Illinois é un dos 50 Estados dos Estados Unidos de América. É o quinto estado máis poboado do país, cos seus 12 419 293 habitantes (en 2000). Cerca do 65% da poboación do estado vive na rexión metropolitana de Chicago, un dos maiores centros industriais e financeiros do mundo. Springfield é a capital do estado. Misioneiros franceses foron os primeiros europeos a exploraren a rexión. A palabra "Illinois" vén da pronunciación francesa da palabra algonquina illiniwek, que posúe dous significados 'o pobo' ou 'pobo superior'.

O cognome do Illinois é The Prairie State, que en galego significa "O estado dos prados". Illinois caracterízase polo seu terreo pouco accidentado, relativamente plano, que cobre unha gran parte do estado. Outro cognome do estado é The Land of Lincoln. Moitos dos habitantes do estado fachendean do feito de que o presidente americano Abraham Lincoln pasou a maior parte da súa vida no estado. Está actualmente enterrado en Springfield.

Historia Ata 1800 Diversas tribos indíxenas algonquinas vivían na rexión do actual Illinois moito antes da chegada dos primeiros exploradores europeos. Estas diferentes tribos algonquinas estaban organizadas nunha confederación, chamada de Illiniwek. A partir da década de 1680, diversas tribos iroquesas comezaron a atacar as tribos algonquinas, aínda que estes ataques non produciron moito efecto na confederación indíxena.

Os misioneiros franceses Jacques Marquette e Louis Joliet foron os primeiros europeos en explorar a rexión. Eles foran encargados polo gobernador da colonia francesa de Nova Francia para explorar e mapear o curso do Río Mississippi. Partiron da Vila do Quebec en 1673, chegando á rexión do actual Illinois en 1675. Joliet denominou a rexión como Illinois, en referencia á confederación Illiniwek, coa cal Marquette e Joliet estableceron relacións amigables. Neste mesmo ano, Marquette fundou unha misión católica na rexión. En 1699, outros misioneiros franceses fundaron un estabelecemento comercial, e unha vila en 1703. Entón, a rexión xa facía parte da Nova Francia. Os dous asentamentos fundados polos misioneiros tornáranse os principais centros francófonos na rexión.

Por causa da colonización francesa -os franceses eran maioritariamente católicos- a Igrexa católica foi a única institución relixiosa na rexión, durante aproximadamente un século. Non foi ata o 1787 que o primeiro protestante se estableceu na rexión. En 1717, Francia dividiu a Nova Francia en catro distintas colonias: Acadia, Nova Escocia, Quebec e Louisiana. O Illinois pasou a formar parte da colonia francesa de Louisiana. Neste mesmo ano, John Law, un comerciamte escocés, comezou a traer numerosos colonos franceses á rexión.

En 1763, os británicos venceron a guerra dos Sete Anos, contra os franceses. Polos termos do Tratado de París, os franceses cedían todas as rexións ao leste do río Mississippi aos británicos e todas as rexións ao oeste do río aos españois. A rexión de Illinois pasou a ser controlada polos británicos. Entón, a poboación branca do estado era de apenas 2.000 persoas. Algúns franceses trasladáronse ás colonias españolas, non conformes co feito de seren protestantes británicos os novos gobernadores. A Confederación Illiniwek, aliada dos colonos franceses, rebelouse contra os británicos en 1764, mais foron derrotados polas tropas británicas.

En 1778, durante a Revolución Americana de 1776, o Illinois foi conquistado por forzas americanas. Despois da fin da guerra, a rexión en torno destas dúas cidades formou parte do actual estado de Virxinia. Porén, a rexión pasou ao control do goberno americano en 1784, por unha esixencia do Estado de Maryland, que esixira que todas as exprovincias coloniais que capturaron rexións ao oeste das 13 colonias durante a guerra de independencia cedesen estas terras para o goberno americano.

