Andreas "Andy" Brehme, nado en Hamburgo o 9 de novembro de 1960 e finado o 20 de febreiro de 2024 en Múnic, foi un ex-futbolista xermano, que xogaba de lateral esquerdo. Era un grande especialista a balón parado, e foi campión do mundo en 1990, anotando un gol de penalti na final contra a Arxentina.
Traxectoria Clubs Andreas Brehme comeza a súa carreira no 1. FC Kaiserslautern, no ano 1981. Aquí ficaría ata 1986, cando marcha cara ao Bayern Múnic. Na súa etapa coma xogador do Bayern conseguiría o seu primeiro título coma profesional: foron campións da Bundesliga no ano 1987. A finais da tempada unha boa oferta do Inter de Milán faille colle-la equipaxe e fichar polo club italiano.
Na súa etapa no Inter gaña a Serie A (O Scudetto) en 1989 e a Copa da UEFA de 1991. Estes anos a rivalidade entre os dous clubs máis importantes da cidade, o Inter e o AC Milan tiña unha especial forza, xa que a base dos primeiros eran os seus xogadores xermanos Lothar Matthäus, Rudi Völler e o propio Brehme e no caso dos segundos os neerlandeses Marco van Basten, Ruud Gullit e Frank Rijkaard.
Tras cinco tempadas en Italia, en 1992 ficha polo Real Zaragoza de onde sairá no verán de 1993. A derradeira etapa da súa carreira xogaría no seu primeiro club, o 1. FC Kaiserslautern. Antes do seu retiro en 1998 gañan a Copa de Alemaña de Fútbol en 1996 e a Bundesliga xa en 1998.
Selección Brehme xogou tanta na selección de Alemaña do Oeste coma despois na da Alemaña unificada.
Participou en tres mundiais, México 86, Italia 90 e EUA 94.
En México o equipo xermano quedou subcampión ao perder na final contra a Arxentina, na que destacaba Diego Maradona. O encontro rematou 3-2, despois de adiantarse os arxentinos por 2-0 e a posterior igualada dos xermanos, un xenial pase de Maradona no derradeiro intre do encontro deulle a vitoria ó cadro suramericano.
En Italia vingáronse da Arxentina, xa que de novo as dúas escuadras se enfrontaban na final. Desta volta Alemaña venceu 1-0 cun gol de penalti de Andreas Brehme.
Os seus derradeiros encontros internacionais disputounos no Mundial dos Estados Unidos en 1994. Aquí non lograron pasar dos cuartos de final, o que supuxo unha decepción para os daquela actuais campións do mundo.
Adestrador Despois de gaña-lo campionato da Bundesliga, Brehme retírase do fútbol e adícase a prepararse para ser adestrador. O seu primeiro club xa coma técnico foi 1. FC Kaiserslautern, no ano 2000. Dous anos máis tarde dimitiría do cargo polos pobres resultados que estaba a acadar, xa que o club atopábase neses intres a piques de descender de categoría.
Marchou ó SpVgg Unterhaching, da 2ª división xermana mais tivo que abandonar o club ante a crise de resultados que atravesaba.
Estivo tamén de axudante de Giovanni Trapattoni no VfB Stuttgart mais foron cesados do cargo ós poucos meses.
Categoría:Futbolistas de Alemaña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Alemaña Categoría:Xogadores do Saarbrücken FC Categoría:Xogadores do FC Kaiserslautern Categoría:Xogadores do FC Bayern München Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Adestradores de fútbol de Alemaña Categoría:Nados en Hamburgo Categoría:Nados en 1960 Categoría:Futbolistas olímpicos de Alemaña Occidental Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1984 Categoría:Futbolistas gañadores do Mundial Categoría:Adestradores do FC Kaiserslautern Categoría:Finados en 2024