Connecticut, ou Estado de Connecticut,En lingua inglesa: State of Connecticut. é o estado máis meridional da rexión de Nova Inglaterra, localizado ao nordés dos Estados Unidos de América. Linda ao leste co estado de Rhode Island, ao norte co estado de Massachusetts, ao oeste co estado de Nova York e, co estuario de Long Island Sound, cara o sur. A súa capital é Hartford, mentres que a cidade máis poboada é Bridgeport. Connecticut atópase entre os principais centros urbanos das cidades de Nova York e de Boston, ao longo da Megalópole do Nordés, onde a área metropolitana de Nova York, que posúe seis das sete cidades máis grandes de Connecticut, se estende ata o suroeste do estado. Connecticut é o 3o estado máis pequeno por área, após Rhode Island e Delaware, así coma o 29o máis poboado, con pouco máis de 3,6 millóns de habitantes en 2020, converténdoo deste xeito no 4o estado máis densamente poboado do país.

O estado é nomeado segundo o río Connecticut, o máis longo de Nova Inglaterra, que desemboca en Long Island Sound, entre os pobos de Old Saybrook e Old Lyme, dividindo o estado en dous. O nome do río, en vez, provén dunha adaptación anglicizada de "Quinnetuket", unha verba mohegan-pequot que significa "río longo das mareas". Antes da chegada dos primeiros colonos europeos, a rexión estaba habitada por varias tribos algonquinas. En 1633, a Compañía Holandesa das Indias Occidentais estableceu un pequeno asentamento de curta duración chamado "Huys de Hoop", é dicir, "Casa da Esperanza", en Hartford. Inicialmente, a metade de Connecticut foi reclamada pola Colonia Neerlandesa dos Novos Países Baixos, que incluía gran parte do territorio entre os ríos Connecticut e Delaware, aínda que os primeiros asentamentos importantes foron estabelecidos polos ingleses ao redor da mesma época.

A principal fonte de renda de Connecticut é a prestación de servizos financeiros e inmobiliarios. A capital do Estado, Hartford, é coñecida nacionalmente como Insurance City (A Cidade dos Seguros), por mor da gran cantidade de compañías de seguros que están situadas na cidade.

Connecticut foi unha das Trece Colonias orixinalmente colonizadas polo Reino Unido. A colonia de Connecticut foi a primeira subdivisión localizada no que son actualmente os Estados Unidos de América en posuír unha Constitución escrita, chamada Fundamental Orders (Mandatos Fundamentais), ou First Orders (Primeiras Ordes), adoptada o 14 de xaneiro de 1639. Esta Constitución colonial serviría de base para a formación da Constitución americana. Oficiais de Connecticut tiveron un papel esencial na aprobación do "gran Compromiso" realizado na Convención Constitucional de 1787, que deu ao Congreso dos Estados Unidos o seu formato actual. Por mor destes eventos, Connecticut foi alcumado The Constituition State (O Estado da Constitución), e o Gran Compromiso de 1787 pasou a ser coñecido nacionalmente como Compromiso de Connecticut. O 9 de xaneiro de 1788, Connecticut converteuse no quinto Estado americano.

A orixe do nome "Connecticut" provén da palabra nativoamericana Quinnehtujqut, que significa "Lugar do Longo Río". Os primeiros europeos en instalarse de forma permanente na rexión de Connecticut foron puritanos ingleses, vindos de Massachusetts, en 1633. The Nutmeg State é outro alcume popular de Connecticut, e os habitantes deste Estado son coñecidos nacionalmente como un "nutmegger".

Historia Ata 1788 A rexión que constitúe actualmente o Estado americano de Connecticut estaba habitado, antes da chegada dos primeiros exploradores europeos da rexión, por diversas tribos de nativos americanos pertencentes á familia amerindia dos algonquinos.

