miniatura|dereita|Subunidade beta da gonadotropina coriónica humana. A gonadotropina coriónica humana ou hCG é unha hormona glicoproteica producida durante o embarazo polo embrión en desenvolvemento despois da fecundación e posteriormente polo sincitiotrofoblasto (parte da placenta). A hCG tamén é producida na hipófise ou pituitaria de homes e mulleres de todas as idades.
Estrutura A gonadotropina coriónica humana é unha glicoproteína composta por 244 aminoácidos cunha masa molecular de 26,7 kDa.; É un heterodímero formado por unha subunidade proteica α (alfa) idéntica á da hormona luteinizante (LH), hormona estimulante dos folículos (FSH), tirotropina (TSH), e unha subunidade β (beta) que é exclusiva da hCG.
A subunidade α denomínase subunidade alfa das hormonas glicoproteicas e ten 92 aminoácidos de longo. A subunidade β da gonadotropina hCG contén 145 aminoácidos, codificada por seis xenes con moita homoloxía que se organizan en parellas en tándem invertidas situadas no cromosoma 19 (locus 19q13.3), chamadas CGB (1, 2, 3, 5, 7, 8). A secuencia da subunidade beta é:
As dúas subunidades crean un pequeno núcleo hidrofóbico rodeado por unha alta razón de superficie/volume: 2,8 veces a dunha esfera. A maioría dos aminoácidos exteriores son hidrofílicos.
Funcións
A gonadotropina coriónica humana é unha gonadotropina que interacciona co receptor LHCG (receptor da hormona luteinizante/coriogonadotropina) e promove o mantemento do corpo lúteo durante o inicio do embarazo, causando que este segregue a hormona proxesterona. A proxesterona favorece que o útero adquira un endometrio groso con moitos vasos sanguíneos e capilares de modo que este poida soster o crecemento do feto. Debido á súa carga altamente negativa, a hCG podería repeler as células do sistema inmunitario da nai, protexendo así ao feto durante o primeiro trimestre. Tamén se propuxo a hipótese de que a hCG podería ser un enlace placentario para o desenvolvemento da inmunotolerancia materna local. Por exemplo, as células endometriais tratadas con hCG inducen un incremento na apoptose das células T (unha disolución das células T). Estes resultados suxiren que a hCG podería servir de enlace no desenvolvemento da tolerancia inmunolóxica peritrofoblastica, e podería facilitar a invasión do trofoblasto, que é coñecido por acelerar o desenvolvemento do feto no endometrio. Tamén se suxeriu que os niveis de hCG están vinculados coa gravidade das náuseas do embarazo en mulleres preñadas.
Debido á súa semellanza coa LH, a hCG tamén pode ser usada clinicamente para inducir a ovulación nos ovarios como tamén a produción de testosterona nos testículos. Debido a que as mulleres embarazadas son a fonte biolóxica máis abondosa de hCG, algunhas organizacións recollen a urina de mulleres embarazadas para extraer a hCH para o seu uso en tratamentos de fertilidade.Moedersvoormoeders.nl - a Dutch organization that collects urine from pregnant women to extract hCG.
A gonadotropina coriónica humana tamén xoga un papel na diferenciación celular/proliferación e podería activar a apoptose.
Produción Igual que outras gonadotropinas, a hCG pode obterse da súa extracción da urina ou por modificación xenética. Os produtos Pregnyl, Follutein, Profasi, Choragon e Novarel utilizan o método anterior, derivado da urina de mulleres preñadas. O Ovidrel é un produto obtido usando a tecnoloxía ADN recombinante. A hCG é producida no corpo humano nas células do sincitiotrofoblasto.
Probas Os niveis de hCG poden medirse no sangue ou na urina. Isto faise comunmente nas probas de embarazo, coa intención de indicar a presenza ou ausencia dun embrión implantado. Tamén se poden facer probas de hCG cando se diagnostican ou monitorizan tumores de células xerminais e a enfermidade trofoblástica xestacional.
