Gabriel Francisco Schürrer Peralta, nado en Rafaela (Santa Fe) o 16 de agosto de 1971, é un exfutbolista e actual adestrador arxentino. Xogaba de defensa central e formouse na canteira do Lanús, debutando co primeiro equipo en 1989. Disputou 243 partidos co club da provincia de Buenos Aires, conseguindo dous ascensos á Primeira División, e en 1996 deu o salto ao fútbol europeo, onde destacou nas filas do Racing de Santander e o Deportivo da Coruña, gañando con este un título de liga de Primeira División na tempada 1999/00. Tras pasar tamén pola UD Las Palmas e a Real Sociedad fichou polo Olympiacos, co que conquistou en dous anos dúas ligas gregas e dúas Copas de Grecia. Foi 14 veces internacional coa selección arxentina.

Como adestrador dirixiu o propio Lanús, co que conseguiu un subcampionato arxentino, e varios clubs máis do seu país, así como de Ecuador e Bolivia.

Traxectoria

Como xogador

Lanús Naceu en Rafaela, na provincia de Santa Fe, o 16 de agosto de 1971, sendo o maior dos tres fillos dun supervisor da construción e unha empregada dunha fábrica (seus irmáns son Alejandro e Soledad Schürrer). Comezou a xogar ao fútbol aos oito anos no principal equipo da súa cidade natal, o Atlético de Rafaela, ata que con 15 anos ingresou nas categorías inferiores do Lanús. Pasou tres anos na pensión "Beto Colaciatti" do club e en setembro de 1989 debutou co primeiro equipo na Nacional B, da man de Miguel Ángel Russo. Disputou 44 partidos durante esa tempada 1989/90, na que o equipo conseguiu o ascenso á Primeira División despois de derrotar na final do Torneo Reducido ao Quilmes, cunha quenda de penaltis na que Schürrer anotou o seu lanzamento.

Na tempada 1990/91 debutou na máxima categoría, pero acabou descendendo ao remate da mesma. Na seguinte campaña proclamouse campión da Nacional B, conseguindo así o ascenso directo. No Torneo Apertura de 1993 formou unha destacada dupla de centrais xunto a Néstor Fabri, e o equipo ocupou durante varias xornadas o liderado da táboa, acabando o campionato a só dous puntos do campión, o River Plate.

Militou un total de sete tempadas no equipo "granate", xogando 243 partidos e marcando 29 goles.

Racing de Santander En 1996 desembarcou no fútbol europeo, fichando como novo xogador do Racing de Santander, da Primeira División de España. Debutou na primeira xornada de liga contra o Valencia no Sardinero, substituíndo nos últimos minutos a Álvaro Cervera. Unha semana despois o adestrador Marcos Alonso deulle a titularidade, na que se afianzou o resto da tempada 1996/97, que completou cun total de 41 partidos (40 deles saíndo como titular). Marcou ademais cinco goles, o primeiro deles nun empate a dous contra o Real Madrid. Na seguinte campaña xogou 37 encontros, saíndo en todos eles dende o once inicial e foi o xogador máis expulsado da liga, con tres cartóns vermellos.

Deportivo da Coruña O seu gran rendemento no Racing levou a que fose contratado en 1998 polo Deportivo da Coruña. Ás ordes de Javier Irureta, formou habitualmente no centro da defensa xunto a Naybet e disputou 37 partidos na súa primeira tempada. Na 1999/00 perdeu protagonismo no equipo, disputando só 22 partidos, pero contribuíu a que o club gañase a primeira e única liga da súa historia. Pechou o seu paso pola Coruña cun total de 59 partidos e 3 goles.

Las Palmas En 2000 fichou pola UD Las Palmas, tamén da Primeira División. Con Sergije Krešić como adestrador, xogou 32 partidos na súa primeira tempada nas illas, marcando dous goles, cifras case idénticas ás que obtivo na seguinte tempada, xa co galego Fernando Vázquez no banco (34 partidos e 2 goles). Con todo, non puido evitar o descenso do equipo á Segunda División, sendo esta a maior decepción da súa carreira como futbolista.

