Rafael Franco Reyes, nado en Rosario o 17 de xuño de 1923 e finado na Coruña o 25 de outubro de 1997, foi un futbolista e adestrador de fútbol arxentino, que xogaba de dianteiro.
Tras xogar no seu país natal, no Uruguai e en México aterrou en Galicia, onde pasaría a maior parte do resto da súa vida. Triunfou no Deportivo da Coruña, onde foi un dos cinco membros da Orquestra Canaro, a famosa dianteira que completaban Tino, Oswaldo, Corcuera e Moll.
Tivo unha ampla carreira como adestrador, destacando a súa etapa en Venezuela, onde dirixiu entre outros ao Deportivo Galicia e durante unha década á selección venezolana.
Traxectoria Inicios en América (1923-1948) Comezou a súa carreira futbolística no Newell’s Old Boys, debutando co primeiro equipo aos 16 anos. Xogou co equipo rosarino nas tempadas 1939 e 1940, tendo tamén un breve paso polo Nacional de Montevideo, co que disputou un par de amigables en 1939.
En 1941 foi cedido ao River Plate, co que gañou ese ano o Campionato de Primeira División, aínda que só disputou un partido en toda a tempada, fronte a Estudiantes, pois a súa posición ocupábaa no equipo o Charro Moreno, un dos mellores xogadores do mundo.
En 1942 volveu ao Nacional, co que debutou oficialmente na sétima xornada do Torneo Competencia. Estreou a súa conta goleadora no Uruguai o 12 de xullo, na segunda xornada do campionato de Primeira División, anotando 4 dos 10 goles que o seu equipo lle fixo a Defensor. Con todo, pouco despois sufriu unha lesión que o afastou un tempo dos terreos de xogo, nunha tempada na que o equipo acabou campión. Volveu a continuación ao Newell’s Old Boys, co que disputou a tempada 1943.
En 1944 fichou por Chacarita Juniors, co que disputou 7 partidos antes de marchar a México para xogar no Marte. Xogou tres anos na liga mexicana, ata 1948.
Deportivo da Coruña (1948-1951) En xullo de 1948 aterrou na Coruña xunto ao tamén arxentino José Gómez, procedente do Atlante. Gómez marchou para o Celta de Vigo, mentres que Franco asinou polo Deportivo da Coruña o mesmo día que outro arxentino, Rafael Ponce. Debutou na primeira xornada da liga de Primeira División fronte ao Alcoyano no Collao e unha semana despois anotou os seus tres primeiros goles, na vitoria por 5-2 contra o Sabadell en Riazor. No primeiro partido da segunda volta marcoulle catro goles ao Alcoyano en Riazor, nun partido que acabou 6-1. A pesar das goleadas o equipo acabou un só punto por riba dos postos de descenso. Rafael Franco foi o máximo goleador do equipo con 14 goles, empatado con Manuel Marquínez.
Todo cambiou na tempada seguinte (1949/50) coa chegada ao banco de Alejandro Scopelli e da incorporación de xogadores como Tino ou Moll. O equipo conseguiu goleadas fronte ao Real Madrid, Barcelona, Atlético de Madrid e Valencia entre outros e acabou subcampión de liga, a un só punto do Atlético. Franco foi o máximo goleador do equipo, de novo con 14 goles.
Ao ano seguinte chegou outro técnico arxentino, Oso Díaz, e novas fichaxes. Formouse entón o que a prensa chamou a Orquestra Canaro, unha dianteira que pasou á historia polo seu espectacular xogo e as súas cifras goleadoras. Os cinco integrantes da dianteira eran o propio Rafael Franco, Tino, Corcuera, Oswaldo e Moll. Entre os cinco anotaron esa tempada 59 goles. A orquestra desfíxose ao ano seguinte, coa marcha de Franco ao Valladolid e de Tino ao Zaragoza.
Valladolid e Estoril (1951-1953) A súa etapa no Valladolid foi pouco frutífera, debido a unha lesión muscular que só lle permitiu xogar 6 partidos. Ao remate da campaña volveu á Coruña, onde xogou co Deportivo un amigable fronte ao Estoril, en homenaxe a Millán. Co club portugués asinou pouco despois un contrato para xogar unha tempada na Primeira División de Portugal.
