A Vella fritindo ovos é un cadro de Velázquez realizado na súa etapa sevillana. Pertenceu a sir Francis CookPicón (1899), p. 205 e os herdeiros deste vendérono en 1955 á National Gallery of Scotland, en Edimburgo, por un valor de 57.000 libras esterlinas.Justi (1999), p. 144, nota 39

A data do cadro, aínda que non está claramente definida, sitúase en torno ao ano 1618, antes do traslado definitivo de Velázquez a Madrid no ano 1623. Está considerada como a primeira obra mestra de Velázquez.Castillo (2015)

A técnica Este cadro, ao igual que outros realizados na primeira época de Velázquez, está influenciado polo clarescuro; un foco de luz, que ten a súa orixe na parte esquerda do lenzo, ilumina a parte dereita do cadro, é dicir, á anciá, aos seus útiles e aos ovos que está a fritir, deixando escuro o resto de cadro, o fondo e o neno. Este clarescuro é moi intenso, de xeito que é difícil apreciar a parede que se atopa ao fondo do cadro, a cal só é posible identificar porque ten unha cesta colgando dela.

O realismo do lenzo é case fotográfico, Velázquez pon especial énfase en que os obxectos destaquen neste exemplo de bodegón, no que aparecen pratos, vasillas, potas, morteiros e xerras, destacando así o brillo especial do cristal ou a influencia da luz no melón que porta o rapaz. A fritura da vella está incriblemente lograda, tanto que semella que o aceite fervendo está a saltar diante dos ollos do espectador.

Os pés e as mans son as partes máis expresivas do corpo e, observando detidamente o lenzo, apréciase que o pintor traballou as mans da vella con moito detalle, ao igual que acontece coas mans do rapaz, que suxeita o melón e a vasilla.

O emprego de personaxes populares é recorrente nas pinturas da primeira época de Velázquez, chegando a utilizar modelos da súa contorna familiar en moitos casos; así por exemplo, a muller que aparece sita neste cadro aparece tamén na obra Cristo na casa de Marta e María.

O lenzo destaca asemade polas súas cualidades tenebristas, altos contrastes de luces e sombras, ao mesmo tempo que Velázquez fai uso de tonalidades clásicas e tenues, amosando un claro predominio das cores ocres e pardas. O virtuosismo do pintor queda patente nos detalles, coma o xeito de plasmar a natureza morta, as mans da vella e os obxectos acurtados segundo as regras da perspectiva.

A escena de organización oval, na que aparecen medias figuras en planos moi próximos, introduce ao espectador na acción conxelada.

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Obras pictóricas de Velázquez Categoría:Obras pictóricas de 1618 Categoría:Pintura do Barroco