San Pedro de Rinlo é unha parroquia do concello lugués de Ribadeo. A freguesía pertence ó arciprestado de Ribadeo. Segundo o IGE en 2010 tiña 233 habitantes.

Conta cos lugares do Campo de María Méndez, O Campo de San Pedro, O Campo do Cristo, O Cantal, O Cotarelo e A Virxe Branca. Limita ao sur coa parroquia da Devesa, ao leste con Vilaframil, ao oeste con Reinante (do concello de Barreiros) e ao norte co mar Cantábrico. Está atravesada polo regato de San Xulián ou San Xián.

Xentilicio O seu xentilicio é rinlego.

Toponimia O topónimo podería derivar do nome do pequeno río que desemboca no seu porto: Rivillus, palabra composta de rivius, (río) e a posposición diminutiva illus (río pequeno, regato). Perdido o v ante o i, fenómeno frecuente na formación das linguas romances, queda Riillus. O hiato formado polos dous ii fai desaparecer un deles, quedando Rillus, que acaba en Rilo, perdendo un l por redución fonética. O n que logo aparece é un fenómeno de nasalización secundaria, como esquecer / esquencer. Na Idade Media estaba documentado como Riilo.

Historia Vila mariñeira de longa tradición, aparece referenciada no tombo do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, nun documento de 1268 que menta o 'Porto de Rielo de Meirengos', base das primeiras cabanas de pescadores.Moncho Mariño (1 de maio de 2022): «Carlota Eiros, arquitecta: “os documentos atestiguaban a existencia do porto de Rinlo xa no século XIII” ». Xornal da Mariña. Deu acubillo a tres cetarias, hoxe abandonadas. As súas actividades principais na actualidade son a extracción de percebes e o turismo.

A parroquia foi creada en 1896, segregándose os seus lugares da Devesa. No ano 2009 iníciase o proceso para constituír un BIC, aínda sen rematar en 2022.

Patrimonio miniatura|300px|Vista xeral de Rinlo. Á dereita, o Mar Cantábrico. Ó fondo, a costa de Burela. miniatura|Casa indiana en Rinlo. Destaca o miradoiro e a pasarela no tellado. O horro (hórreo) é do estilo típico de Ribadeo (vista posterior).

A igrexa parroquial de San Pedro está sita á saída do núcleo urbano. Ten algún edificio curioso, como a Casa de Don Inocencio, unha casa de indianos cunha pasarela no tellado, amais de edificacións como a antiga escola, doazón dun indiano orixinario da zona. As casas da fachada cara ó porto zona teñen un colorido diverso. alt=Cetaria en Rinlo. É chamada a primeira cetaria por ser a máis próxima á poboación das tres existentes|miniatura|Cetaria en Rinlo. É chamada a primeira cetaria por ser a máis próxima á poboación das tres existentes Na actualidade un paseo costeiro recorre toda fronte da rasa ó pé do Cantábrico, incluída a zona de Rinlo, e facilita a visita ás tres cetarias, que forman parte da historia rinlega.

Festas e lecer As festas patronais de San Pedro celébranse o 29 de xuño, cunha procesión ata o peirao. O 16 de xullo, como en case tódalas vilas mariñeiras, hónrase á Virxe do Carme, cunha misa que se celebra no porto. Recentemente recuperouse a festa do percebe, que se vén celebrando contra o 25 de xullo.

O porto ten gran tradición mariñeira, e conta ademais cun depósito e traída de augas.

Rinlo na cultura popular Pra facer ben a costeira, mariñeiriños rinlegos, pra botar contas, no porto, mariñeiriños focegos.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Rinlo

Parroquias de Ribadeo

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Ribadeo

Categoría:Parroquias de Ribadeo Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Pedro Categoría:Topónimos galegos con etimoloxía