoa altamente sexual a comezos da década de 2010. Cyrus é unha defensora aberta dos dereitos dos animais e adoptou un estilo de vida vegano en 2013.
Traxectoria 1992–2002: primeiros anos e comeza da carreira Cyrus naceu en Franklin, Tennessee o 23 de novembro de 1992, filla de Tish Cyrus (nada Leticia Jean Finley) e o cantante Billy Ray Cyrus. Cyrus naceu con taquicardia supraventricular, unha condición que causa unha frecuencia cardíaca de repouso anormal. O seu nome de nacemento, Destiny Hope, expresa o desexo dos seus pais de que ela chegase a facer grandes cousas. O seu alcume "Smiley", despois acurtado como "Miley", provén de que de nena adoitaba sorrir acotío. Ela cambiou o seu nome a Miley Ray Cyrus; o seu segundo nome escolleuno en lembranza do seu avó, o político demócrata Ronald Ray Cyrus.
En contra do consello da compañía discográfica de seu pai, os pais de Cyrus casaron en segredo o 28 de decembro de 1993, un ano despois do seu nacemento. Xuntos, tiveron dous fillos máis, Braison e Noah. Dunha relación anterior, a súa nai tivo dous fillos máis, Trace e Brandi. O seu pai ten un fillo, Christopher, que medrou coa súa nai, Kristin Luckey, en Coralina do Sur. Catro dos seus irmáns entraron eventualmente no mundo do espectáculo: Trace como vocalista e guitarrista do grupo de pop electrónico Metro Station, Noah como actriz e cantante, Braison como modelo e Brandi como xornalista. A madriña de Cyrus é a artista Dolly Parton.
Cyrus asistiu á Escola Primaria Heritage. Mentres traballaba en Hannah Montana, ingresou en "Options for Youth Charter Schools" e estudou cun titor privado no set de rodaxe. Educada como cristiá, foi bautizada na igrexa da Convención Baptista do Sur antes de mudarse a Hollywood en 2005. Asistiu á igrexa regularmente e levou un anel de castidade. En 2001, cando Cyrus tiña oito anos, mudouse coa súa familia a Toronto, no Canadá mentres o seu pai rodaba a serie de televisión Doc. Despois de que Billy Ray a levase a ver a produción de Mirvish Productions de Mamma Mia! no Royal Alexandra Theatre, Cyrus díxolle ó seu pai "Isto é o que quero facer papá. Quero ser actriz". Comezou a tomar clases de actuación e canto en Armstrong Acting Studio, Toronto.
No seu primeiro papel, Cyrus interpretou unha rapaza chamada Kylie na serie de televisión Doc. En 2003, Cyrus foi acreditada co seu nome de nacemento no papel de "Young Ruthie" no filme de Tim Burton Big Fish. Durante este período fixo audicións con Taylor Lautner para o filme The Adventures of Sharkboy and Lavagirl in 3-D, e malia que foi unha das dúas actrices finalistas, comezou a facer Hannah Montana no seu canto. Tish Cyrus converteuse na representante de Miley e traballou para conseguir un equipo que a axudase a florecer artisticamente. Cyrus asinou con Mitchell Gossett, director da división xuvenil en Cunningham Escott Slevin Doherty. Gossett é acreditado acotío como o "descubridor" de Cyrus, e xogou un papel importante nas súas audicións para Hannah Montana. Posteriormente, asinou con Jason Morey de Morey Management Group para comezar a súa carreira musical, sendo presentada por Dolly Parton. O director financeiro de Billy Ray tamén foi contratado.
2003–2009: Hannah Montana e carreira musical Cyrus fixo unha audición para a serie de televisión de Disney Channel Hannah Montana cando tiña once anos. Nun principio fixo a audición para o papel da mellor amiga da protagonista, pero finalmente foi chamada para a audición do papel principal. Malia que nun principio foi rexeitada porque era demasiado "nova e pequena" para o papel, foi finalmente escollida polas súas habilidades de canto e interpretación. A serie estreouse en marzo de 2006 para a grande audiencia dun programa de Disney Channel, e axiña se converteu nunha das series con maior audiencia da televisión. O éxito instantáneo da serie fixo que Cyrus fose considerada unha "ídolo adolescente". Fixo xiras con The Cheetah Girls como Hannah Montana en setembro de 2006, interpretando cancións da primeira tempada da serie. Walt Disney Records lanzou unha banda sonora en outubro dese ano. A gravación foi un grande éxito comercial, subindo ó máis alto da lista Billboard 200 nos Estados Unidos; conseguiu vender máis de tres millóns de copias en todo o mundo. Co lanzamento da banda sonora, Cyrus converteuse na primeira actriz de The Walt Disney Company en ter negocios en televisión, cinema, produtos de consumo e música. Mantivo unha relación de dous anos co tamén actor Tyler Posey. Cyrus comezou a saír co actor e cantante Nick Jonas dende xuño de 2006 até decembro de 2007, declarando que estaban "namorados" e que comezaron a saír pouco despois de coñecerse. A súa relación con Jonas, así como coas súas compañeiras de Disney Selena Gomez e Demi Lovato, atraeron unha considerable atención dos medios de comunicación. Cyrus declarouse pansexual á súa nai cando tiña 14 anos, e declarou: "Nunca quixen etiquetarme a min mesma! Estou preparada para amar a calquera que me ame polo que son! Estou aberta."
