O Véneto (en italiano: Veneto, en véneto: Vèneto) é unha rexión de Italia situada na parte nororiental da Península Itálica. Ten preto de cinco millóns de habitantes, e a súa capital é a cidade de Venecia. Limita ao leste con Friúl-Venecia Xulia, ao norte con Austria (Tirol e Carintia), a noroeste co Trentino-Tirol do Sur, ao oeste coa rexión da Lombardía, ao sur coa Emilia-Romaña e ao leste co Mar Adriático.

Grazas ao seu patrimonio paisaxístico, histórico, artístico e arquitectónico, a rexión do Véneto é, con máis de 60 millóns de turistas ao ano, a rexión máis visitada de Italia, así como unha das principais de Europa e do mundo, debido principalmente á atracción de cidades de grande importancia artística e histórica como é o caso de Venecia, Verona, Padua ou Vicenza. Véneto ademais é unha das dúas rexións cuxos habitantes foron denominados "popolo" (pobo diferenciado) polo parlamento italiano, xunto coa rexión de Sardeña.

Xeografía miniatura|esquerda|Monte Pomagagnon, no Ampezzo. Cunha superficie de 18.390 km², Véneto constitúe a oitava rexión italiana por superficie. O punto máis setentrional é Cima Vanscuro (na fronteira con Austria) e o punto máis meridional é a Punta di Bacucco (foz do Po di Ariano). O seu territorio é morfoloxicamente moi variado, prevalecendo a chaira (56,4%), aínda que tamén ten extensas zonas montañosas (29,1%) e, en menor medida, outeiros (14,5%).

A montaña véneta comprende o 70% da totalidade dos Dolomitas na provincia de Belluno. Esta área, de particular beleza e de alto valor turístico, inclúe o Cadore, o Comelico, o Ampezzano e o Agordino. Entre as montañas máis elevadas encóntranse a Marmolada, famosa por ser paso habitual no Giro de Italia. O treito de outeiros é moi variado e inclúe os prealpes vénetos, dende Cansiglio no leste até os montes Lessini no oeste, pasando polo macizo do Grappa e o altiplano de Asiago.

Na chaira véneta están presentes os maiores relevos da chaira padana (territorio no que está integrada): os Montes Euganeos, que se erguen, totalmente illados na chaira, ao suroeste de Pádua, seguidos, a pouca distancia, dos Montes Berici, ao sur de Vicenza. Outras montañas e montes se erguen ao longo da chaira formando un arquipélago de montañas.

A chaira véneta está atravesada por algúns dos ríos italianos máis importantes, de sur a norte, o Po, o Adige, o Brenta, o Piave, o Livenza e o Tagliamento, así como dunha serie de canais artificiais. Achegándose ao mar a chaira confúndese con algunhas das zonas húmidas máis interesantes e extensas de Italia: o Delta do Po, que constitúe un parque rexional, e a Lagoa Véneta, que limita ao sur pola foz do Brenta e ao norte polo río Sile. Máis ao norte encóntrase a lagoa de Caorle, hoxe illada da Lagoa de Venecia, mais antigamente integrada no mesmo sistema de lagoas, que se estendía de Rávena a Grado. Ao oeste, a cabalo entre o Véneto, Lombardía e Trentino, encóntrase o Lago de Garda, o máis extenso lago italiano.

Clima O clima cambia significativamente entre unha área e outra. Continental nas chairas, o clima é máis suave ao longo da costa adriática, preto de Lago de Garda e nas zonas montañosas. As terras baixas están a miúdo cubertas por unha espesa néboa. As precipitacións son en xeral escasas (750 mm/ano) xunto ao río Po, e máis abundantes (750-1.100 mm/ano) en altitudes máis altas. Os valores máis altos (até 3.200 mm/ano) rexístranse nos prealpes Bellunese e na meseta de Asiago.

Historia miniatura|200px|Restos romanos de Aquileia, cidade construída polos romanos para axudar aos seus aliados Veneti Período venético Entre os I e II milenio a.C., a rexión estaba habitada polos Euganei. Segundo antigos historiadores, os Veneti (ás veces chamados Paleoveneti), viñeron de Paflagonia en Anatolia, no momento da caída de Troia, dirixida polo príncipe Antenor, un compañeiro de Eneas.

