Alfredo Blanco Rodríguez, máis coñecido como Cholo, nado en Pontevedra o 7 de agosto de 1944, é un exfutbolista galego. Xogaba de defensa e desenvolveu a maior parte da súa carreira no Deportivo da Coruña.

Traxectoria Aínda que naceu na Pontevedra criouse dende pequeno na Coruña, onde xogou ao fútbol en equipos infantís como o Galera e o Júpiter, antes de ingresar no Orzán. En 1962 pasou ao Fabril, adestrado por Neira, co que debutou na Terceira División o 30 de decembro contra o Foz no campo Martínez Otero. Militou ata 1966 no equipo fabrilista, compartindo defensa entre outros con Manolete ou José Luis.

Na tempada 1966/67 foi cedido ao Langreo, da Segunda División, xunto aos seus compañeiros fabrilistas Giráldez e Guitián. Debutou na categoría de prata na terceira xornada, contra o Calvo Sotelo en Puertollano, e disputou un total de 29 encontros, tendo como compañeiros na defensa a Jáuregui e Poladura. O equipo acabou por conseguir a permanencia nunha promoción contra a Ponferradina.

De volta na Coruña, pasou a formar parte do primeiro equipo deportivista para a tempada 1967/68, tamén en Segunda, categoría á que acababa de descender. Debutou co equipo de Eguiluz nunha vitoria a domicilio sobre o Rayo Vallecano e disputou un total de oito partidos na tempada, logrando o ascenso como campións de Segunda.

Na tempada 1968/69 xogou 17 partidos na Primeira División, da man do adestrador Cheché Martín, debutando na máxima categoría nunha vitoria por 1-0 sobre o FC Barcelona en Riazor. Cholo foi un habitual do once do Deportivo neses anos, nos que o Deportivo descendía e ascendía case cada ano. Disputou un total de 168 partidos oficiais co club galego, compartindo defensa entre outros con Aurre, Domínguez, Sertucha, Campanal, Bellod, Luis ou Zugazaga, e tendo como adestradores a Roque Olsen e Arsenio Iglesias.

A tempada 1972–73 foi difícil para o Deportivo e para o propio Cholo, relegado á suplencia. O equipo coruñés tivo catro adestradores esa campaña: o chileno Fernando Riera, Carlos Torres, Enrique Orizaola e José Antonio Irulegui, que non puideron evitar o descenso do club a Terceira División por primeira vez na súa historia. Cholo participou en 19 partidos, sendo relegado á suplencia en favor dun emerxente Ramón Piña, de 17 anos.

En agosto de 1974 foi traspasado ao Lugo, que militaba por aquel entón na Terceira División. Foi titular durante case toda a tempada no club lugués, a carón dos defensas Álvarez, Miguel Galán e Fariña, disputando 35 partidos de liga e 5 de Copa.

Trala súa retirada involucrouse no xogo da chave, competindo e presidindo a Federación Galega de Chave dende a súa mesma creación en 1996.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1944 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Futbolistas de Pontevedra Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do UP Langreo Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CD Lugo