Xosé González Martínez, nado en Teis (Vigo) o 13 de xuño de 1950, coñecido na clandestinidade como Pepiño de Teis, e logo como Pepiño de Redondela, é un administrativo e intelectual galego, promotor do uso da lingua galega na xustiza e na administración. En 2004 recibiu a Medalla Castelao.
Traxectoria Dende os 17 anos militou no nacionalismo galego, foi membro da dirección da UPG, onde era coñecido como Pepiño de Teis, e o seu máximo responsábel dende 1971 ata que foi expulsado o 7 de outubro de 1976. Dende 1979 foi funcionario da administración local, primeiro en Redondela, onde estivo 20 anos no Servizo de Normalización Lingüística do concello, e despois na mancomunidade da Área intermunicipal de Vigo onde foi director do Servizo de Normalización Lingüística.
Foi director da Revista de Administración Galega, subdirector da revista Lingua e Dereito que edita a Universidade de Vigo. É presidente da Fundación dos Premios da Crítica Galicia, secretario da Asociación de Amigos de Couto Mixto, fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Asociación de Xuristas en galego. Foi un dos creadores do Premio Blanco Amor. É impulsor da Fundación Galicia Empresa e da Fundación Lois Peña Novo, e presidente do Foro Enrique Peinador. Colaborador en prensa (Faro de Vigo) e radio (Radio Galega) e da Enciclopedia Galega Universal. Foi o tradutor ao galego dos Códigos Penal e Civil e de moita outra literatura xurídica.
Premios En 2002 foi recoñecido como Xuíz Honorario do Couto Mixto. En 2004 Medalla Castelao. En 2020 foi Premio da Cultura Galega. En 2021 foi Premio Alecrín de Ouro, concedido anualmente pola Federación Galega de Entidades Culturais de Cataluña (Fegalcat).
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Entrevista a Xosé González en Nós TV Ficha en galegos.info Biografía
Categoría:Políticos da UPG Categoría:Medallas Castelao Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1950 Categoría:Enciclopedistas de Galicia