Fritixerno (en gótico Frithugarnis; en latín, Fritigernus) (? ? 380), foi rei dun dos grupos de godos tervingos de 376 a 380 e foi un caudillo militar que dirixiu a unha parte dos tervingos na fronteira romana do Danubio e províncias dos Balcáns durante os reinados dos emperadores Valente (reinado 364-378) e Teodosio I (reinado 378-395).
Enfrontouse ao xuíz tervingo Atanarico, pois non aceptou a persecución dos cristiáns levada a cabo por Atanarico e enfrontouse a el nunha guerra civil. Descoñécese a cronoloxía desta guerra civil, pero sábese que Fritixerno contou coa axuda do emperador Valente e o exército aliado puido derrotar a Atanarico.
No ano 376, debido á presión militar imposta pola chegada dos hunos ás proximidades do Mar Negro, así como pola migración dos grutungos, Fritixerno iniciou negociacións para asentar a aqueles tervingos que marcharan con el no imperior das fronteiras romanas. Valente concedeu permiso para que os tervingos baixo o seu mando e baixo o mando de Alavivo se establecesen en Moesia Secunda, pero debido aos malos tratos por parte dos oficiais Lupicino e Máximo, estalou unha guerra entre romanos e godos, a Guerra gótica (376-382), que remataría coa morte de Valente na batalla de Adrianópole no ano 378.
Traxectoria miniatura|Sólido do emperador Valente (364-378) Rival de Atanarico, outro gran xuíz ou caudillo visigodo, Fritixerno (cuxo nome significa "Desexando a paz") foi apoiado polo emperador romano Valente principalmente pola súa adhesión ao arianismo, unha forma de cristianismo moi estendida nesta época e coa que Valente simpatizaba, mentres que Atanarico permaneceu fiel á relixión xermana pagá porque pensaba que o espallamento do cristianismo provocaría o abandono das tradicións godas.
No 376, coa aparición dos hunos, os godos baixo o mando de Atanarico intentaron resitir pero este foi derrotado o que provocou o saqueo do seu territorio e que a maior parte dos godos non recoñecesen a súa autoridade e elixiron a Fritixerno e Alavivo mentres os tervingos que permaneceron fieis a Atanarico agocháronse nos Cárpatos. Polo despois, xa baixo o mando destes dous solicitaron a Valente permiso, que este concedeu, para cruzar o Danubio e instalárense en territorio romano, onde os hunos non poderían alcanzalos. O permiso foi concedido polo apoio de Fritixerno a Valente cando este loitou contra Atanarico. Foron instalados na provincia de Mesia e, a cambio de seren tratados como cidadáns romanos, como contraprestación, debían ofrecer continxentes militares cando se solicitase. Aos poucos, empezou Fritixerno a ter serios problemas para gobernar ao seu pobo, debido en gran parte ao feito de que moitos seguidores de Atanarico tamén lograron cruzar o Danubio. Estímase que a cifra total dos que conseguiron cruzar o Danubio estaría polos douscentos mil. Neste momento, Alavivo aparece como líder dos tervingos por diante de Fritixerno, posiblemente por ter unha posición aristrocrática máis elevada.
Guerra Gótica En 377, os visigodos pediron axuda ao Emperador para combater as fames negras que estaban arrasando as súas terras. Os gobernadores destas terras, Lucipino e Máximo, non só non solucionaron o problema, senón que o acrecentaron coa súa actitude belixerante. Sen outras alternativas máis que loitar ou morrer, Fritixerno conduciu ao seu pobo á guerra, conquistando en pouco tempo gran parte da provincia veciña de Tracia, moito máis rica.
Batalla de Adrianópole (378)
A crise continuou no 378, e o 9 de agosto dese ano Fritixerno vingou a derrota que sufrira o seu pobo na batalla de Naissus, 109 anos antes, inflixindo ao Imperio romano a súa maior derrota militar en séculos, a batalla de Adrianópole.
A vitoria de Fritixerno pronto levou aos visigodos a controlar a maior parte da península Balcánica, incluída Grecia. Só pequenas áreas e cidades, como Atenas e Constantinopla, quedaron libres do seu saqueo, en parte debido á falta dos instrumentos de asedio adecuados no exército de Fritixerno.
Fritixerno continuou vencendo aos romanos durante os dous anos seguintes á súa gran vitoria, gañando o recoñecemento como rei da maioría dos visigodos instalados no Imperio. Cando morreu, Atanarico converteuse en rei da totalidade dos visigodos e asinou finalmente a paz cos romanos.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Imperio Romano de Occidente
Reino visigodo Lista dos reis visigodos Moeda visigoda
Categoría:Reis visigodos Categoría:Finados en 380 Categoría:Guerras Góticas