Los Limones (inicialmente Los Limones del Caribe) é un grupo de pop/rock galego, formado en 1983 na cidade de Ferrol.

Traxectoria Comezaron a actuar de forma afeccionada. A banda orixinal formábana catro estudantes do colexio Montefaro de Ferrol. Santos Fernández López, alias Santi Santos á guitarra e voz, José Ignacio Garrote no baixo e despois guitarra, Tom Garrote coa guitarra solista e Marcial Rodríguez Badía na batería. Posteriormente únense ó grupo Carlos Vélez no baixo e Begoña Álvarez ó teclado. A primeira actuación do grupo foi no colexio maior Fonseca de Santiago de Compostela en maio de 1984, tendo despois unha vertixinosa actividade en locais de Ferrol (Copacabana, Bristol), Cabanas e Santiago (A Esquina, Festa do Campus Sur da USC ), durante 1985 e 1986. Posteriormente prodúcese un cambio radical no grupo, e da formación orixinal só queda Santi Santos. En 1987 a discográfica galega Edigal edítalles o seu primeiro mini-LP titulado Sun. Pouco despois conseguen gañar o Premio de grupo revelación que organiza a emisora Radiocadena Española e son fichados por Grabaciones Accidentales (GASA).

Esta discográfica edita o seu primeiro LP, Sube la marea (1989), que inclúe o sinxelo Te voy siguiendo, que pronto se sitúa entre os máis populares nas listas de vendas.

Un ano máis tarde gravan Donde acaba el mar. As cancións Trenes sin destino e No le digas convértense en referente da música máis comercial do momento e escóitanse continuamente en emisoras de radio e discotecas.

O seguinte disco, Música clásica (1992), inclúe o tema El canto de la sirena, que alcanza o número 1 nas listas de éxitos.

Tras publicar novos LP's nos anos seguintes con discretos resultados, o grupo disólvese en 1997.

Porén, en 2001 recomponse a banda e desde entón seguiron publicando discos, aínda que lonxe da repercusión nos medios que alcanzaron a principios dos anos noventa.

No seu disco ¡Sigue! (2008) inclúen como bonus track o tema Vamos Getafe, canción adicada ó Getafe Club de Fútbol.

No 2009 compoñen Chegou o Momento para a campaña electoral do candidato do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, á Presidencia da Xunta de Galicia.

Discografía

1987 - Sun (mini-LP) 1989 - Sube la marea 1990 - Donde acaba el mar 1992 - Música clásica 1993 - Por las estrellas 1995 - Amigos 1996 - Los Singles 1997 - 7 Mares 2001 - Volver a casa 2003 - La botellita 2004 - Camiño das estrelas 2004 - El directo de Limones 2006 - Palabra 2008 - ¡Sigue! 2010 - Arriba esas gaitas 2014 - 13 Limones 2015 - Quintos del 64

Véxase tamén Bibliografía Pop Español. Tomo 3. Orbis-Fabbri. 2000. Ligazóns externas Entrevista en Telemadrid

Limones Categoría:Grupos musicais do Xabarín Club