Ian Mackay Abad, nado na Coruña o 14 de xullo de 1986, é un futbolista galego que xoga de porteiro no Intercity da Segunda Federación.
Traxectoria
Orixe e comezos Naceu no barrio coruñés do Ventorrillo, sendo fillo de John Cameron Mackay, un capitán de barco de Inverness, nas Highlands escocesas, e de Luisa Abad, coruñesa. Ten unha irmá tamén porteira de fútbol, Tatiana, e catro medias irmás en Aberdeen.
Comezou a xogar ao fútbol aos seis anos no Silva, pasando ao ano seguinte ao Ural. No club verde coincidiu co seu curmán Miguel Ángel Santiso, máis coñecido como Kuman, que anos máis tarde sería subcampión do mundo coa selección española de fútbol praia, así como co tamén porteiro Damián Seijoso, co que trabou unha grande amizade. Admirador de René Higuita, Bernard Lama e Jorge Campos Navarrete, axiña se converteu no gardameta máis prometedor da canteira coruñesa.
Do Ural deu o salto ás categorías inferiores do Deportivo da Coruña, ao que chegou como cadete de segundo ano.
Fabril e cesións (2005-2007) Na tempada 2005/06 subiu ao Fabril, que militaba en Terceira División, e gañou a titularidade por diante de David Yáñez, nun equipo no que xogaban entre outros Álex Bergantiños, Carlos Pita, Iago Iglesias, Xisco, Rubén Rivera ou Iván Carril. Os homes de Tito Ramallo acabaron ese ano campións do seu grupo, con récord histórico de puntos, e Mackay foi o porteiro menos goleado da categoría. Xogou a promoción de ascenso a Segunda B, onde o Fabril eliminou ao Lealtad e caeu contra o Cobeña.
No verán de 2006 fixo a pre-tempada co primeiro equipo do Deportivo da Coruña, na que o adestrador Joaquín Caparrós probaba novos porteiros tras a retirada de Molina. Debutou nun amigable contra o San Roque de Lepe, e xogou varios amigables máis, incluído un contra o Benfica. O 13 de agosto disputou a final do Trofeo Teresa Herrera contra o Milan de Ancelotti, realizando unha destacada actuación que contribuíu a que o trofeo quedase en Riazor.
Finalmente os porteiros elixidos foron Aouate e Munúa, mentres que Mackay foi cedido ao Ceuta, de Segunda B. Alí xogou só tres partidos, despois de estar varias semanas de baixa por unha lesión nun ollo, sendo cedido na segunda metade da tempada ao Universidad de Oviedo, da mesma categoría, onde tampouco puido xogar moito debido a unha luxación nun cóbado. Dita lesión impediulle debutar coa selección escocesa sub-20, á que fora convocado. Volveu facer a pre-tempada de 2007 co Deportivo, adestrado entón por Miguel Ángel Lotina, e no derradeiro día do mercado de fichaxes foi traspasado ao Vecindario, de 2ªB.
Vecindario e Cidade de Santiago (2007-2009) No equipo canario apenas contou con minutos, sendo o porteiro titular Javi Muñoz, e en xaneiro de 2008 saíu cedido ao Cidade de Santiago, na Terceira división.
O club compostelán comezaba a afundirse nunha grave crise financeira. Con todo, con Mackay baixo os paus e Changui na dianteira, o equipo conseguiu un histórico ascenso a Segunda B. O contrato do gardameta coruñés foi renovado e foi titular durante case toda a tempada 2008/09, na que o club acadou a permanencia sen problemas, pero foi descendido administrativamente.
Ponferradina (2009-2011) No verán seguinte fichou pola Ponferradina,"Ian Mackay firmou onte coa Ponferradina" , artigo en El Correo Gallego, 24 de xullo de 2009.] club berciano co que aspiraba a conseguir o ascenso á Segunda División. Disputou 25 encontros de liga, nos que encaixou só 13 goles, e o equipo proclamouse campión do seu grupo, con nove puntos de vantaxe sobre o Eibar, segundo. Nas semifinais da fase de ascenso quedou encadrado coa UE Sant Andreu. O partido de ida no Narcís Sala acabou 1-0, ao igual que o de volta no Toralín, polo que foi necesaria unha quenda de penaltis. Nesta realizáronse 18 lanzamentos, sendo o último deles detido por Mackay, dándolle así o ascenso ao equipo do Bierzo.