O primeiro europeo en explorar o actual Connecticut foi o neerlandés Adriaen Block, en 1614. Block reivindicou a rexión para a coroa holandesa. Os holandeses construirían un forte, o Forte Casa da Esperanza, en 1633, onde actualmente se localiza Hartford. Con todo, a pesar de reivindicar a rexión, os neerlandeses nunca realizaron esforzos por instalar unha colonia permanente na rexión, só fundando pequenos poboados que eran abandonados logo dalgúns anos. En 1674, os ingleses expulsaron os holandeses.

O primeiro asentamento europeo de carácter permanente no actual Connecticut foi fundado por colonos ingleses vindos de Massachusetts. Algunhas cidades fundadas por estes colonos inclúen Hartford, New London, Saybrook, Wethersfield e Windsor, durante as décadas de 1620 e 1630. En 1636, Hartford, Wethersfield e Windsor uníronse para formar xuntas unha única colonia, a Colonia de Connecticut, que adoptou unha forma teocrática de goberno. Dous anos despois, New Haven foi fundada como unha nova colonia. Outras pequenas cidades esparexidas polo actual Connecticut adheríronse á colonia de New Haven en 1743.

Durante a primeira década de colonización, os colonos europeos sufriron constantes ataques da tribo nativo americana pequot, que vían aos europeos como unha ameaza. O conflito entre os pequot e os colonos ingleses de Connecticut foi coñecido como Guerra de Pequot. En 1637, John Mason, auxiliado polas tribos de nativos americanos mohegan e narragansett, destruíu o principal poboado pequot, matando centenares de indíxenas.

Moitos dos colonos de Connecticut saíran de Inglaterra en procura de liberdade política e relixiosa. En 1638, Thomas Hooker traballou polo fin da teocracia e pola posta en marcha dunha forma democrática de goberno. En 1639, Connecticut adoptou os "Mandatos Fundamentais". Este documento, que deu aos habitantes da colonia de Connecticut, é visto por moitos como a primeira Constitución escrita no territorio americano.

Ata a década de 1660, diversos asentamentos ingleses na rexión do actual Connecticut uniríanse á Colonia de Connecticut. En 1662, o monarca inglés cedeu a John Winthrop, un habitante da Colonia, unha franxa de terra de 117 quilómetros de longo, ao longo da Baía Narragansett, incluíndo tamén a Colonia de New Haven. Este acto do monarca inglés significou efectivamente a fusión desta última coa Colonia de Connecticut. Os habitantes de New Haven inicialmente protestaron contra a medida, pero aceptaron a fusión en decembro de 1664, finalizando o proceso de unificación en 1665.

Ata a década de 1670, Connecticut posuía unha economía baseada na agricultura de subsistencia. A partir de entón, a colonia pasou a exportar produtos agrícolas e artesanais para outras colonias inglesas na rexión. A industria de manufactura converteríase nunha importante fonte de renda da colonia durante o inicio do século XVIII, cando Connecticut se volveu un centro de fabricación de navíos e de reloxos.

En 1686, Edmund Andros foi escollido pola coroa inglesa para converterse no primeiro gobernador da realeza do Dominio de Nova Inglaterra. Andros afirmou que el e o seu goberno anularan a licenza instituída polo monarca inglés en 1662, e que Connecticut pasaría a facer parte do Dominio de Nova Inglaterra. Connecticut inicialmente ignorou a Andros, pero este desembarcou en Connecticut en outubro de 1687, con tropas e soporte naval. O entón gobernador de Connecticut, Robert Treat, non tivo elección senón disolver a asemblea lexislativa da colonia. Andros atopouse con Treat e a Corte Xeral na noite de 31 de outubro de 1687.

Andros eloxiou a forte industria e o goberno de Connecticut, pero logo de ler a súa comisión, esixiu a volta da licenza instituída polo monarca inglés en 1662. No momento en que o documento foi colocado na mesa, as candeas que iluminaban a construción foron apagadas. Cando as candeas foron novamente acesas, o documento desaparecera. A lenda di que tal documento foi colocado nun carballo, que sería coñecido posteriormente como Charter Oak.

