Nevada () é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado ao oeste do país. Linda co estado de California ao oeste, co de Oregón ao noroeste, Idaho ao nordés, con Utah ao leste e co de Arizona ao sueste. Cun total de 286.380 km2 de superficie, Nevada é o 7.o estado máis extenso, así coma o 32.o máis poboado e o 9.o que posúe a densidade de poboación máis baixa. Case os tres cuartos da poboación do estado vive en Clark County, que contén a área metropolitana da cidade de Las Vegas.
Nevada posúe as maiores taxas de crecemento de poboación de todos os Estados Unidos, en gran parte grazas á grande inmigración de mexicanos na rexión. O crecemento de poboación do Estado entre 1990 e 2000 foi do 66,3%, en canto a poboación do país como un todo creceu 13,1%. Porén, a maior parte está escasamente poboada: a poboación do Estado concéntrase en dous núcleos urbanos distintos, Las Vegas e Carson City-Reno.
Os primeiros exploradores europeos en exploraren a rexión foron os españois. Estes deron o nome de Nevada á rexión, pola neve que era común nos meses de inverno. Nevada foi unha colonia española ata 1821, cando México se tornou independente, e Nevada pasou a formar parte de México. En 1848, co final da Guerra Mexicano-Americana, Nevada pasou a formar parte dos Estados Unidos. O 31 de outubro de 1864, Nevada elevouse á categoría de Estado dos Estados Unidos, durante a Guerra Civil Americana. Por iso, o Estado chamouse The Battle Born State.
Na década de 1870 atopáronse grandes reservas de prata en Nevada; isto deu a Nevada o cognome de The Silver State. Hoxe en día, a economía aínda posúe a minería como unha fonte de renda primaria, e o estado é un gran produtor de prata, ouro, petróleo e area. Porén, no presente, a maior fonte de renda do Estado é o turismo. Nevada é famoso polos seus casinos, que están primariamente concentrados en Las Vegas e mais en Reno.
Historia Ata 1864 Os nativos americanos vivían na rexión onde hoxe por hoxe se localiza Nevada, milleiros de anos antes da chegada dos primeiros exploradores europeos. Todas as tribos indíxenas que vivían na rexión formaban parte da familia dos aztecas. O primeiro explorador europeo na rexión foi o español Francisco Garcés, en 1776, partindo de Novo México en dirección a California. Nevada era entón parte das colonias españolas nas Américas. Coa excepción dalgúns postos comerciais para a realización de cambios comerciais con nativos indíxenas, ningún asentamento permanente se instalou na rexión durante décadas.
En 1821, México fíxose independente de España e Nevada pasou a ser controlada por México. Porén, os mexicanos interesáronse pouco en colonizar a rexión da actual Nevada, polo seu clima desértico, impropio para a práctica da agricultura. Nevada continuou a estar habitado só por nativos indíxenas. Durante a década de 1820 chegaron diversos exploradores británicos, principalmente comerciantes a mando da Compañía da Baía de Hudson. Durante a década de 1830 algúns estadounidenses foron explorar a rexión de Nevada. En 1830 Joseph Walker partiu de Santa Fe (Texas) en dirección aos Ánxeles, en California. No medio da viaxe, na desértica rexión de Nevada, creou unha estrada rústica, para mellor orientación. Esta estrada foi moi usada durante a carreira do ouro de California de 1848, que atraeu milleiros de americanos do leste do país en dirección ao oeste.
En 1848, México foi derrotado polos Estados Unidos na Guerra Mexicano-Americana, que se iniciara en 1846. Como consecuencia, toda a rexión de Nevada pasou a formar parte dos Estados Unidos. En 1850, foi creado o territorio de Utah, que incluía a rexión centro-norte da actual Nevada. O restante era parte do Territorio do Novo México, creado tamén en 1850.