miniatura|dereita|Cyrus nunha actuación en Auburn Hills durante o Wonder World Tour, 2009. Cyrus asinou un contrato de gravación de catro álbums con Hollywood Records para distribuír a súa música non relacionada con Hannah Montana. Lanzou o álbum de dous discos Hannah Montana 2: Meet Miley Cyrus en xuño de 2007. O primeiro disco foi acreditado como a segunda banda sonora de "Hannah Montana", mentres que o segundo disco foi o primeiro álbum de estudio de Cyrus. O álbum foi o segundo en acadar o máis alto de Billboard 200, e vendeu máis de tres millóns de copias dende o seu lanzamento. Meses despois do lanzamento deste proxecto, "See You Again" (2007) foi lanzado como sinxelo principal do álbum. A canción foi un éxito comercial, e vendeu máis de dous millóns de copias nos Estados Unidos dende a súa estrea. Posteriormente colaborou co seu pai no sinxelo "Ready, Set, Don't Go" (2007). Cyrus embarcouse na súa exitosa xira musical Best of Both Worlds Tour (2007–08) para promover o lanzamento. Ticketmaster comentou que "nunca tiveran unha demanda dese nivel de intensidade dende The Beatles ou Elvis". O éxito da xira provocou a estrea do filme en 3D Hannah Montana & Miley Cyrus: Best of Both Worlds Concert (2008). Malia que nun principio estaba pensada como unha estrea limitada, o seu éxito provocou unha distribución máis longa do agardado.
Cyrus e a súa amiga Mandy Jiroux comezaron a publicar vídeos en YouTube en febreiro de 2008, chamando ós vídeos "The Miley and Mandy Show"; estes vídeos conseguiron un alto nivel de seguimento en liña. En abril de 2008, varias imaxes de Cyrus en roupa interior e traxe de baño foron roubadas por un hacker adolescente que accedeu á súa conta de Gmail. Ademais, xerouse moita controversia cando se fixo público que Cyrus, daquela con quince anos, posara espida nunha sesión de fotos con Annie Leibovitz para Vanity Fair. The New York Times aclarou posteriormente que as fotografías só daban a impresión de que estaba cos peitos ó aire, mais Cyrus non fixo topless.
Cyrus lanzou o seu segundo álbum de estudio, Breakout (2008), en xuño dese ano. O álbum conseguiu ser o máis vendido da súa carreira, e foi o terceiro en chegar ó máis alto de Billboard 200. Cyrus protagonizou con John Travolta o filme animado Bolt (2008), sendo o seu debut como actriz de cinema. O filme foi un éxito comercial e da crítica, o cal lle valeu un nomeamento ós Globos de Ouro.
En marzo de 2009, Cyrus lanzou "The Climb" (2009) un sinxelo da banda sonora de Hannah Montana: The Movie. Tivo unha cálida acollida por parte da crítia e do público, converténdose nun éxito de mestura entre xéneros pop e country. A banda sonora, que contén o sinxelo, converteuse na cuarta entrada de Cyrus no máis alto de Billboard 200; isto converteuna, con dezaseis anos, na artista máis nova da historia con catro álbums de éxito na lista. Lanzou a cuarta banda sonora de "Hannah Montana" en xullo de 2009, que debutou no número dous en Billboard 200. Cyrus lanzou posteriormente a súa propia liña de roupa, Miley Cyrus e Max Azria, a través de Walmart. Foi promovida con "Party in the U.S.A." (2009) e o EP The Time of Our Lives (2009). Cyrus dixo que era "un álbum de transición [...] realmente para introducir ás persoas como quero que soe o meu próximo disco e co tempo poderei facelo un pouco máis". "Party in the U.S.A." converteuse axiña nun dos sinxelos máis exitosos de Cyrus até ese momento, e é considerado como unhas das súas cancións máis representativas. Despois embarcouse na súa primeira xira mundial, o Wonder World Tour (2009), que foi un éxito comercial e da crítica. O 7 de decembro de 2009, Cyrus actuou para a raíña Isabel II e outros membros da familia real británica en Royal Variety Performance en Blackpool, Lancashire.
Billboard clasificouna como a cuarta artista con maior número de vendas de 2009.
2010–2012: Can't Be Tamed e actuación