Real Sociedad Tralo descenso deixou As Palmas e mudouse a Donostia, onde fichou pola Real Sociedad. Na súa primeira tempada na Real, xogou 24 partidos ás ordes do francés Raynald Denoueix, formando defensa habitualmente con Aitor López Rekarte, Jáuregui e Aranzábal, e logrou un meritorio subcampionato de liga, quedando a só dous puntos do campión, o Real Madrid, e conseguindo a clasificación para a Liga de Campións despois de máis de dúas décadas.

Na súa segunda tempada xogou un total de 40 partidos e debutou na Liga de Campións, competición na que marcou o seu primeiro gol coa camiseta txuri-urdin, ante o Olympiacos grego. Contribuíu así á clasificación do equipo para a fase eliminatoria, na que quedaron emparellados en oitavos de final co Olympique de Lión. No encontro de ida en Anoeta, Schürrer foi o protagonista do único gol do partido, nunha desafortunada acción na que introduciu involuntariamente o balón na portería do seu propio gardameta, o neerlandés Sander Westerveld. O conxunto vasco non foi quen de remontar a eliminatoria en Lión e caeu eliminado por un resultado global de 2-0.

Pechou o seu paso pola Real cun total de 64 partidos, todos como titular, e 2 goles.

Olympiacos En 2004 puxo rumbo a Grecia, onde asinou como novo xogador do Olympiacos. Chegou ao club grego xunto a outras destacadas fichaxes, como a de Antonios Nikopolidis ou a do gañador do Balón de Ouro e tamén ex do Deportivo Rivaldo. Na súa primeira tempada no club ateniense, ás ordes do serbio-bosníaco Dušan Bajević, conquistou tanto a liga grega como a Copa de Grecia. Disputou ademais seis partidos na Liga de Campións, na que o conxunto grego quedou preto de pasar á segunda rolda, tras ser encadrado nun duro grupo xunto a Liverpool, Monaco e Deportivo da Coruña. Contra o equipo monegasco marcou o seu único gol en Grecia, dándolle a vitoria ao seu equipo (1-0).

Na tempada 2005/06, con Trond Sollied como adestrador, o Olympiacos volveu gañar o título de liga, vencendo ademais por segunda vez na súa historia os catro derbis contra os seus máximos rivais (Panathinaikos e AEK Atenas). Schürrer foi titular na final da Copa de Grecia ante o AEK, na que o club branco e vermello revalidou o título e o dobrete nacional.

Málaga En 2006 regresou ao fútbol español, fichando polo Málaga, recentemente descendido á Segunda División. Co equipo andaluz disputou 10 partidos, retirándose ao final da tempada.

Selección nacional Schürrer foi internacional coa selección arxentina en 14 ocasións. Debutou o 13 de maio de 1995, da man de Daniel Passarella, nun partido amigable ante Suráfrica no Ellis Park de Xohanesburgo. Saltou ao terreo de xogo nos minutos finais, como substituto de Omar Asad. Ese mesmo ano participou coa súa selección na Copa América, disputando un só partido contra os Estados Unidos no estadio Parque Artigas de Paysandú.

Como adestrador

Lanús Trala súa retirada como futbolista regresou á Arxentina, onde en 2009 aceptou a oferta do seu primeiro club, o Lanús, para adestrar o seu equipo da quinta división. O 14 de novembro de 2010 foi nomeado adestrador do primeiro equipo de Lanús, trala saída de Luis Zubeldía. No Torneo Clausura de 2011, conseguiu o subcampionato da liga arxentina, só por detrás do Vélez Sarsfield de Ricardo Gareca, e clasificouse para a Copa Libertadores 2012. Na fase de grupos do torneo continental, logrou unha histórica goleada por 6-0 sobre o Olimpia paraguaio, e finalmente conseguiu o primeiro posto do seu grupo, antes de caer nos oitavos de final contra o Vasco da Gama de Cristóvão Borges.

Tralo remate do Torneo Clausura de 2012, Schürrer deixou o seu posto no Lanús, cun balance de 73 partidos dirixidos, 31 vitorias, 23 empates e 19 derrotas.

Argentinos Juniors En novembro de 2012 colleu as rendas do Argentinos Juniors, tamén na máxima categoría. Empatou sen goles ante River Plate no seu primeiro partido, pero a continuación sumou seis derrotas consecutivas, polo que acabou dimitindo do seu posto en febreiro de 2013.

