Waldo Botana Pedreira, máis coñecido como Waldo Botana, nado en Rutis (Culleredo) o 21 de febreiro de 1919 e finado na Coruña o 20 de xuño de 1998, foi un futbolista galego, que xogaba como defensa e centrocampista. Disputou 137 partidos na Primeira División, vestindo as camisetas do Deportivo da Coruña, o Alcoyano e o Valencia, e conquistou con este último un título de liga e unha Copa do Xeneralísimo.
Traxectoria
Comezos Naceu en Rutis, sendo o terceiro dos catro fillos de Manuel Botana López e Hortensia Pedreira Naya. Comezou a xogar ao fútbol no Rápido de Rutis, pasando posteriormente ao Arsenal de Santa Lucía, onde xogaba no centro do campo.
Deportivo da Coruña (1ª etapa) Na tempada 1935/36 pasou ao Deportivo da Coruña, co que debutou na Segunda División nun partido ante o Stadium Avilesino en Las Arobias. formando no centro do campo xunto a Antoñito e Reboredo. Ao longo da tempada foi probado tamén como dianteiro polo adestrador húngaro Dezső Gencsy.
Recuperación de Levante Durante a guerra civil española foi chamado a filas polo bando franquista e formou parte do Corpo de Exército de Galicia, que participou nas ofensivas de Aragón e do Levante. No seo desta unidade militar formouse un equipo de fútbol, o Recuperación de Levante, no que ingresou Botana, xunto a outros destacados xogadores como Cuqui Bienzobas, Mundo ou o tamén galego Álvaro Pérez. Con este equipo disputou o Campionato Rexional de Aragón e xogou partidos noutras rexións como Madrid, Cataluña ou Ceuta.
Valencia Para a tempada 1939/40 pasou ao Valencia, xunto a cinco dos seus compañeiros no equipo militar: Álvaro, Mundo, Iturraspe, Carbonilla e Poli. Na súa primeira campaña no equipo branco, ás ordes do galego Ramón Encinas, proclamouse campión do Campionato Rexional do Levante e debutou na Primeira División, na que marcou 5 goles en 16 partidos. Apenas contou con minutos na seguinte tempada, na que o Valencia se proclamou campión da Copa do Xeneralísimo, tras vencer ao Espanyol nunha final na que Botana quedou no banco de suplentes. Na tempada 1941/42 conquistou o título de liga, contribuíndo o xogador con só dous partidos.
Alcoyano En 1942 fichou polo Alcoyano, onde recuperou protagonismo no campo, consolidándose como titular indiscutible durante os seguintes sete anos e converténdose no capitán do equipo. Durante ese tempo disputou 201 partidos oficiais nos que marcou 25 goles, e viviu dous ascensos a Primeira División, así como un ascenso a Segunda.
Deportivo da Coruña (2ª etapa) Na tempada 1949/50 volveu ao Deportivo da Coruña, na Primeira División. Ás ordes do arxentino Alejandro Scopelli, afianzouse no once inicial, xogando 28 partidos na súa primeira tempada, case todos acompañando na defensa a Ponte e Pedrito, e contribuíu a que o equipo galego se proclamase subcampión de liga por primeira vez na súa historia. Iniciou a campaña 1950/51 disputando como titular todos os partidos de liga, ata que na 12ª xornada contra o Sevilla, nun choque co atacante Campos, sufriu a fractura da tibia e o peroné da súa perna esquerda.
O día de Noiteboa dese mesmo ano organizouse no estadio de Riazor un partido de homenaxe ao futbolista, no que contenderon o Deportivo e unha selección galega. En abril de 1951 foi operado na clínica de Ángel Jorge Echeverri en Santiago de Compostela e a finais de maio recibiu a alta médica.
Adestrador do Deportivo Aínda que non volveu vestir a camiseta do Deportivo, continuou no club como secretario técnico. En maio de 1952 colleu temporalmente as rendas do equipo, trala destitución do adestrador Chacho, e estreouse no banco do conxunto coruñés nun amigable contra o Austria de Viena no estadio de Riazor, gañando por 2-0. A continuación dirixiu o Deportivo no Trofeo Corpus, un torneo amigable disputado a modo de triangular no estadio do Couto de Ourense entre o club coruñés, o Celta de Vigo e o Sevilla. No primeiro encontro, un derbi contra o Celta, o equipo de Waldo Botana perdeu por 2-1, mentres que no segundo partido o club coruñés derrotou por 2-0 ao Sevilla. O empate entre os outros dous equipos no terceiro e último partido outorgoulle o trofeo ao Celta. Antes de regresar á Coruña, o equipo pasou por Ponferrada, onde venceu noutro amigable á Ponferradina, por un resultado de 2-4.
Trala súa breve etapa como adestrador, continuou no club en funcións técnicas, e volveu dirixir o equipo en febreiro de 1953 para substituír ao enfermo Manolo Casal.
Xuvenil Porén, volveu a xogar ao fútbol na tempada 1954/55, disputando co Deportivo Xuvenil a histórica campaña do club coruñés na Segunda División. Disputou seis partidos con este club, compartindo equipo entre outros con Acuña, Manín, Vegazo ou o seu sobriño Carlos Botana. En febreiro de 1955, tras a dimisión de Eduardo Viso, converteuse no adestrador do equipo, ao que non puido salvar do descenso.
Trala retirada Posteriormente regresou ao cadro técnico do Deportivo e durante anos rexentou un establecemento de venda de material deportivo co tamén xogador deportivista Julián Cuenca na rúa de Santo André, que atendían persoalmente. Faleceu na Coruña o 20 de xuño de 1998.
Vida persoal Casado con Julia Fiorelli de Paz, tiña unha filla e tres netos. Cuñado do tamén futbolista Alfredo Álvarez e tío de Carlos Álvarez Botana, co que coincidiu nas filas do Xuvenil.
Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopaOutrosInclúe partidos do Campionato Rexional de Aragón, do Campionato de Valencia, da Copa Galicia, da Copa Federación e da promoción de permanencia en Segunda División.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesDeportivo da Coruña1935/36Segunda División501096156Recuperación de Levante1939/40Campionato de Aragón - - - -4040Valencia1939/40Primeira División16500 8 02451940/41Primeira División400011511941/42Primeira División2000 - -20Total club2250011316Alcoyano1942/43Segunda División120201232631943/44Segunda División25821 - -2791944/45Segunda División26640 - -3061945/46Primeira División262 6 0 - -3221946/47Segunda División26830 - -2981947/48Primeira División26030 - -2901948/49Primeira División25020 - -270Total club16624221 12 320028Deportivo da Coruña1949/50Primeira División26020 - -2801950/51Primeira División12000 - -1201951/52Primeira División0000 - -00Total club4303096556Xuvenil1954/55Primeira6000 - -60Total carreira 237 29 25122 10 28440
Palmarés Valencia Primeira División (1): 1941/42. Copa do Xeneralísimo (1): 1941. Campionato de Valencia (1): 1939/40.
Alcoyano Segunda División (2): 1944/45, 1946/47.
Notas
Categoría:Nados en 1920 Categoría:Nados en Culleredo Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do CD Alcoyano Categoría:Xogadores do Deportivo Xuvenil Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Finados en 1998