2867 Šteins é un pequeno asteroide do cinto principal que foi descuberto en 1969 por Nikolai Chernykh. O nome lle foi asignado por Kārlis Šteins, un astrónomo letón e soviético. Šteins recibiu a visita da sonda espacial Rosetta no ano 2008.
Características físicas Un estudo publicado en 2006 por astrónomos do Observatorio austral europeo mostrou que Šteins é un asteroide de tipo E cun diámetro duns 4,6 km. O estudo previo ó sobrevoo da sonda Rosetta mostrou, mediante a súa curva de luz, que o asteroide ten un período de rotación dunhas seis horas, que ten forma irregular e que non ten ningunha lúa.
Tralo sobrevoo de Rosetta, a ESA describiu Šteins como "un diamante no ceo", dado que ten unha forma que se vai estreitando cara a un extremo. A parte máis ancha do asteroide está dominada por un gran cráter de 2,1 km de diámetro e que sorprendeu ós científicos, que non esperaban que o asteroide puidera sobrevivir a semellante impacto. As fotografías de Šteins tomadas por Rosetta permitiron ós científicos determinar que o asteroide ten unhas dimensións de 6,67 x 5,81 x 4,47 km, o que significa un diámetro medio de 5,3 km.H. U. Keller, et all - E-Type Asteroid (2867) Steins as Imaged by OSIRIS on Board Rosetta - Science 8 January 2010: Vol. 327. no. 5962, pp. 190 - 193 DOI: 10.1126/science.1179559
Sobrevoo O 5 de setembro de 2008, a nave Rosetta sobrevoou Šteins a unha distancia de 800 km e unha velocidade relativamente baixa de 8,6 km/s. Este foi o primeiro de dous sobrevoos de asteroides programados para a sonda Rosetta, visitando en 2010 o asteroide 21 Lutetia, moito máis grande. No momento do sobrevoo agardábase que o asteroide estivese iluminado polo Sol desde a perspectiva da nave, co que as imaxes tiñan moitas posibilidades de ser claras e nítidas. O Centro Europeo de Operacións Espaciais (ESOC) transmitiu unha conferencia de prensa adicada ó sobrevoo o mesmo día que foi levado a cabo.
Notas
Véxase tamén Outros artigos 21 Lutetia Ligazóns externas Sitio da ESA con fotografías e animacións de Šteins Datos orbitais e parámetros astronómicos na páxina do JPL
Categoría:Asteroides