miniatura|Libro Vermello de Hergest A literatura galesa é a feita en galés (cymraeg) no País de Gales, nación que forma parte do Reino Unido da Gran Bretaña, ou nesa lingua feita por membros da diáspora galesa.
Historia Primeiras mostras: Os cynfeirdd e a súa hengerdd miniatura|Llyfr Du Caerfyrddin. Coñécese con nome de cynfeirdd (primeiros bardos) os autores primeiros dos que temos noticia. A súa obra é definida como a hengerdd (a poesía vella). En principio engloba só os autores do século VI, pero hai certa tendencia a incluír os bardos posteriores previos aos gogynfeirdd, os do período do canu'r bwlch (séculos VII-XI).
Os testemuños escritos máis antigos en galés consérvanse no Codex Juvencus, datado do século X, e conservado na Universidade de Cambridge. Tamén na Historia Brittonum de Nennio, datada do 800, se fala e danse nomes dos primeiros poetas galeses. As obras dos cynfeirdd, primeiros poetas do período prenormando, agás dúas ou tres pezas, sobreviviron grazas aos manuscritos dos séculos XII-XIV:
Llyfr Du Caerfyrddin (Libro Negro de Carmarthen, 1170-1230). Llyfr Coch Hergest (Libro Vermello de Hergest, 1375-1424). Llyfr Taliesin (Libro de Taliesin, 1275). Llyfr Aneirin (Libro de Aneirin, 1250). Llyfr Gwyn Rhydderch (Libro Branco de Rhydderch) (s. XIII-XIV).
Aínda que os datos son inseguros, é certo que os poemas recollidos son máis antigos que as copias. Mentres que o antigo britónico era unha lingua sintética, o novo galés, aparecido no século VI, é unha lingua analítica. Nennio, discípulo do bispo Elfodd de Bangor, afirma que os poetas Blwchfardd, Cian, Talhaern tad Awen, Taliesin e Neirin ou Aneirin, compuxeron poesías en galés na época do rei Ida (547-559), fillo de Eobba, primeiro rei de Bernicia.Ifor Williams (ed.), Canu Taliesin, t. ix.
Os poetas do período, chamados bardos, eran auténticos mestres na versificación fundamentada en aliteración e a rima (dous ou tres versos sucesivos acabados na mesma sílaba). A maior parte das obras son odas heroicas ou lais, cantan as proezas guerreiras e a xenerosidade de Urien de Rheged (reino situado entre as actuais Wigtown e Kirkcudbright, na actual Escocia), e choraban a morte do seu fillo Owain. O Llyfr Aneirin, composto por un poeta que viviu entre o 510 e o 570, contén o poema Y Gododdin, de 900 versos e con interpolacións de épocas posteriores; foi composto en cúmbrico, dialecto británico próximo ao galés, e conmemoraba a expedición por unha parte de 300 guerreiros comandados por Mynyddawg Mwynfawr de Caereidyn (onda a actual Edimburgo, Escocia), para capturar a fortaleza romana de Cataractonium ou Catraeth (hoxe Catterick, Yorkshire) aos saxóns do reino de Deira. Trátase de poesía heroica con linguaxe directa e sinxela, de expresión vigorosa e coa rima interna de correspondencia consonántica, chamada cynghanedd. Tamén o consideran compositor algúns anos máis tarde do poema "Eglinion ac Misseld". No referente a Taliesin, escribiu en xénero heroico a Oda a Cynan Garwyn de Powys.English Writers: An Attempt Towards a History of English Literature.
Canu'r Bwlch Dos séculos VIII ao X consérvanse poucos poemas soltos de autores como Morfran, Meugan, Arofan, bardo de Selyf ap Cynan, e Afan Ferddig, bardo de Cadwallon ap Cadfan, morto o 613 en Hexham loitando contra Oswald de Bernicia, e autor de Moliant Cadwallon (Eloxio a Cadwallon), aínda que outros estudosos o atribúen a Cynddylan ap Cyndrwyn (s. VII). Tamén é importante a obra anónima Edmyg Dinbych (Elexía a Denbigh), do século IX.