Nos séculos VII e VI séculos a.C. as poboacións locais do Veneto, entraron en contacto cos etruscos e os gregos. A cultura Venética chegou a un punto culminante durante o século IV a.C. Estes antigos venecianos eran de fala venética, unha lingua indoeuropea semellante, mais distinta, ao latín e as outras linguas itálicas, que non se debe confundir coa actual lingua véneta. Mentres tanto, os venecianos prosperaron a través do seu comercio de ámbar e foron ben coñecidos pola súa cría de cabalos. Con todo, co tempo, os venecianos empezaron a adoptar o vestido e algunhas outros costumes dos seus veciños celtas.

Período romano Durante a segunda guerra púnica (do 218 ao 202 a.C.), os venecianos, enviaron un continxente de soldados para combater xunto cos romanos contra os cartaxineses de Haníbal. Cos tempo a república romana transformou a súa alianza cos venecianos nunha relación de dominación. Despois do 91 a.C. as cidades da Veneti, xunto co resto de Transpadania, recibiron parcialmente os dereitos de cidadanía romana, de acordo coa Lex Pompeia Transpadanis, para anos máis tarde, no 49 a.C, recibila de pleno. Despois da batalla de Filipos (42 a.C.), que terminou a guerra civil romana, as terras dos Veneti, xunto co resto da Galia Cisalpine, deixaron de ser unha provincia e o territorio dos Veneti, que incluía a Friuli moderna, converteuse na rexión X (Venetia et Histria) dunha nova entidade denominada Italia. Pouco a pouco a poboación foi adoptado a lingua latina e a cultura de Roma. Así, a finais do século I, o latín desprazou finalmente ao venético.

Idade Media miniatura|Placa conmemorativa da Liga Lombarda A mediados do século VIII, os francos asumiron o control político da rexión, converténdose en parte do Imperio Carolinxio. Aínda que politicamente dominantes, estes invasores xermánicos foron gradualmente absorbidos pola poboación de Venecia a través dos séculos. No século X, a parte continental de Venecia, despois de sufrir as invasións dos húngaros e dos eslavos, incorporouse ao Sacro Imperio Romano, medrando pouco a pouco os municipios da península en poder e riqueza.

En 1167 unha alianza (a chamada Liga lombarda) formouse entre as cidades de Venecia, Padua, Treviso, Vicenza e Verona, xunto con outras cidades do norte de Italia, para facer valer os seus dereitos contra o emperador do Sacro Imperio Romano. O Segundo Tratado de Constanza en 1183 confirmou a Paz de Venecia de 1177 no que as cidades ratificaron seguir sendo parte do Imperio, a condición de que a súa xurisdición sobre os seus propios territorios non fose infrinxida.

Porén, a Liga disolveuse pola morte do Emperador Federico II en 1250. Este período tamén foi testemuña da fundación da segunda universidade máis antiga de Italia, a Universidade de Padua, en 1222. Durante estes anos, Padua tamén foi o fogar de Santo Antón, chamado simplemente "il Santo" ("o Santo") polos habitantes da cidade.

República de Venecia miniatura|Imperio Véneto entre os séculos XV e XVI miniatura|A República de Venecia en 1796, antes de ser invadida por Napoleón Bonaparte miniatura|Venecia, capital do Véneto

Venecia obtivo a súa independencia total no século IX. Na Alta Idade Media, expandiuse grazas ao control do comercio con Oriente e aos beneficios que isto supuña, expandíndose polo mar Adriático, aproximadamente desde 991 co reinado de Piero II Orseolo, baixo cuxo réxime empezou a expansión veneciana polas costas de Dalmacia, ao momento de que a mediados do século XI unha bula papal recoñeceu a soberanía de Venecia sobre toda a costa oriental do Adriático.