Volta a Galicia (1953-1957) Ao remate desta regresou de novo á Coruña, onde adestrou o equipo xuvenil do Deportivo da Coruña primeiro e logo ao Español SD. Na tempada 1955/56 comezou como xogador-adestrador no Fabril en Terceira División pero en outubro chegou a un acordo co Racing de Ferrol para a súa incorporación. Xogou no equipo ferrolán dúas tempada ata que rescindiu o seu contrato en 1957, cando aínda lle quedaba un ano, para marchar a Colombia a adestrar o Independiente de Santa Fe, en Colombia.
Adestrador en Venezuela (1957-1971) Camiño de Colombia, fixo escala en Caracas e xa non continuou a viaxe, pois alí recibiu unha oferta para adestrar o Catalonia Fútbol Club. Dirixiu o equipo durante tres partidos da nova Primeira División Venezolana pero tivo que deixalo polas protestas dos demais clubs que consideraban que o seu pase da Federación Española era para Colombia e non servía para Venezuela. Instalou entón unha zapataría na cidade, un negocio que lle saíu mal e co que perdeu todos os seus aforros.
En 1959 foi contratado como profesor de educación física e adestrador de fútbol do colexio Fray Luis de León, e levou o equipo a proclamarse campión da Liga Menor durante tres anos consecutivos con números de récord (45 goles a favor e 1 só en contra na terceira delas). Tamén en 1959 foi xogador-adestrador do La Salle Fútbol Club, logo foi adestrador durante anos do Deportivo Galicia e a continuación do Litoral, a UD Canarias e o Portuguesa. En 1960 foi contratado ademais polo Instituto Nacional de Deportes de Venezuela como profesor na Escola de Preparadores. Foi tamén fundador e presidente da Asociación de Adestradores de Venezuela.
Entre 1961 e 1971 estivo á fronte da selección venezolana, e disputou a Copa América 1967, a primeira na que participou o país caribeño. Volveu a Galicia en 1971.
Adestrador en España (1971-1984) Na novena xornada da tempada 1971–72 foi contratado polo Racing de Ferrol, en Segunda División, en substitución de Saturnino Grech, que só conseguira un punto en oito partidos. Debutou con vitoria o 14 de novembro de 1971 fronte ao Pontevedra CF (0–1). Ao final da campaña o equipo descendeu a Terceira División, como 18º clasificado. Continuou unha tempada máis no cadro ferrolán e en xullo de 1973 fichou polo Atlètic de Ciutadella, en Ciutadella de Menorca.
Na 1975/76 adestrou ao Manresa e na seguinte volveu a Galicia para dirixir o Arousa en Terceira. Con todo, non rematou a campaña, deixando o club en marzo de 1977 polos malos resultados. Na tempada 1978/79 foi o adestrador do Turista de Vigo, e na entre 1980 e 1982 do Lemos. Posteriormente dirixiu o Atlético de Riveira e o Eume Deportivo en Terceira.
Últimos anos (1984-1997) Nos seus últimos anos de vida coordinou as Escolas Deportivas Municipais da Coruña. Faleceu na cidade herculina o 25 de outubro de 1997.
Vida persoal Casou coa coruñesa Lara Victoria Iglesias López, e tiveron unha filla, Lis Franco. Esta seguiu os pasos do pai, pois foi futbolista, xogando de dianteira no Karbo Deportivo e na selección española.
Palmarés
River Plate Primeira División da Arxentina (1): 1941.
Nacional Primeira División do Uruguai (1): 1942.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do adestrador en bdfutbol.com
Categoría:Nados en 1923 Categoría:Finados en 1997 Categoría:Nados en Rosario Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CA Newell's Old Boys Categoría:Xogadores do Chacarita Juniors Categoría:Xogadores do CA River Plate Categoría:Xogadores do Club Nacional de Football Categoría:Xogadores do Club Deportivo Marte Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores do GD Estoril Praia Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Adestradores de fútbol da Arxentina Categoría:Adestradores do Deportivo Fabril Categoría:Adestradores do Deportivo Galicia Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Venezuela Categoría:Adestradores do Racing de Ferrol Categoría:Adestradores do Arosa SC Categoría:Adestradores do Celta de Vigo B Categoría:Adestradores do Atlético de Riveira Categoría:Adestradores do Club Lemos Categoría:Adestradores do Eume Deportivo