O nervio oculomotor, nervio motor ocular común (M.O.C.) ou III par cranial é un nervio cranial. Ten unha función completamente motora, é un dos nervios que controla o movemento ocular e é responsable do tamaño da pupila. O nervio encárgase de dar inmervación aos músculos extrínsecos do ollo. Innerva o elevador da pálpebra superior, músculo recto medial ou interno, recto superior, recto inferior e oblicuo inferior. Orixínase do mesencéfalo e a súa función é basicamente o movemento do globo ocular xunto co nervio troclear e o nervio abducens.
Núcleos do nervio miniatura|esquerda|350px|Plano do nervio oculomotor. O nervio oculomotor ten dous núcleos motores: O núcleo motor principal. O núcleo parasimpático accesorio.
Núcleo oculomotor principal O núcleo oculomotor principal está situado na parte anterior da substancia gris que rodea o acueduto cerebral do mesencéfalo, está situado a nivel do colículo superior.
O núcleo consiste en grupos de células nerviosas que innervan todos os músculos extrínsecos do ollo, excepto o oblicuo superior e o recto lateral. As fibras nerviosas eferentes diríxense anteriormente a través do núcleo vermello e saen sobre a superficie anterior do mesencéfalo na fosa interpeduncular. O núcleo principal do nervio oculomotor recibe fibras corticonucleares desde ambos os hemisferios cerebrais. Recibe fibras tectobulbares do colículo superior e a través desta vía chégalle información da codia visual. Tamén recibe fibras desde o fascículo lonxitudinal medial, polo cal está conectado cos núcleos dos nervios craniais cuarto, sexto e oitavo.
Núcleo parasimpático accesorio O núcleo parasimpático accesorio (núcleo de Edinger - Westphal) está situado por detrás do núcleo motor principal. Os axóns das células nerviosas, que son preganglionares, acompañan outras fibras oculomotoras até a órbita. Aquí fan sinapse no ganglio ciliar e as fibras pos-ganglionares pasan a través dos nervios ciliares curtos até o esfínter da pupila do iris e os músculos ciliares. O núcleo parasimpático accesorio recibe fibras corticonucleares para o reflexo de acomodación e fibras do núcleo pretectal para os reflexos foto motor directo e consensual.
Orixe, traxecto e relacións
O nervio oculomotor sae sobre a superficie anterior do mesencéfalo. Diríxese para adiante entre as arterias cerebral posterior e cerebelosa superior. Despois continúa na fosa cranial media na parede lateral do seo cavernoso. Aquí divídese nun ramo superior e outro inferior, que entran na cavidade orbitaria a través da cisura orbitaria superior.
Territorio de innervación
Innerva os seguintes músculos extrínsecos do ollo: músculo elevador da pálpebra superior, músculo recto superior, recto medial, recto inferior e músculo oblicuo inferior. A través da súa póla para o ganglio ciliar e dos nervios ciliares curtos tamén proporciona fibras parasimpáticas aos seguintes músculos intrínsecos: esfínter da pupila do iris e músculos ciliares.
Polo tanto, o nervio oculomotor é completamente motor e é responsable de elevar a pálpebra superior, de xirar o ollo para arriba, abaixo e medialmente, de contraer a pupila e de acomodar o ollo.
Semioloxía
A exploración do III par cranial adoita incluír manobras que avalían tamén o IV e VI par cranial, pois as íntimas funcións destes tres nervios craniais controlan o movemento ocular e o tamaño pupilar.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Vista Categoría:Pares craniais Categoría:Ollo