O apoxeo de Venecia acadou o seu cénit na primeira metade do século XV, cando os venecianos comezaron a súa expansión por Italia como resposta ao ameazador avance de Gian Galeazzo Visconti, duque de Milán. En 1410, Venecia controlaba a maior parte do Véneto, incluíndo cidades como Verona, Padua e Udine e máis tarde Brescia e Bérgamo (chamadas colectivamente o Stato dei Terraferma), controlando unha frota de case 3.300 navíos. O mar Adriático converteuse no "mare veneziano", desde Corfú até o río Po, as posesións do Stato dei Mare alcanzaban Chipre, Creta, Eubea, varias illas do mar Exeo e numerosos enclaves nos Balcáns, mentres as frotas venecianas mantiñan activo comercio con todo o Mediterráneo, estendendo a súa rede de contactos mercantís por toda Europa e Medio Oriente dende Inglaterra até Exipto, sendo que a mesma cidade de Venecia superaba os 100.000 habitantes, cifra moi elevada para a época.

Porén, co pasar dos anos a república foi caendo, e cara ao século XVIII, a Serenísima República non era máis que unha pálida sombra do que foi. O comercio na Mediterráneo era agora compartido con Xénova e Livorno (que se achaban baixo protección española e non estaban expostas a ataques otománs), mentres que en 1719 Austria declaraba a súa posesión de Trieste como porto libre e así evitaba a intermediación mercantil veneciana; tanta competencia comercial reduciu aínda máis as fontes de riqueza da República. Outra guerra en alianza con Austria e contra Turquía entre 1714 e 1718 terminou coa perda total do Peloponeso a cambio de minúsculas conquistas en Albania e Dalmacia, beneficiando novamente a Austria como nova gran potencia en detrimento do Imperio Otomán.

A inicios de 1797, o territorio de Venecia foi invadido polas tropas do Xeneral Napoleón Bonaparte, tanto por terra como por mar, as cidades do Stato dei Terraferma rendéronse rapidamente ante a superioridade numérica francesa, mentres que a propia frota de guerra veneciana estaba formada por só once barcos útiles incapaces de resistir. O goberno afrontou en abril un ultimato de Napoleón Bonaparte mentres a inicios de maio as tropas francesas terminaban de ocupar o Stato dei Terraferma, faltando tan só ocupar a capital mesma. O Gran Consello reuniuse finalmente o 12 de maio para disolverse e instaurar un "goberno representativo", mais catro días despois tropas francesas tomaron a urbe extinguindo definitivamente a República. Tras a firma do Tratado de Campoformio en outubro do mesmo ano, repartiuse o territorio de Venecia entre Francia e Austria. En 1866 o Véneto e Venecia incorporáronse a Italia.

Período italiano En 1866 despois da Terceira Guerra da Independencia e un controvertido referendo, Veneto foi anexionada a Italia. Nun esforzo por italianizar á poboación, a lingua veneciano deixou de ser recoñecida e foron contratados funcionarios públicos doutras rexións.

Debido ao desigual desenvolvemento económico moitos habitantes do país chegaron á pobreza, polo que o século XIX e o comezos do XX convertéronse nun período de emigración. Millóns de venecianos deixaron os seus fogares e a súa terra natal para buscar oportunidades noutras partes do mundo. Moitos estabelecéronse en América do Sur, especialmente na rexión de Rio Grande do Sul no Brasil, e noutros países como Australia, Canadá ou os Estados Unidos. Despois da segunda guerra mundial moitos venecianos emigraron a países de Europa occidental. En moitos destes lugares os seus descendentes mantiveron o uso dos seus dialectos ancestrais venecianos.

Administración e política Goberno O Véneto é unha democracia representativa presidencial. O Presidente da Rexión, alcumado coloquialmente Gobernador ou Doge, en lembranza do nome tradicións venecianas, é tamén o xefe do goberno rexional. O poder lexislativo é exercido polo Consello Rexional, o parlamento local. O estatuto, é dicir, a constitución rexional, promulgouse o 22 de maio de 1971. A pesar de que recoñece aos habitantes como un "pobo" (é dicir, un pobo distinto do pobo italiano), a rexión non posúe un nivel de autonomía comparable aos veciños das rexións de Friúl-Venecia Xulia e Trentino-Tirol do Sur. Esta é a razón pola que moitos municipios celebraron referendos para unirse a estas rexións.

Divisións administrativas