Antón Grande Penela, nado en Lugo o 8 de xullo de 1953, é un xornalista e escritor galego.
Traxectoria Estudou nos Maristas e fixo COU no Instituto Masculino de Lugo (actual Lucus Augusti), xa durante o bacharelato comezou a publicar narracións na «Táboa Redonda» en El Progreso que dirixía Ánxel Fole, con quen participaba en faldoiros xunto con Celestino Fernández de la Vega. Axiña empezou a facer crítica literaria na Hoja del Lunes de Lugo e participou no obradoiro de teatro La Araña. En Radio Lugo, el e Xesús Valcárcel, fixeron durante cinco anos o programa cultural «Fogar de Breogán». No instituto coincidiu nas angueiras culturais con Xesús Alonso Montero e Claudio Rodríguez Fer, os irmáns Valcárcel ou Xavier Rodríguez Barrio.
Comezou Filoloxía Hispánica no Colexio Universitario de Lugo, con Claudio Rodríguez Fer e Anxo González Guerra. Nesta etapa foi expedientado, multado e enviado ao servizo militar por comunista. Continuou Filoloxía en Santiago, onde se relacionou cos compoñentes do grupo poético Cravo Fondo.
Como xornalista leva traballando desde 1979, desempeñando os cargos de xefe de informativos de Radio Lugo-Cadena SER, redactor de El Progreso, onde foi logo responsable das seccións de monográficos e de cultura. Tamén foi redactor xefe de Localia-Telelugo. Ademais de en libros, ten publicada obra narrativa en revistas como Coordenadas, Atlántico Express, Luzes de Galiza, Cuadernos del Norte ou Grial. Foi durante dous anos articulista en A Nosa Terra. Columnista de opinión desde 2014 en La Voz de Galicia.
Autor dos fascículos La guerrilla antifranquista en Lugo e El crimen de la media legua. Foi o guionista e documentalista do docudrama para televisión Bandoleiros ou guerrilleiros.
Obras Narrativa Pucharcas (1987). Asociación Cultural Atlántico Express. 65 páxs. ISBN 9788439894568. Prólogo de Ramón Piñeiro. Tabernarios (1992). Deputación de Lugo. 64 páxs. ISBN 978-84-86824-11-2. Ilustracións de Xoán Balboa. Madia leva! (2007). Alvarellos. 125 páxs. ISBN 978-84-89323-16-2. Ilustracións de Quique Bordell e prólogo de Xosé de Cora. miniatura|Entrevistando a Darío X. Cabana. Obras colectivas Os escritores lucenses arredor de Ánxel Fole (1986). Concello de Lugo. Contos no Camiño (1996). Deputación de Lugo. Cinguidos por unha arela común. Homenaxe a Alonso Montero (1999). Universidade de Santiago. Coroa literaria para Roberto Blanco Torres (1999). Ediciós do Castro. Homenaxe a don Paco del Riego, fillo adoptivo de Nigrán (2003). Edicións do Cumio. Escrita Contemporánea, homenaxe a Ánxel Casal (2005). Asociación de Escritores en Lingua Galega. O sorriso de Lilí: homenaxe a Araceli Herrero Figueroa (2020). Colectivo Egeria.
Premios Premio Galicia de Xornalismo no 1989, por unha serie de artigos de investigación, publicados en El Progreso, sobre a loita e a vida dos maquis en Galicia. 1993: Gañador do primeiro premio de narrativa Álvaro Paradela de Ferrol, co conto titulado O reloxo. Premios de narrativa e poesía en Meigas e Trasgos de Sarria. Segundo premio Pedrón de Ouro de guións radiofónicos. Premio Moncho Pío en Chantada. 2020: Gañador do primeiro premio de narrativa Álvaro Paradela de Ferrol, co conto Unha visita de ensono.
Notas
Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Xornalistas de Lugo Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados en 1953 Categoría:Xornalistas radiofónicos de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela