As células de Clara son células que se encontran no epitelio dos bronquíolos do aparato respiratorio, entre as células ciliadas de dito epitelio. Segregan glicosaminoglicanos para protexer o revestimento interno do bronquíolo e diversas proteínas con propiedades similares a un surfactante. Cando os bronquios se van ramificando e estreitando orixinando bronquíolos, decrece progresivamente o número de células caliciformes, polo que deixa de producirse mucina, que é substituída por estas outras secrecións. Teñen tamén funcións defensivas e de rexeneración do epitelio bronquial.

Tamén se lles chama células bronquiolares exócrinas.

Historia e nome As células de Clara reciben ese nome polo seu descubridor Max Clara, que as describiu en 1937. Max Clara (1899-1966) naceu no Tirol e foi un médico nazi, que utilizou nas súas investigacións e na descrición das células de Clara tecidos procedentes de vítimas executadas polo Terceiro Reich.

Características histolóxicas A súa superficie apical redondeada dálles forma de cúpula, que sobresae por encima do nivel das células veciñas do epitelio ciliado. Presentan no seu citoplasma moitos gránulos secretorios densos, que son baleirados por exocitose. Presentan un extenso retículo endoplasmático liso na porción supranuclear do citoplasma. A diferenza das células veciñas carecen de cilios.D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 744. ISBN 84-7605-361-4

Funcións A principal función das células de Clara é protexer o epitelio dos bronquíolos. Fano segregando diversos produtos, como a proteína secretora da célula de Clara (CCSP) e unha solución similar á do compoñente do surfactante pulmonar. Crese que tamén son responsables de detoxificar substancias nocivas inhaladas, que chegan aos bronquíolos. As células de Clara realizan isto utilizando os encimas citocromo P450 do seu retículo endoplasmático liso. Ademais, actúan como células nai, que se multiplican e diferencian en células ciliadas que rexeneran o epitelio bronquiolar danado.http://medical-dictionary.thefreedictionary.com/Clara+cell

Modo de funcionamento Os bronquíolos son as vías de transición entre as vías condutoras de aire e a porción respiratoria (alvéolos) do aparato respiratorio. Os bronquíolos son estreitos, de non máis de 2 mm de diámetro, e están revestidos por un epitelio cuboideo simple, formado por células ciliadas e células de Clara non ciliadas, que son exclusivas dos bronquíolos. A principal misión das células de Clara é sintetizar e segregar o material que reviste a luz do bronquíolo. Este material inclúe glicosaminoglicanos, proteínas como lisozimas, e a conxugación da porción secretora dos anticorpos IgA. Xogan un importante papel defensivo, e tamén contribúen á degradación do mucus producido polas células das vías aéreas superiores. A natureza heteroxénea dos gránulos densos presentes no interior das células de Clara suxire que non todos eles terían función secretora. Algúns poden conter encimas lisosómicos, que terían unha función dixestiva, ou defensiva: as células de Clara fagocitan toxinas que chegan no aire inspirado e degrádanas por medio de encimas tipo citocromo P-450 (especialmente CYP4B1, o cal está presente só nas células de Clara) do seu retículo endoplasmático liso; ou interveñen na reciclaxe de produtos de secreción. As células de Clara son mitoticamente activas. Divídense e diferéncianse formando tanto células epiteliais ciliadas coma non ciliadas.

Enfermidades As células de Clara conteñen triptase, que se pensa que é responsable de cortar a molécula de hemaglutinina presente na superficie do virus da gripe A, o que o activa e causa os síntomas da gripe. Nos ratos, cando a proteína l7Rn6 é destruída, os animais mostran síntomnas de enfisema grave ao naceren como resultado da desorganización do aparato de Golgi e a formación de estruturas vesiculares aberrantes no interior das células de Clara.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Surfactante pulmonar Pneumocito Célula caliciforme

Ligazóns externas Imaxe en BUHistology "Clara Cells" en GPnotebook Tipoloxía de células en ucsf.edu

Categoría:Histoloxía Categoría:Aparato respiratorio