Colonos americanos pasaran a instalarse gradualmente na rexión de Nevada. O primeiro asentamento americano foi Virginia City. Os primeiros asentamentos urbanos creáronse principalmente como centro de fornecemento de materias ás persoas do leste americano que viaxaban en dirección ao oeste. Porén, estes materiais- alimentos, roupas, armas e utensilios básicos -eran moi caros, unha vez que estes produtos eran na súa maioría comprados en California, ata o final da década de 1860. En 1859, atopáronse grandes depósitos de prata en Virginia City, atraendo diversas empresas de minería e miles de persoas de California e do leste americano. A poboación da rexión pasou dalgunhas poucas centenas de habitantes en 1850 a 6.857 en 1860. En marzo de 1861, creouse o territorio de Nevada, que incorporaba só as actuais rexións de Nevada que formaban parte anteriormente do Territorio do Novo México.
En 1861, comezou a Guerra Civil Americana, dividindo o país en dous: a Unión, que eran os Estados Unidos propiamente ditos, e os rebeldes Estados Confederados de América. A maioría da poboación estaba a favor da Unión. Abraham Lincoln, presidente dos Estados Unidos nese momento, quería aprobar unha serie de Emendas Constitucionais que prohibisen dunha vez o uso do traballo escravo no país. A aprobación da maioría dos membros da Casa dos Representantes e no Senado sería necesaria. Daquela, Nevada tiña apenas 10 mil habitantes. En novembro de 1863, celebrouse unha convención constitucional para tentar crear unha constitución do futuro Estado de Nevada. Esta constitución contiña unha emenda que propuña impostos sobre calquera mineral extraído no estado. A economía entón estaba baseada en gran parte na minería, e esta constitución non se aprobou. Unha segunda convención constitucional realizouse en xullo de 1864, desta volta con éxito e esta constitución aprobouse. A constitución americana entón dicía que só os territorios con máis de 127.381 habitantes poderían converterse en Estados da Unión. Mais Abraham Lincoln ignorou a Constitución Americana, e tanto el como o Congreso americano aprobaran a elevación de Nevada á categoría de Estado. Así, Nevada converteuse no 36º Estado americano en 31 de outubro de 1864.
1864-1945 En 1866, o goberno americano dividiu o entón Territorio de Novo México (que incluía os actuais estados de Novo México e de Arizona, así como a rexión sur de Nevada) en tres. O Territorio de Novo México pasou a ocupar a porción oriental. A porción central pasou a ser o Territorio de Arizona, e o extremo noroeste do Territorio de Novo México anexouse a Nevada. Esta adquiriu entón as súas actuais fronteiras políticas.
Nevada prosperou economicamente durante a década de 1860 grazas á minería da prata. Nunha década a poboación aumentou de 6.857 habitantes en 1860 a 42.491 en 1870. Porén, durante mediados da década de 1870, o goberno americano impuxo límites ao uso da prata no sistema económico do país, diminuíndo moito a demanda deste metal. Alén diso, o mineral de prata entón extraído nas minas da rexión era de baixa calidade, mesturada con outros elementos químicos. Antes das restricións sobre o uso da prata na economía do país, os prezos da prata eran altos, posibilitando así a cara purificación do mineral. Como consecuencia, moitas das empresas que operaban minas no estado se foron, en tanto outras tiveron que despedir a centenas de traballadores. A taxa de desemprego subiu drasticamente, e moita da poboación saíu do estado en busca de emprego. A poboación caería gradualmente ata o inicio do século XX. A gandería tornouse entón a principal fonte de renda de Nevada, aínda que os invernos rigorosos e a falta de infraestruturas de transportes impediron que a gandería se desenvolvese axiña.
