Republic of Lakotah ou Lakotah é un estado autoproclamado dentro das fronteiras dos Estados Unidos que reclama parte dos estados de Dacota do Norte, Dacota do Sur, Nebraska, Wyoming e Montana como o fogar do pobo lakota. Ten unha poboación estimada en 2005 de 100.000 persoasLakota Nation from UNPO (incluída só a xente de orixe lakota).

As fronteiras propostas son as establecidas no Tratado de Fort Laramie (1851) entre o goberno dos Estados Unidos e os lakota que delimitaba o territorio con lindes naturais: o río Yellowstone, ao norte; o río North Platte, ao sur; o río Missouri, ao leste; e unha liña irregular marcando o oeste. Estas terras están agora ocupadas por reservas indias e asentamentos non nativos.

Ningún dos gobernos tribais lakota existentes, recoñecidos, apoia a república proposta nin tampouco foi consultado sobre o asunto.

Historia

Antecedentes Non é a primeira vez que un grupo lakota pula pola independencia. O 28 de febreiro de 1973, un conxunto de indíxenas do American Indian Movement, entre os que tamén estaba Russell Means, levaron a cabo unha acción armada cando ocuparon Wounded Knee Crock, o mesmo lugar onde se producira en 1890 o masacre de Wounded Knee, e declararon a independencia. A seguir, produciuse a intervención da Garda Nacional e 2 dos insurxentes morreron e o resto foron detidos.

Declaración de independencia O 20 de decembro de 2007, un movemento que defende a afirmación dos nativos americanos, chamado Freedom Lakota e liderado por catro representantes do pobo lakota (Russell Means, Gary Rowland, Duane Martín, e Phyllis Young) proclamou en Washington que se retiraban "formal e unilateralmente, de tódolos tratados e acordos impostos polo goberno dos Estados Unidos" o que implicaba a independencia dos lakota dos Estados Unidos e a creación da República de Lakota. Nunha nota remitida ao Departamento de Estado dos Estados Unidos, denuncia a totalidade dos trinta e tres tratados asinados ao longo do tempo cos Estados Unidos, e que os colonos nunca respectaron. Varios tratados teñen máis de 150 anos. Russell Means solicitou ás embaixadas de Bolivia, Venezuela, Chile e Suráfrica o recoñecemento diplomático internacional da República de Lakota, sen conseguilo.

O grupo, argumenta que a afirmación de independencia non é tanto unha secesión dos Estados Unidos, senón unha reiteración de soberanía.

Representatividade Ata data actual, o país non foi recoñecido e certos membros dos consellos tribais dos lakota argumentan que non foron representados nas decisións. O verdadeiro grao de apoio á Delegación de Liberdade Lakota ou para a renuncia lakota dos Estados Unidos é descoñecido. Pola contra, o movemento Freedom Lakota, tampouco recoñece nin ós presidentes nin ós gobernos tribais recoñecidos pola Oficina de Asuntos Indíxenas estadounidense, acusándoos de «colaboracionistas».

Dende a morte de Means, no 2012, a líder "de facto" é Phyllis Young que pertence ao Consello Tribal de Standing Rock.

Dakota Access Pipeline

O DAK (Dakota Access Pipeline ou, en galego, Oleoduto de Acceso a Dakota) é un gasoduto de 1.825 km de lonxitude que vai dende os estados de Illinois a Dacota do Norte. A súa construción comezou en 2014, por conta dun consorcio petroleiro, mais os traballos foron paralizados en decembro de 2016. O Corpo de Enxeñeiros do Exército dos Estados Unidos, encargado de supervisar o proxecto, anunciou que lle rexeitaba á petroleira o permiso de perforación baixo o río Missouri.

O subsecretario de Obras Civís do Exército anunciou nun comunicado de prensa que o goberno "realizará un estudo integral de impacto ambiental e estudará rutas alternativas". Porén, o 24 de xaneiro de 2017, o daquela presidente, Donald Trump, que tiña intereses no consorcio petroleiro, asinou unha orde executiva para reactivar o proxecto do DAC sen esperar os estudos.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas República de Lakota Lakota Oyate Discurso de Russell Means sobre a República de Lakotah on YouTube.

Categoría:American Indian Movement Categoría:Nacionalismo nativo americano Categoría:Movementos independentistas Categoría:Pobo lakota Categoría:Independentismo nos Estados Unidos de América