Andros consideraba Nova York e Massachusetts como as partes máis importantes do dominio, ignorando inicialmente Connecticut. Ademais dalgúns impostos enviados para a capital do Dominio de Nova Inglaterra, Boston, Connecticut tamén ignorou no seu maior parte ao novo goberno unificado da rexión. Cando os habitantes da rexión souberon da Revolución Gloriosa, os habitantes de Boston forzaron a marcha de Andros ao exilio. Os membros da corte de Connecticut reuníronse o 9 de maio de 1689, onde nunha votación, restableceron a licenza da Colonia de Connecticut, sendo reelixido Robert Treat como gobernador da colonia.

Na década de 1750, a Compañía de Susquehannah, de Windham, comprou aos nativos americanos unha franxa de terra ao longo do Río Susquehanna, que cobre un terzo do actual Estado de Pensilvania. Esta reivindicaba, pola súa banda, a rexión. A compravenda da rexión tampouco foi ben vista por moitos en Connecticut, principalmente polo medo que un posible conflito armado entre Connecticut e Pensilvania puidese ameazar os Mandatos Fundamentais. O monarca británico, con todo, xulgou que Connecticut tiña dereito á rexión do Río Susquehanna. Connecticut iniciou o poboamento da rexión en 1769.

Durante a década de 1760, diversas accións dos británicos, como a creación de impostos, xerou revoltas nas Trece Colonias, feito que desencadearía a Guerra de Independencia dos Estados Unidos, en 1775. Connecticut ratificou os Artigos da Confederación - o antecesor da actual Constitución dos Estados Unidos de América - o 9 de xullo de 1778. Connecticut estaba localizaba nunha posición extremadamente vulnerable contra ataques británicos a través do seu litoral na Baía de Long Island Sound, dado o seu extenso litoral e a proximidade de Long Island no sur, que estaba entón baixo control británico. Connecticut posuía unha forte forza marítima, en gran medida grazas á súa potente industria de construción naval, aínda que fose grazas a ceder moitos dos seus navíos para outras forzas americanas, feito que xerou friccións entre líderes políticos de Connecticut, en canto a que se era máis importante a defensa do Estado ou do país. Connecticut foi a única das Trece Colonias que non pasou por unha revolución, grazas á súa forte estrutura política, que deu a Connecticut considerable independencia política do Reino Unido, e ao entón gobernador de Connecticut, Johnattan Trumbull, que apoiaba aos rebeldes americanos.

Mentres tanto, ao longo da década de 1770, Pensilvania, que aínda reivindicaba a rexión do Río Susquehanna, realizou diversos ataques contra os colonos de Connecticut instalados na rexión de Susquehanna, culminando nun ataque en decembro de 1778, onde aproximadamente 150 colonos morreron, e miles foron forzados a fuxir. Connecticut intentou varias veces recuperar a rexión, sen éxito, sendo que os diversos grupos de colonos de Connecticut que intentaron instalarse na rexión foron seguidamente expulsados por milicias de Pensilvania. O mesmo ano en que a Revolución Americana tivo o seu fin, en 1783, o goberno americano xulgou que a rexión do Río Susquehanna era por dereito de Pensilvania. Connecticut entón rapidamente reivindicou a rexión localizada inmediatamente ao oeste da rexión do Río Susquehanna en Pensilvania, no nordeste do actual Estado de Ohio, aínda que posteriormente vendese estas terras para investidores, en 1796, sendo os recursos económicos obtidos coa venda usados para fins educativos.

Na Convención Constitucional de 1787, os representantes de Connecticut estaban a favor dun forte goberno centralizado, e tiveron un papel esencial na elaboración do actual Congreso dos Estados Unidos, onde grandes estados como Nova York querían que a representación dos Estados no Congreso estivese baseada na poboación dos Estados, mentres que Estados de menor poboación querían representación igualitaria. Os representantes de Connecticut foron os principais relatores da adopción dun sistema mixto, resultando no Gran Compromiso, tamén coñecido como Compromiso de Connecticut.

Connecticut ratificou a Constitución americana o 9 de xaneiro de 1788, converténdose no quinto Estado americano en adherirse á Unión.

1788 - Presente