A maioría das probas empregan un anticorpo monoclonal, que é específico da subunidade β da hCG (β-hCG). Este procedemento emprégase para asegurar que as probas dean falsos positivos ao confundir a hCG coa LH e FSH (as dúas últimas están sempre presentes no corpo, entanto que a presenza da hCG case sempre indica un embarazo).
A análise de urina pode facerse por inmunoensaio cromatográfico ou calquera de varios outros métodos de análise. Os límites de detección publicados van desde 20 a 100 mIU/ml, dependendo da marca da proba. A principios do embarazo, poden obterse resultados máis precisos ao usar a primeira urina da mañá (cando os niveis de hCG son os máis altos). Cando a urina está diluída (gravidade específica menor de 1,015), as concentracións de hCG poderían non ser representativas das concentracións en sangue, e a proba podería dar un falso negativo. A análise sérica utiliza 2-4 mL de sangue venoso, e é tipicamente un inmunoensaio quimioluminiscente ou fluorimétrico que pode detectar niveis de β-hCG de só 5 mIU/ml e permite a cuantificación da concentración de β-hCG. A posibilidade de cuantificar os niveis de β-hCG é útil na monitorización de células xerminais e tumores trofoblásticos, seguimento despois dun aborto involuntario, e no diagnóstico e seguimento despois do tratamento dun embarazo ectópico. A falta dun feto visible nunha ecografía vaxinal despois de que os niveis de β-hCG chegaran a 1500 mIU/ml é un forte indicador dun embarazo ectópico.
Como as probas de embarazo, as probas cuantitativas de sangue e as máis sensibles probas de urina usualmente detectan a hCG entre 6 a 12 días despois da ovulación. Porén, tense que tomar en conta que os niveis totais de hCG poderían variar amplamente durante as primeiras 4 semanas de xestación, o que pode dar lugar a resultados falsos durante este período de tempo.
As enfermidades trofoblásticas xestacionales como as molas hidatiformes ("embarazo molar") ou coriocarcinomas poden producir altos niveis de β-hCG (debido á presenza de sincitiotrofoblastos, parte das pilosidades que compoñen a placenta) malia a ausencia dun embrión. Isto, igual que outras condicións, pode levar a resultados elevados de hCG en ausencia de embarazo.
Os niveis de hCG son tamén un compoñente da proba tripla, unha proba de detección de certas anomalías cromosómicas do feto/defectos de nacemento.
Niveis de referencia A seguinte é unha lista dos niveis séricos de hCG. (UPM significa último período menstrual). Os niveis crecen de forma exponencial despois da concepción e implantación.
semanas desde o UPM mIU/mL 3 5 – 50 4 5 – 426 5 18 – 7,340 6 1,080 – 56,500 7 – 8 7,650 – 229,000 9 – 12 25,700 – 288,000 13 – 16 13,300 – 254,000 17 – 24 4,060 – 165,400 25 – 40 3,640 – 117,000 Mulleres non embarazadas <5.0 Mulleres posmenopáusicas <9.5
Aplicacións Marcador tumoral A gonadotropina coriónica humana pode ser usada como un marcador tumoral, xa que a súa subunidade β é segregada por algúns cánceres incluíndo, o seminoma, coriocarcinoma, tumores de células xerminais, a formación de molas hidatiformes, teratoma con elementos de coriocarcinoma, e tumor de células dos illotes de Langerhans. Por esta razón, un resultado positivo en homes podería ser un sinal de cáncer testicular. O rango normal para un home é 0-5 MIU/ml.