Crucero del Norte En marzo de 2014 foi anunciado como novo adestrador do Crucero del Norte, equipo da Primeira B Nacional, segunda categoría do fútbol arxentino. Oito meses despois, levou o club ao logro máis importante da súa historia, conseguindo o ascenso á Primeira División tras unha vitoria por 3-0 sobre Patronato. Conseguiu así meter un equipo da provincia de Misiones na máxima categoría do fútbol arxentino despois de case 30 anos. Dirixiu o club durante o comezo da tempada 2015, pero deixou o cargo en abril.

Gimnasia y Esgrima (Jujuy) En xullo de 2015 foi presentado como adestrador do Gimnasia y Esgrima de San Salvador de Jujuy. Dirixiu o club durante só catro meses, ata que anunciou a súa saída en novembro, alegando motivos familiares.

Sarmiento Para tempada 2016/17 fichou polo Sarmiento, da Primeira División, ao que adestrou ata novembro, período no que logrou unha soa vitoria en oito partidos.

Primeira etapa en Ecuador En decembro de 2016 iniciou a súa primeira etapa en Ecuador, fichando como adestrador do Deportivo Cuenca, da máxima categoría do país. Durante a tempada 2017 debutou a nivel continental na Copa Suramericana, caendo na primeira rolda ante o Oriente Petrolero de Eduardo Villegas. No campionato de liga acabou na sétima praza, clasificando así o equipo de novo para a Copa Suramericana.

En decembro de 2017 cambiou outra vez de club e asinou co Independiente del Valle. Con este equipo participou na Copa Libertadores 2018, ingresando na segunda fase, pero caeu eliminado ante Banfield. Foi destituído en xullo.

En maio de 2019 fichou polo Aucas de Quito, ao que adestrou ata decembro.

Blooming En outubro de 2020 colleu as rendas do Blooming boliviano, trala marcha do técnico chileno Miguel Ponce. Adestrou o club de Santa Cruz de la Sierra ata o final da tempada 2020 da Primeira División de Bolivia.

Mitre (1ª etapa) Na tempada 2021 dirixiu o Mitre de Santiago del Estero na Primeira Nacional.

Segunda etapa en Ecuador En decembro de 2021 regresou a Ecuador para adestrar por segunda vez o Deportivo Cuenca. Do mesmo xeito que na súa primeira etapa, rematou a tempada 2022 na sétima praza, logrando así unha nova clasificación para a Copa Suramericana.

Panetolikos En xuño de 2023 volveu ao fútbol grego despois de 17 anos para poñerse á fronte do Panetolikos. Con todo, foi destituído o 3 de outubro, co equipo clasificado na penúltima posición da Superliga.

Mitre (1ª etapa) En xuño de 2025 púxose por segunda vez á fronte do Mitre, trala dimisión de Mario Sciaqua. Só dous meses despois, cun balance de tres vitorias e dous empates en dez partidos, tamén el dimitiu do cargo.

Terceira etapa en Ecuador Uns días despois de deixar o Mitre foi anunciado como novo técnico do Vinotinto de Ecuador, substituíndo no posto ao seu compatriota Juan Grabowski. Colleu o equipo na penúltima posición da táboa e non conseguiu salvar o descenso de categoría, deixando o club ao remate da tempada.

Palmarés Lanús Primeira B Nacional (1): 1991/92.

Deportivo da Coruña Primeira División (1): 1999/00.

Olympiacos Superliga de Grecia (2): 2004/05, 2005/06. Copa de Grecia (2): 2004/05, 2005/06.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Estatísticas en futbolxxi.com Perfil do xogador en BDFutbol

Categoría:Nados en 1971 Categoría:Nados na provincia de Santa Fe Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do CA Lanús Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da UD Las Palmas Categoría:Xogadores da Real Sociedad Categoría:Xogadores do Olympiacos FC Categoría:Xogadores do Málaga CF Categoría:Xogadores da selección de fútbol da Arxentina Categoría:Adestradores de fútbol da Arxentina Categoría:Adestradores do CA Lanús Categoría:Adestradores do Argentinos Juniors Categoría:Adestradores do Crucero del Norte Categoría:Adestradores do Club Atlético Sarmiento Categoría:Adestradores da SD Aucas Categoría:Adestradores do CD Cuenca Categoría:Adestradores do Gimnasia y Esgrima de Jujuy Categoría:Adestradores do Club Blooming Categoría:Adestradores do Club Atlético Mitre Categoría:Adestradores do Panetolikos FC