Como autor máis coñecido daquela época ou cronista cómpre destacar a Gildas mab Kaw. Compuxo en latín De Excidio Britannie (talvez data do 540), onde describe as pelexas entre pictos, saxóns e romanos, e aparece a frase Arturi regis totius maioris Britannie, primeira referencia á figura lendaria do rei Artur. miniatura|Facsímile dunha páxina do Llyfr Taliesin Tamén destacaron como obras máis tardías o Armes Prydein (A gran profecía de Britania, 940) de cariz épico, onde vaticina a unión dos galeses cos británicos do Norte, Cornualla, Irlanda e Armórica para opórense ao rei saxón Aethelstan de Wessex; a Kanu y gwint (Canción do vento, s.X-XI); Hanes Taliesin (Historia de Taliesin), similar ao Armes…, pero contén o famoso diálogo entre Myrddin (Merlín) e Taliesin; e Brut y Tywysogion (Crónica dos Príncipes), grande crónica de Gales, recollida posteriormente polos monxes do Císter. Estas obras serían consideradas os máis importantes en galés do período, e influíron na obra de cronistas posteriores como Geoffrey de Monmouth, Gautier Map e Gerard Le Cambrien, compiladores do ciclo artúrico en latín ou francés na corte de Henrique II de Inglaterra.
As poesías de Llywarch Hen (s. VI) chegáronnos por dúas sagas dun xograr de Powys do século IX sobre Llywarch e Heledd, irmá de Cynddylan ap Cyndrwyn, coa métrica englyn embelecida pola aliteración. Describe as loitas entre os reinos de Powys e Mercia, na que Llywarch perdeu 24 fillos. Ambas as dúas son figuras dolorosas (diriad) por un destino desafortunado (dedwydd) e choran o orgullo perdido (traha). Outros fragmentos atopados da época son:
Os diálogos de Artus e Glewliuyd Mishtygrasp, entre Taliesin e Unach, e entre Gwyn ap Nudd e Gwyddneu Garanhir. O monólogo de Ysgolan. Tristan ac Essyllt, o futuro Tristán e Iseu (en galego-portugués: o livro de Tristán nun manuscrito de fins do século XIV).
Todas elas recollidas no Llyfr Du Caerfyrddin (Libro Negro de Caerfyrddin).Daniel Huws of the National Library of Wales (Llyfrau Cymraeg 1250-1400, Aberystwyth 1993). Tamén destacan os mitos de Myrddin Wyllt (Merlín o salvaxe), o salvaxe do bosque quen toleou ao ver unha batalla, o cal o fará profeta. En definitiva do período prenormando, entraron tamén en temas bíblicos ou lendas estranxeiras, como os de Hércules, Alexandre ou o irlandés Corroín Mac Dairi. Tamén se recolleron moitas sobre Avalon, o antigo Edén dos celtas, cuxo nome pode provir do galés Ynys Afalon (Illa das Mazás) ou ben de Affallach (O reino dos mortos). Tamén se cre que no século VI se celebrou a primeira Eistedfodd, festival de música e poesía, talvez reunido en Conway por Maelgwn, pero non está datada con certeza ata o século IX.
Os Gogynfeirdd Este período levará do 1100 ao 1350 aproximadamente, e tamén foi chamado dos bardos dos príncipes (beirdd y Tywysogion en galés). A consolidación do reino de Gwynedd permitiu unha evolución literaria en galés. Os bardos dividíanse en graos segundo a aprendizaxe que seguiran. O máis alto, ou pencerdd (cabeza de canción), cantaba na corte as proezas do seu señor, dos santos e de deus, e tiña prohibido cantar o amor ou a natureza. O bardd teulu cantaba á familia do señor, e podía cantar o amor, a natureza e as mulleres. O máis baixo, o cerddorion (trobador) dedicábase á poesía obscena e satírica, así como ás historias orais cyfarwyddyd, desenvolvidas e recollidas posteriormente nos Mabinogion.
Esta graduación baseada no ensino persistiu, e durante o reinado de Henrique IV de Inglaterra, a Eistedfodd ou Trono dos Bardos daba certificados e encargábase que os poetas dos chanzos máis baixos non caesen na mendicidade. Porén, iso provocou tamén un conservadorismo lingüístico e literario, porque o arcaísmo era considerada de bo gusto. Os bardos, asemade, adoitaban pertencer á mesma familia, como o caso de Meilyr Brydydd, o seu fillo Gwalchmai ap Meilyr e o seu neto Meilyr ap Gwalchmai, todos eles na corte de Gwynedd en Aberffraw.
Os principais poetas do período serían Gwalchmai (fl. 1130-1180) autor da canción de primavera Gorhoffedd (Vangloria) e da sátira contra os monxes Kynddelw; o seu fillo Meilyr ap Gwalchmai, autor de Arwyraim Owain (Exaltación de Owain, 1137); Cynddelw Brydydd Mawr "O gran poeta", fl. 1155-1200) da corte de Powys; Owain Cyfeiliog (1140-1197) poeta e príncipe de Powys, autor de Hirlas Owain (O corno bebedor gris de Owain); Hywel ab Owain (morto o 1170), príncipe de Gwynedd, cantor do amor do país, cos xéneros marwnad (elexía) e moliant (eloxio); e Gruffudd ab yr Ynad Coch "Fillo da Xustiza Vermella"), quen escribiu en 1282 uns Marwnadau á morte do rei Llywelyn ap Gruffudd.