Na década de 1900, foron descubertas novas reservas de prata en Nevada, próximas a Tonopah. O mineral de prata extraído nestas minas era de maior calidade, e os custos de purificación, menores. Así, a minería de prata tornouse novamente unha importante fonte de renda. Alén diso, tamén foron descubertas reservas de cobre en 1900. Porén, o máis importante descubrimento ocorreu en 1902, cando se atoparon grandes reservas de ouro. Máis reservas de ouro atopáronse en 1903. A industria de minería pasou a prosperar novamente. Diversas vías ferroviarias foron construídas para transportar o mineral extraído no estado a outras rexións do país, axudando a desenvolver o comercio urbano e a gandería de Nevada. Durante a década de 1900, Nevada aprobou unha lei que permitiu a calquera persoa divorciarse se levaba 6 meses vivindo no Estado, buscando atraer máis persoas á rexión.
En 1907, o goberno federal, en parcería con Nevada, finalizou o Nevada's Newlands Irrigation Project, o primeiro proxecto de irrigación artificial en grande escala realizado polo goberno americano. Este proxecto consistiu principalmente na construción de encoros ao longo dos ríos Carson e Truckee, o que permitiu a xeración de electricidade e a práctica da agricultura en Fallon.
Os Estados Unidos entraran na primeira guerra mundial en 1917. Entón, a maioría das reservas de ouro e de prata xa se esgotaran. Porén, o Estado aínda posuía grandes reservas de cobre, así como de tungsteno e de cinc, metais que tiveron gran demanda durante a guerra. Estas reservas foran descubertas a mediados da década de 1910. Moitas minas inauguráronse para atender á demanda. Porén, co fin da guerra en 1918, a demanda e os prezos de minerais en xeral caeron drasticamente. Diversas minas fecháronse en Nevada, e o Estado entrou nunha recesión económica.
En 1927, o goberno diminuíu o tempo necesario para que unha persoa se divorciara de 6 a 3 meses, e en 1931, apenas 6 semanas. Millares de persoas instaláronse no Estado para obter axiña certificados de divorcio. Aínda en 1931, Nevada legalizou a práctica do xogo de azar no estado. Ata entón, estas xogos estaban prohibidos. Nevada legalizara a práctica destes xogos en 1869, mais os habitantes do Estado premeron para que o goberno estatal prohibise a práctica de xogos en Nevada, o que se aprobou en 1909. Porén, tales xogos continuaran a seren practicados ilegalmente. O goberno esperaba a prohibición dos xogos de azar despois dunha melloría nas condicións económicas do Estado, mais desde entón, esta posibilidade nunca se considerou seriamente polo goberno do estado. Diversos casinos inauguráronse en Nevada e a economía do Estado comezou a prosperar.
Durante o final da década de 1930, considerábeis reservas de ferro, cinc e chumbo foron descubertas en Nevada. A segunda guerra mundial fixo con que a industria de minería florecese no Estado. A produción de material bélico e outros materiais necesarios na guerra fixo que a demanda de cobre, tungsteno, ferro, cinc e chumbo crecese enormemente.
O goberno americano construíu diversas bases aéreas na rexión. Entre elas, destaca a Área 51, hoxe en día coñecida mundialmente.
1945-presente 250px|miniatura|Explosión de bomba nuclear nunha proba militar no sur de Nevada.
Despois do fin da guerra, en 1945, a caída da demanda doméstica e internacional de metais causou o declive da industria de minería de Nevada. Durante a década de 1950, Nevada instituíu unha lei onde obrigaba a todo casino (ou calquera outro estabelecemento con xogos de azar) a ter unha licenza, que sería dada despois dunha rigorosa inspección e investigación do estado das instalacións.
Entón, o turismo xa era unha fonte de renda primaria do Estado. A importancia do turismo na economía aumentou axiña durante a década de 1950 e de 1960. En 1970, preto de 15 millóns de turistas visitaron o Estado. No presente, o turismo é a principal fonte de renda de Nevada.
Ao longo da década de 1950 e de 1960, militares americanos realizaran diversos testes de bombas nucleares nunha rexión totalmente illada, no sur de Nevada, a apenas 100 quilómetros de Las Vegas. Diversas bombas nucleares detonaron.