Fertilidade A gonadotropina coriónica humana utilízase moito por vía parenteral como un indutor da ovulación en vez da hormona luteinizante (LH). En presenza dun ou máis folículos ováricos maduros, a ovulación pode ser provocada por medio da administración de hCG. Como a ovulación ocorre entre 38 e 40 horas despois dunha soa inxección de hCG,HCG Injection After Ovulation Induction With Clomiphene Citrate at Medscape. By Peter Kovacs. Posted: 04/23/2004 pódense programar algúns procedementos para tomar vantaxe deste período de tempo,IVF.com ; Ovulation Induction. Consultado o 7 de marzo de 2010 tal como a inseminación artificial ou relacións sexuais. Tamén, as pacientes nas que se fai un tratamento de fecundación in vitro (FIV), en xeral, adminístraselles hCG para provocar o proceso de ovulación, pero realízase unha extracción de ovocitos arredor de 34 a 36 horas despois da inxección, unhas horas antes de que os óvulos sexan liberados polo ovario.
Como a hCG mantén o corpo lúteo, a administración de hCG é usada en certas circunstancias para incrementar a produción de proxesterona.
Nos homes, as inxeccións de hCG son usadas para estimular as células de Leydig para que sinteticen testosterona. A testosterona intratesticular é necesaria para a espermatoxénese das células de Sertoli. A hCG úsase tipicamente en homes con hipogonadismo e en tratamentos de fertilidade.
Durante os primeiros meses de embarazo, a transmisión do virus da inmunodeficiencia humana-1 da nai ao feto é extremadamente rara. Suxeriuse que isto é debido ás altas concentracións de hCG, e que a subunidade beta desta proteína é activa contra o VIH-1.
Perda de peso O uso polémico da hCG forma parte da dieta ultra-baixa en calorías (menos de 500 calorías) do endocrinólogo británico Albert T. W. Simeons. Simeons, mentres estudaba mulleres embarazadas na India con dietas deficientes en calorías, e "nenos gordos" con problemas hipofisarios (síndrome de Frölich), tratados con doses baixas de hCG, afirmou que ambos os grupos estudados perderon graxa en vez de tecido magro (masa muscular). Simeons pensou que a hCG debía estar programando o hipotálamo para facer isto coa fin de protexer ao feto en desenvolvemento ao fomentar a mobilización e consumo de tecidos adiposos anormais, e excesivos. Simeons, no Hospital Internacional Salvator Mundi de Roma, Italia, recomendaba inxeccións diarias de doses baixas de hCG (125 UI) en combinación cunha dieta personalizada ultra baixa en calorías (500cal/día, alta en proteínas, baixa en carbohidratos/graxas) para perder tecido graxo sen perda de tecido magro. Despois da morte de Simeons, a dieta comezou a estenderse a centros especializados e divulgouse e popularizouse.
A controversia empezou a partir das advertencias do Journal of the American Medical Association (Revista da Asociación Médica Americana) e a American Journal of Clinical Nutrition (Revista Americana de Nutrición Clínica) de que a hCG non é segura nin eficaz para baixar de peso. Porén, estudos recentes no Journal of Clinical Endocrinology and Metabolism (Revista de Endocrinología Clínica e Metabolismo) indican que a hCG pode ter efectos na masa magra en homes de idade avanzada con deficiencia androxénica.
Unha metaanálise encontrou que os estudos que apoian que a hCG é un axente redutor de peso eran de mala calidade metodolóxica e concluíu que "non hai evidencia científica de que a hCG sexa eficaz no tratamento da obesidade; non fai perder peso nin redistribúe a graxa, nin tampouco reduce a fame ou induce unha sensación de benestar".
Uso homeopático ineficaz da hCG para o control de peso A controversia e a falta de dispoñibilidade de hCG inxectable para a perda de peso levou a unha importante promoción en Internet do que denominaron "hCG homeopática" para o control de peso. Os ingredientes destes produtos a miúdo non están ben definidos, pero se se preparan a partir de verdadeira hCG polo método tradicional homeopático de sucesivas dilucións, os produtos acaban por non conter hCG en absoluto ou só trazas (debido ao número de Avogadro).
A FDA dos Estados Unidos declarou que este medicamento é fraudulento e ineficaz para a perda de peso. Tampouco é un medicamento protexido como homeopático e foi considerado unha substancia ilegal.