Continuou un ano máis na Ponferradina e foi titular durante a primeira metade da tempada, pero perdeu esta condición tras a chegada ao banco de Claudio Barragán, que preferiu utilizar a Alejandro. Ao remate da campaña os bercianos descenderon novamente a Segunda B e o club ofreceulle a Mackay a renovación, pero este rexeitouna.
1ª etapa no Sabadell (2011-2012) Decidiu firmar entón co Sabadell, club que lle permitía seguir xogando na segunda categoría do fútbol español. Pero unha lesión a principio de tempada, que precisou de dúas intervencións cirúrxicas, impediulle coller continuidade.
Atlético Baleares e Boiro (2012-2014) No verán de 2012 asinou co Atlético Baleares, do grupo terceiro da Segunda B, onde foi titular na maioría de partidos da tempada. En outubro de 2013 fichou polo CD Boiro, da Terceira División. Xogou 5 meses no equipo de Gelucho, disputando 24 encontros.
Racing de Ferrol (2014-2018) En abril de 2014, as lesións de tres porteiros do Racing de Ferrol (Camacho, Valín e Souto), permitiron ao gardameta de ascendencia escocesa facerse novo gardián dos paus da Malata. Xogou os derradeiros encontros da tempada 2013/14 da Segunda B, e permaneceu no club ferrolán outros catro anos máis, sendo titular indiscutible durante ese tempo, no que disputou 140 partidos.
Real Murcia e 2ª etapa no Sabadell (2019-2021) No verán de 2018 fichou polo Real Murcia, que completou unha mala campaña na categoría de bronce, sendo Mackay o xogador máis destacado do equipo. A continuación regresou ao Sabadell, facéndose esta vez coa titularidade dende o primeiro partido. Na súa primeira tempada conseguiu o ascenso a Segunda, e na 2020/21 as súas destacadas actuacións fixeron que fose elixido pola Liga como o mellor porteiro da categoría de prata.
Deportivo da Coruña (2021-2024) En xuño de 2021 regresou ao Deportivo da Coruña 14 anos despois da súa marcha. O 29 de agosto de 2021 debutou co Deportivo en partido oficial, no primeiro encontro da tempada 2021/22 da Primeira División RFEF contra o Celta B en Riazor, que acabou con goleada coruñesa por 5-0. Foi titular indiscutible na portería de Riazor durante as súas dúas primeiras tempadas, sendo en ambas ocasións o terceiro gardameta menos goleado da categoría, na primeira delas por detrás de Gianfranco Gazzaniga (Racing de Ferrol) e Miquel Parera (Racing de Santander) e na segunda superado só por Jesús Ruiz (Alcorcón) e de novo por Gazzaniga.
Nesas dúas campañas o Deportivo xogou sen éxito senllas promocións de ascenso a Segunda. Na segunda delas Mackay viviu o peor momento da súa carreira deportiva, coa súa desafortunada actuación no encontro de volta das semifinais ante o Castellón. Fallou nos dous goles recibidos polo Deportivo na primeira parte e golpeou a un rival nos minutos finais, o que provocou un penalti e a súa expulsión, e obrigou ao club coruñés a xogar cun home menos a prórroga, caendo finalmente eliminado. O xogador afirmou posteriormente que o acontecido naquel partido, así como as críticas recibidas, fixérono pensar en abandonar o fútbol.
Na tempada 2023/24 herdou o brazalete de capitán de Álex Bergantiños trala retirada deste no verán, e tivo que competir pola titularidade con Germán Parreño. Comezou como suplente, ata que recuperou a titularidade entre as xornadas 7 e 11, pero ao continuación Germán volveu ser o porteiro elixido por Imanol Idiakez como titular. No mercado invernal o club decidiu rescindir o seu contrato e fichar no seu lugar ao barcelonés Eric Puerto. Deixou o Deportivo despois dun total de 80 partidos oficiais, nos que encaixou 68 goles.