Tamén destacou o xénero marwysgafn (Canción no leito de morte), de cariz relixioso, onde se confesan os pecados pola proximidade da morte, e outras proezas dos santos. Os últimos poetas, con todo, inclináronse polas novas rimas, como as awdlau. Os máis famosos serían Gruffudd ap Maredudd ap Dafydd (fl. 1352-1382), Gruffydd ap Dafydd ap Tudur (fl. 1380), Casnodyn (fl. 1320-1340) e outros.
No referente á prosa profana, no século IX apareceron na igrexa de San Teilo as primeiras glosas de tradución latina ao galés, e do século X data o fragmento chamado Computus, parte dun libro de astronomía con moitos latinismos. Tamén data do 1200 unha nova versión en galés das leis de Hywel Dda, no Libro Negro de Chirck. Os textos históricos eran recollidos polos cyfarwyddiaid, moi influídos polos bardos, quen recitaban tamén contos orais mesturando folclore, heroísmo, mitoloxía e feitos históricos. Os máis importantes deles foron os Mabinogion, recollidos no Llyfr Gwyn Rhydderch (Libro Branco de Rydderch) e no Llyfr Coch Hergest (Libro Vermello de Hergest), e conteñen once historias como As catro pólas de Mabinogi, Culhwch ac Olwen (1100), O soño de Rhonabwy (s. XIII), Owain ac Luned, Geraint ac Enid, Peredur fab Efrawg, Branwen uerch Lyr, Math fab Mathonwy, Lludd ac Llevelys e O soño de Macsen, todas elas de cariz cabaleiresco e mostran as loitas entre os señores, matrimonios e vinganzas. Tamén contén as Avellanau (Poema das maceiras, s.XIII), dedicado a Merlín.
De moitas destas historias evolucionaría posteriormente o ciclo artúrico. Tamén se traduciron ao galés numerosas obras latinas, como Delw y Byd (Imago mundi) de Honorio Augustoduniense, a Gwelediagaeth Bawl Abostol (Visión do apóstolo Paulo), a tradución de Epicteto de Hierápolis Ystoria Adrian ac Ipotis, a Cynghoreu Catwn (Disticha Catonis) de Dionisio Catón, Y Bibyl Ynghymraec (Promptuarium Bibliae), a Hystoria Gryddyd ap Cynan, a Ystoria Brenhined y Brytanyeit, tradución da Historia Regum Brittaniae (1136) de Geoffrey de Monmouth, que serviu de base histórica ao mito artúrico, Ystoriaeu Seint Greal (O santo Graal) e Saith Doethion Rufein (Historia de Perceval). Tamén se atoparon versións do Cantar de Roldán e de diversos libros de leis.
Os bardos dos nobres ou cywyddwyr O período do 1350 ao 1450, con todo, é o considerado como á Idade de ouro dos cywyddau. Despois da conquista anglonormanda, aínda eran importantes nas cortes de Gwynedd e Powys os uchelwyr (aristócratas), quen subvencionaban os bardos, a pesar de que minguaría o prestixio tanto dos pencerdd como do bardd teulu. Ademais, no sur morreu a vella canción e só se mantería a tradición oral. O gran poeta desta época foi Dafydd ap Gwilym (1340-1370), autor dunha poesía descritiva dos costumes da época e considerada como contemporánea de Geoffrey Chaucer. Tamén compuxo 101 poemas dedicados á loura Morudd, con forte influencia provenzal. Considérano discípulo de Llywelyn e Ifon Hael, e destacou en descartar os vellos arcaísmos e adoptar novas formas como o cywydd e a traethawdl (copla de sete sílabas), así como o llatai ou mensaxe amorosa inventada por Llywarch ap Llywelyn (Prydydd y Moch, 1173-1220), e o dyfaliad ou poema descritivo.
Outros poetas contemporáneos seus serían Gruffudd ab Adda ap Dafydd (morto o 1344), Iolo Goch (1320-1398), Llywelyn Goch Ap Meurig Hen (fl. 1360-1390), coa elexía Marwnad Lleucu Llwyd, Gruffudd Llwyd ap Dafydd (fl. 1380-1410), poeta oficial de Owain Glyndŵr, Rhys Goch Eryri (1365-1448), Llywelyn ab y Moel (morto o 1440), e sobre todo Siôn Cent (morto o 1430), quen compuxo numerosos cywyddau brud (Cancións semipoéticas) e cywyddau'r Byd (Loas aos vellos tempos).