Século XIX

O Illinois pasou a formar parte do Territorio do Noroeste en 1787, e do Territorio de Indiana en 1800. En 1809, a rexión de Illinois foi separada desta, e o goberno fixo da rexión un novo territorio, o Territorio de Illinois. O 3 de decembro de 1818, Illinois converteuse no vixésimo primeiro Estado dos Estados Unidos de América, estando entón a fronteira setentrional localizada moito máis ao sur do que actualmente. Porén, en 1819, políticos do estado premeron con éxito no Congreso americano para expandir a fronteira setentrional do Estado en dirección ao norte. Así, a rexión onde actualmente está localizada Chicago pasou a formar parte de Illinois. Vandalia tornouse a capital do Estado en 1820, e así foi ata 1839, cando a capital cambiou a Springfield, que é ata os días actuais a capital do Estado.

250px|dereita|miniatura|Mapa de 1850 do proxectado Distrito Occidental de Columbia, que substituiría o Distrito de Columbia como a capital dos Estados Unidos.

A poboación do estado comezou a crecer considerablemente despois da década de 1820, coa abertura do Canal de Erie no estado de Nova York, facilitando así viaxes do leste americano en dirección ao centro-norte. A poboación do Estado en 1820, entón, era de aproximadamente 55 mil habitantes. Dez anos despois, este número aumentara a 157 mil. A poboación de Illinois pasou a crecer aínda máis despois de que as forzas militares americanas derrotaran as tribos algonquinas na rexión, que ata entón atacaban constantemente a poboación de cidades e campos do Estado. Estes indios foron forzados a desprazarse a áreas ao oeste do Río Mississippí. Os inmigrantes pasaron a chegar en números cada vez maiores a partir da década de 1830.

Chicago foi fundada en 1833, entón cunha poboación de 350 habitantes. A abertura do Canal de Erie algúns anos antes, a súa posición estratéxica xunto aos Grandes Lagos (e, vía o Canal de Erie, foron posíbeis viaxes ao océano Atlántico), converteu a cidade nun importante polo ferroviario. Apenas catro anos despois, en 1837, Chicago foi elevada á categoría de cidade, cunha poboación de 4.000 habitantes. A abertura do Canal Illinois-Míchigan, que conectaba os Grandes Lagos co sistema hidrográfico do Río Mississippi-Missouri converteu definitivamente a cidade nun dos maiores polos portuarios do país, e o maior polo ferroviario dos Estados Unidos. En apenas algunhas décadas Chicago tornaríase a segunda maior cidade do país, só despois de Nova York.

Durante a década de 1850, o goberno americano considerou cambiar a súa capital, o Distrito de Columbia, en dirección ao oeste, no que foi chamado a época de Distrito Occidental de Columbia. Esta capital estaría localizada no que actualmente constitúe Capitol City (localizada en Kentucky) e Metropolis (Illinois). Porén, estes plans nunca pasaron do papel.

En 1858, Abraham Lincoln e Stephen A. Douglas disputaron acirradamente un posto de senador, que actuaría como representante do estado no Congreso americano. Ambos os candidatos a senador fixeron un total de 7 duros debates, tras os que Douglas gañou o cargo de senador. Porén, estes debates proxectaron o estado nacionalmente, e axudarían a Lincoln a vencer nas eleccións presidenciais de 1860. Un ano despois, comezaría a Guerra Civil Americana no país.

O Estado de Illinois loitou na Unión, os Estados Unidos propiamente dito, contra os Confederados. Houbo algunhas ameazas de secesión das rexións ao sur do estado, que eran principalmente rurais, e moitos dos seus habitantes simpatizaban cos Confederados. Porén, a maior parte da poboación do Illinois sostiña a Unión. O presidente Abraham Lincoln e un dos principais comandantes da Unión, Ulysses S. Grant, eran nativos do estado. Cerca de 250.000 soldados da Unión viñeron de Illinois, máis do que calquera outro estado da Unión agás Nova York, Pensilvania e Ohio.

