César Martín Villar, nado en Oviedo o 3 de abril de 1977, é un exfutbolista español. Xogaba de defensa central e disputou 13 tempadas na Primeira División, destacando especialmente no Oviedo e no Deportivo da Coruña. Co club galego, co que xogou 142 partidos oficiais, gañou unha liga, unha Copa do Rei e dúas Supercopas de España.
Foi internacional coa selección española e foi convocado para a Eurocopa de 2004.
Traxectoria
Oviedo Nacido en Oviedo, formouse como futbolista na canteira do Real Oviedo e na tempada 1993/94, con só 16 anos, debutou co Vetusta na Segunda División B. Na canteira do Oviedo comezou a destacar como central, o que o levou ás categorías inferiores da selección española. O 11 de xaneiro de 1995, aos 17 anos, debutou co primeiro equipo do Oviedo, saíndo como titular nun partido da Copa do Rei ante o Compostela en San Lázaro. Tres meses despois xogou por primeira vez na Primeira División, ante o Valladolid en Zorrilla, sendo aliñado por Radomir Antić no centro da defensa titular xunto a Nikola Jerkan.
Comezou a tempada 1995/96 nas filas do filial, pero acabou subindo ao primeiro equipo, co que disputou esa campaña 22 partidos, 16 deles como titular. Marcou o seu primeiro gol na máxima categoría en febreiro de 1996, nunha derrota por 3-1 ante o Valencia en Mestalla.
Xogou un total de 110 partidos co Real Oviedo, destacando especialmente na última delas, a 1998/99, na que disputou 33 partidos e anotou 4 goles. O seu gran nivel levouno a debutar ese verán coa selección española e propiciou o seu traspaso ao Deportivo da Coruña, que pagou os 1.000 millóns de pesetas da súa cláusula de rescisión.
Deportivo da Coruña Na súa primeira tempada no Deportivo custoulle lograr a titularidade por causa de diversas lesións, como unha osteopatía de pube que o obrigou a pasar polo quirófano en novembro, así como pola dura competencia polo posto de defensa central, con Naybet, Donato, Schürrer e o propio César alternándose nas aliñacións de Javier Irureta. Aínda que pechou a campaña con só 13 partidos entre a liga e a Copa da UEFA, contribuíu á conquista do primeiro e único título da Primeira División para o club galego.
Tras unha segunda tempada con números semellantes e na que debutou na Liga de Campións, aumentou a súa participación na 2001/02, na que sumou un total de 29 encontros, 27 deles como titular. O 6 de marzo de 2002 disputou completa a histórica final da Copa do Rei na que o Deportivo conquistou o título ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu o día que o club branco cumpría 100 anos, e que pasou á historia co nome de Centenariazo.
Militou sete anos no Deportivo, co que acadou os 142 partidos oficiais. Ademais da liga e a Copa do Rei, gañou dúas Supercopas de España, nos anos 2000 e 2002. Deixou o Deportivo o 30 de xuño de 2006, ao remate do seu contrato co club, ao que acabou denunciando por non pagar todo o seu salario.
Levante O 18 de xullo de 2006 foi presentado como novo xogador do Levante, club que viña de ascender á Primeira División. Con todo, apenas contou con oportunidades no equipo de López Caro, co que disputou só cinco partidos entre liga e Copa, sendo ademais expulsado nun deles.
Bolton En febreiro de 2007, despois de quedar fóra tamén dos plans do novo adestrador, Abel Resino, rescindiu o seu contrato co club valenciano e fichou polo Bolton Wanderers. O seu paso polo club inglés foi pouco menos que testemuñal, pois disputou só un minuto de xogo na antepenúltima xornada da Premier League ante o Chelsea, partido no que saltou á herba de Stamford Bridge nos instantes finais como substituto de Anelka.
Hércules Para a tempada 2007/08 regresou ao fútbol español, asinando polo Hércules. No club alacantino debutou na Segunda División e recuperou regularidade, sumando un total de 46 partidos oficiais e 6 goles en dous anos.
Castellón Finalmente, para a tempada 2009/10 fichou polo Castellón por dúas tempadas con opción a outra máis. Con todo, acabou xogando só un ano no club castellonenco, co que xogou 21 partidos. Ao remate da tempada, o equipo descendeu á Segunda División B e o xogador acabou colgando as botas.
Selección española Foi internacional coas categorías inferiores da selección española, tras comezar a destacar no Oviedo. En abril de 1995 disputou a Copa do Mundo sub-20 en Qatar, ás ordes de Andoni Goikoetxea, acadando as semifinais. Ese mesmo ano proclamouse campión de Europa coa selección sub-18, no certame celebrado en Grecia en xullo.
Debutou coa selección española absoluta o 18 de agosto de 1999, nun partido amigable contra Polonia en Varsovia O mes seguinte disputou dous partidos de clasificación para a Eurocopa de 2000, contra Chipre e Israel, marcando un gol de cabeza en cada un deles. Non foi convocado para esa Eurocopa, pero si para a edición de 2004, na que foi un dos 23 elixidos por Iñaki Sáez. Con todo, non chegou a debutar no torneo nin volveu xogar nunca máis coa selección, polo que o seu último encontro internacional foi o partido previo á Eurocopa, unha vitoria por 4-0 sobre Andorra na que marcou un dos goles españois. Disputou un total de 12 partidos coa selección española, nos que anotou tres goles.
Palmarés Deportivo da Coruña Primeira División (1): 1999/00. Copa do Rei (1): 2001/02. Supercopa de España (2): 2000, 2002.
España sub-18 Campionato de Europa sub-18 (1): 1995.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en soccerbase.com
Categoría:Nados en 1977 Categoría:Nados en Oviedo Categoría:Futbolistas de Asturias Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Oviedo B Categoría:Xogadores do Real Oviedo Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Levante UD Categoría:Xogadores do Bolton Wanderers FC Categoría:Xogadores do Hércules CF Categoría:Xogadores do CD Castellón Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-19 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España