Xoán Xesús González Fernández,Xoán Xesús González na Biblioteca Virtual Galega. tamén referido como Xohán Xesús González, nado en Sebil, parroquia de Cequeril (Cuntis), o 9 de novembro de 1895 e finado en Santiago de Compostela o 12 de setembro de 1936, foi un mestre, xornalista, avogado, escritor e político galego.
Traxectoria Na súa aldea natal exerceu como peón de canteiro, trasladado a Compostela estudou maxisterio, traballou como redactor en El Compostelano e formou parte da compañía de teatro da Universidade, en 1925 a Asociación de Prensa de Compostela elixiuno secretario pasando ao ano seguinte a contador. Xoán Xesús exerceu durante un tempo como mestre pero pediu a excedencia para poder estudar dereito. Participou no movemento estudantil, chegando a ser vicepresidente da Asociación Profesional de Estudantes de Dereito, e entrou en contacto con outros estudantes galeguistas como Luís Seoane ou Ánxel Fole. Agrarista convencido, participou en mitins agraristas e anticaciquís e publicou o folleto En pé campesiños. Nacionalista e socialista, colaborou no semanario A Nosa Terra e fundou o xornal El País Gallego (1927-1931).
Foi dirixente da Agrupación Nacionalista Independente de Compostela, mais deixou esta agrupación no momento en que ela se integrou no Partido Galeguista, xa que Xoán Xesús era tamén secretario da agrupación socialista local de Santiago e redactor xefe do voceiro Trabajo, ademais rexentaba o seu propio bufete de avogados, mantiña con Arturo Cuadrado a librería e editorial Niké e participaba na Asociación Defensores de Santiago. Descontento ante o feble impulso autonómico do partido, en maio de 1931 fundou o Seminario de Estudos Socialistas que en agosto se converteu no partido político Unión Socialista Galega, na que se conxugaba socialismo e galeguismo, e foi director do seu voceiro oficioso Amañecer. Tralo fracaso nas eleccións de 1933, o partido disólvese, integrándose en Izquierda Republicana. En xaneiro de 1934 fundou unha organización denominada Agrupación al Servicio de la Autonomía. En abril entraba na directiva de Izquierda Republicana e, tras unha serie de desacordos que acabaron na súa expulsión, fundou con varios amigos a Vanguardia de Izquierda Republicana.Marcos Seixo no Limiar da novela A modelo de Paco Asorei, Edicións Xerais de Galicia, 2002, pp 46-47.
En 1936 participou na fundación da Asociación de Escritores de Galicia.
Ao estoupar a guerra civil púxose á fronte dun grupo de cincuenta obreiros de Teo, coñecido como O Terzo de Calo,Carlos Velasco, 1936. Represión e alzamento militar en Galiza, Vigo, 2006, páx. 226. que se dirixiron cara a Compostela para defender a legalidade republicana, chegando o 20 de xullo pola noite á cidade, pero tras a ocupación da cidade polos militares, ao día seguinte Xoán Xesús foi encarcerado e permaneceu na prisión. Foi xulgado en consello de guerra o 7 de setembro acusado de rebelión e condenado a pena de morte.El Eco de Santiago, 3-9-1936, p. 3. Fusilárono o 12 de setembro de 1936, na tapia do cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela, xunto con José Pose Miguens, Faustino Liste Forján, Serafín Marino Santos e José Tourís Castro.El Eco de Santiago, 12-9-1936, p. 2.
Lembranza A Asociación Cultural Quinteiro da Umia estreou no 12 de outubro de 2017 un documental sobre a súa figura: O canteiro de Sebil.
Obra en galego miniatura|Fotografía publicada en Vida Gallega en 1928. Poesía Agarimos. Versos da y-alma, 1921.
Narrativa Ana María, setembro de 1925, Lar, ano 2, núm. 13. A filla da patrona, setembro de 1926, Lar, ano 3, núm. 25.: "A filla da patrona" 4/1/2013. A modelo de Paco Asorei, 1933, Nós. Teresiña Novás, inédita.
Ensaio En pé campesiños.
Teatro Felisa, 2007. Carmiña.
Obra en castelán miniatura| Ensaio Hacia una morfología de la vida gallega, 1925. Regionalismo, nacionalismo, separatismo, 1933, Nós.
Teatro Los estudiantes, opereta inédita.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas "Xoán Xesús González busca unha rúa (II). Darémoslle un espazo para ser recordado?", Galicia Hoxe, 17/9/2006. : "A obra literaria de Xoán Xesús. Unha arma para a liberación" 1/2/2015. "A recuperación dunha figura histórica: Xohán Xesús González" O Fervedoiro, 27/6/2007.
Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Xornalistas de Cuntis Categoría:Asasinados polo bando nacional en Galicia Categoría:Nados en Cuntis Categoría:Nados en 1895 Categoría:Finados en 1936 Categoría:Fusilados Categoría:Avogados de Cuntis Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público