Adolfo Lucas Reguilón García, nado en Villa del Prado (Madrid) en 1911 e finado en 1994, foi un mestre e guerrilleiro republicano que actuou pola zona do val do Tiétar trala Guerra Civil. Adoptou o alias de "Severo Eubel de la Paz" (que segundo el quería dicir "Serio e incorruptible luchador en la buena guerra por la paz").
Traxectoria Militante comunista dende maio de 1936, cando comezou a Guerra Civil exercía de mestre en Navamorcuende (Toledo). Participou como miliciano nos combates da estrada da Coruña. Foi ferido en novembro de 1936 e posteriormente desempeñou tarefas no comisariado político. Ao rematar a guerra foi preso e condenado a morte, pero foi liberado en 1943.
Ao saír da prisión botouse ao monte no val do Tiétar con varios compañeiros, creando a Agrupación Guerrillera Zona M (Alto del Mirlo) pola zona de Piedralaves (Ávila), dedicándose sobre todo á difusión de propaganda impresa, a sabotaxe dos tendidos eléctricos, o corte de estradas e a imposición de multas aos veciños da zona colaboracionistas do réxime de Franco. En novembro de 1944, o grupo de Severo integrouse como fundador na Agrupación Guerrillera de Extremadura (División de Gredos). O grupo tiña unha ideoloxía propia, mestura de comunismo, cristianismo e pacifismo, elaborada por Reguilón a partir da idea de Unión Nacional lanzada por Jesús Monzón (máximo dirixente do PCE no interior de España). Publicou folletos políticos e os periódicos Uníos e El Guerrillero Carpetano. A Garda civil e as organizacións antifranquistas considerábano un fantasioso e visionario, con apetencias de protagonismo e de mando. A actuación de Reguilón causaba malestar entre os demais grupos guerrilleiros, debido a que na práctica rexeitaba a acción armada.
A acción máis importante do grupo tivo lugar o 16 de agosto de 1946, cando ocuparon por unhas horas a vila de Alameda del Valle.
No verán de 1947 o grupo de Severo realizou a súa última acción na serra, no porto de Navacerrada, como consecuencia da cal unha parella de mozos que acampaba na lagoa de Peñalara allea a todo, foi tiroteada pola Garda Civil.
Reguilón continuou a súa actividade política en Madrid. Pero ese mesmo ano de 1947, os guerrilleiros acordaron abandonar a capital e un camarada ofreceuse a trasladalo á casa dunha familia coñecida súa en Foz. Estableceuse en Mañente (Vilaronte) onde meses despois chegou o seu lugartenente Teodoro del Real Yáñez Formal, e alí exerceu como mestre, sendo coñecido como Bernardo Gonzalo Gil "Don Bernardo". Para sobrevivir dedicase á venda de aparatos de radio ("As Radios de Don Bernardo"). En 1956 foi descuberto ao querer casar o seu compañeiro e solicitar os papeis na súa parroquia de orixe. Detido o 10 de xaneiro de 1956 en medio dun espectacular despregue de forzas da Garda civil, foi condenado a morte en consello de guerra, pero grazas a unha campaña internacional conmutáronlle a pena pola de trinta anos en prisión. Foi liberado en 1972 e faleceu o 29 de marzo de 1994.
Deixou escritas as súas memorias: Bajo el terror de las armas: el último guerrillero de España.
Véxase tamén Bibliografía Díaz Díaz, Benito. "La guerrilla antifranquista (maquis)", conferencia-coloquio do 8 de febreiro de 2006 no Club de Amigos da Unesco. Guevara, Chema. "Maquis en Alameda", en: Senda Norte comunicación, 21 de decembro de 2007. Reguilón García, Adolfo Lucas. El último guerrillero de España. AGLAG, Madrid, 1975.
Reguilón García, Adolfo Lucas. Mensajes de vida y paz. Madrid, 1977.
Reguilón García, Adolfo Lucas. Bajo el terror de las armas. Nuevos datos de una autobiografía histórica. Soriano Impresor, Madrid, 1982. Ligazóns externas Documental La guerra de Severo La hora de Severo Noticia da súa captura en Foz en ABC
Categoría:Guerrilleiros antifranquistas Categoría:Nados na Comunidade de Madrid Categoría:Nados en 1911 Categoría:Finados en 1994