A guerra acelerou o proceso de industrialización do Estado. Coa fin da guerra, Chicago pasou a prosperar como un gran centro industrial, e o maior centro de procesamentos de alimentos do mundo. Foron construídas varias vías ferroviarias e drenados varios pantanos, para xerar terra cultivable. Porén, o descontento da clase traballadora das cidades do estado creceu á medida que crecía o problema das súas pésimas condicións de traballo e pésimos salarios. Os facendados tamén estaban descontentos cos baixos prezos de venda e altos prezos dos equipamentos. Uns e outros uníronse en 1892 para votar a John P. Altgeld, quen instituíu varias leis laborais, pasou a esixir máis o uso de negociacións no canto da simple e bruta forza policial para resolver folgas e manifestacións de traballadores, e mellorou o sistema de educación pública do Estado.

Século XX-Actualidade 250px|dereita|miniatura|A crecente migración de afroamericanos xerou grandes confrontacións entre a poboación branca e afroamericana do estado. Aquí, imaxe dun afroamericano sendo linchado en público pola poboación branca de Cairo.

Varias leis laborais foron aprobadas nas primeiras décadas do século XX. Alén diso, en 1911 Illinois aprobou unha lei que aprobaba axuda económica ás familias pobres que posuían fillos pequenos. Illinois foi o primeiro estado en aprobar unha lei deste xénero.

Ao longo das primeiras décadas do século XX, millares de afroamericanos pasaron a migrar en masa dos Estados do Sur do país en dirección a Illinois. Unha das razóns foi o xornal de cultura afroamericana de Chicago, o Black Defender, que incentivaba esta migración. A poboación afroamericana das cidades do Estado pasou a aumentar, especialmente en Chicago, onde hoxe constitúen aproximadamente o 37% da poboación da cidade. A maior presenza afroamericana pasou a desagradar aos habitantes brancos do estado, xerando confrontacións entre a poboación branca e afroamericana, que culminaron en tres grandes motíns populares, que aconteceron en 1908 (en Springfield), en 1917 (en East St. Louis) e en 1919 (Chicago).

Illinois prosperou economicamente nos anos da primeira guerra mundial, así como nos anos que seguiron á guerra. En 1920, o Congreso americano prohibiu a fabricación, transporte e venda de bebidas alcólicas. Numerosas bandas traficaban con bebidas alcólicas no estado e a maior foi a liderada por Al Capone. Estas bandas enfrontábanse entre si e coa policía, e moitos destes enfrontamentos resultaban en morte, polo que as taxas de criminalidade explotaron en Illinois, especialmente en Chicago. A lei nacional que prohibía a venda de bebidas alcólicas foi abolida en 1933.

A Gran Depresión de 1929 causou unha gran depresión económica no Estado. Pecharon innumerables fábricas. Milleiros de persoas ficaron desempregadas. En 1932, o estado pasou a fornecer axuda económica aos desempregados. A recesión económica acabou co descubrimento de grandes reservas de petróleo no estado, en 1937, que fixeron de Illinois o cuarto maior produtor nacional en apenas dous anos.

A economía do Illinois creceu nos anos da segunda guerra mundial, cando milleiros de fábricas foron construídas no Estado. Así, Enrico Fermi e outros científicos fixeron a primeira reacción nuclear controlada da historia da humanidade, na Universidade de Chicago. A posibilidade de reaccións nucleares controladas abriu a posibilidade da construción de reactores nucleares para xeración de electricidade. A industria nuclear tornouse nunha das maiores industrias da economía do Estado. En 1968, o acelerador de partículas Fermi National Accelerator Laboratory comezou a ser construído, para ser inaugurado catro anos despois. Alén diso, durante a década de 1960, incentivos fiscais do goberno de Illinois atraeron numerosas industrias á rexión, tales como a industria automobilística e a aeroespacial.