Eldense (2024-2025) Uns días despois da súa saída do Deportivo, anunciouse a súa fichaxe polo Eldense, regresando así á Segunda División dous anos e medio despois. Chegou ao club de Elda para suplir a ausencia de Andoni Zubiaurre, cedido ao Mirandés. Tras non disputar ningún minuto nos primeiros meses, acabou debutando na 35ª xornada ante o Valladolid no José Zorrilla, aproveitando a ausencia por contrato de Álvaro Aceves, xogador cedido polo propio club valisoletano. Así, converteuse no cuarto gardameta utilizado polo adestrador Fernando Estévez durante a tempada, despois de Zubiaurre, Aceves e Guille Vallejo. A súa boa actuación propiciou que continuase na titularidade, da que xa non saíu ata que o equipo asegurou a permanencia na categoría.
Na tempada 2024/25 fíxose coa titularidade dende a cuarta xornada e mantívoa durante practicamente toda a primeira volta, pero coa chegada do adestrador José Luis Oltra en xaneiro foi relegado ao banco, sendo Dani Martín o favorecido. Pechou o seu paso por Elda cun total de 27 partidos en tempada e media.
Intercity (2025-) Para a tempada 2025/26 cambiou de equipo, aínda que continuou na provincia de Alacant, ao fichar polo Intercity da Segunda Federación.
Vida persoal Marcado pola morte da súa nai por cancro en 2012, desde entón xogou habitualmente con equipamento rosa, cor asociada á loita contra dita enfermidade. Ademais, participou en numerosas iniciativas en apoio ás persoas afectadas polo cancro, enfermidade que acabou tamén coa vida de seu pai en 2018.
En 2012 casou coa tamén coruñesa Iria Rodríguez, coa que tivo dúas fillas: Daniela e Lara. Incluíu as iniciais destas no dorsal da súa camiseta do Deportivo da Coruña, xogando dende entón co nome de "Mackay D.L.".
Palmarés Deportivo da Coruña Primeira División RFEF (1): 2023/24.
Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopaOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Segunda División e a Segunda B.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesFabril2004/05Terceira10 - - - -102005/06Terceira280 - -403202006/07Terceira10 - - - -10Total club3000040340Ceuta2006/07Segunda B3000 - -30Universidad de Oviedo2006/07Segunda B8000 - -80Vecindario2007/08Segunda B5000 - -50Cidade de Santiago2007/08Terceira14000401802008/09Segunda B35000 - -350Total club490 0 040530Ponferradina2009/10Segunda B250 2 0 2 02902010/11Segunda230 0 0 - -230Total club4802020520Sabadell2011/12Segunda4000 - -40Atlético Baleares2012/13Segunda B20000 - -200Boiro2013/14Terceira250-- - -250Racing de Ferrol2013/14Segunda B50 0 0 2 0702014/15Segunda B36000 4 04002015/16Segunda B35020 2 03902016/17Segunda B16000 - -1602017/18Segunda B38000 - -380Total club130020801400Murcia2018/19Segunda B36000 - -360Sabadell2019/20Segunda B28000 3 03102020/21Segunda41000 - -410Total club7300030760Deportivo da Coruña2021/221ª Federación34010 2 03702022/231ª Federación35000203702023/241ª Federación50100060Total club7402040800Eldense2023/24Segunda7000 - -702024/25Segunda20000 - -200Total club2700000270Intercity2025/262ª Federación340 - - - -340Total carreira 562 0 6025 0 5930
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Web oficial de Ian Mackay . Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador na páxina oficial da Ponferradina . Datos do xogador en futbolme.com .
Categoría:Nados en 1986 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Galegos de ascendencia escocesa Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do AD Ceuta Categoría:Xogadores do AD Universidad de Oviedo Categoría:Xogadores da UD Vecindario Categoría:Xogadores da SD Ciudad de Santiago Categoría:Xogadores da SD Ponferradina Categoría:Xogadores do CE Sabadell Categoría:Xogadores do CD Atlético Baleares Categoría:Xogadores do CD Boiro Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Real Murcia Categoría:Xogadores do CD Eldense Categoría:Xogadores do CF Intercity