As Guerras de independencia de Escocia foron un conxunto de diversas campañas militares que enfrontaron ó Reino de Escocia co Reino de Inglaterra entre finais do século XIII e xa avanzada a segunda metade do século XIV. Ó longo de dito período e das campañas e batallas seguintes, o obxectivo de Inglaterra era a ocupación e anexión do territorio escocés, mentres que Escocia pretendía manter a súa propia independencia fronte ós ingleses.

A Primeira Guerra de Independencia de Escocia (1296-1328) iniciouse cunha invasión inglesa de Escocia, finalizando mediante a firma do Tratado de Edimburgo-Northampton en 1328. A Segunda Guerra de Independencia de Escocia (1332-1357) produciuse con motivo da invasión de Eduardo Balliol, apoiado polos ingleses, en 1332, finalizando á súa vez en 1357 coa firma do Tratado de Berwick.

O período e tódolos conflitos no seu conxunto supuxeron para Escocia unha enorme crise de tipo nacional, sendo unha época decisiva para a posterior historia do país. Unha vez finalizadas ambas guerras, Escocia logrou manter a súa condición de nación libre e independente, o que fora o seu obxectivo durante todo o conflito.

Hai que destacar que estas guerras tamén teñen importancia por motivos alleos á política, relacionados coa historia da tecnoloxía militar, xa que foi durante as mesmas cando fixo a súa aparición o arco longo inglés, que foi un elemento clave do armamento medieval.

Primeira Guerra de Independencia: (1296-1328)

Os inicios da guerra: 1296-1306 miniatura|200px|William Wallace. Podemos dividir a Primeira Guerra de Independencia de Escocia (1296-1306) en catro fases sucesivas: a primeira fase inclúe unha invasión inglesa que, nun primeiro momento, ten éxito, en 1296; durante a segunda fase teñen lugar as campañas dirixidas por William Wallace, Andrew de Moray e outros Gardiáns de Escocia, entre 1297 e febreiro de 1304, cando se produce a submisión de Escocia negociada por John Comyn; a terceira fase inclúe o conxunto de novas campañas levadas a cabo por Robert Bruce entre a súa coroación en 1306 e a vitoria do Exército escocés en Bannockburn en 1314; e a última fase correspóndese coas iniciativas diplomáticas e as campañas militares que levan a cabo os escoceses no seu territorio, en Irlanda e no norte de Inglaterra dende 1314 ata o asinado do Tratado de Edimburgo-Northampton no ano 1328.

A guerra comeza co saqueo da cidade de Berwick levado a cabo polas tropas de Eduardo I de Inglaterra en marzo de 1296, seguido pola derrota sufrida polas tropas escocesas na Batalla de Dunbar e pola abdicación de Xoán Balliol no mes de xullo seguinte. A invasión inglesa ocupara xa a maior parte do territorio escocés para o mes de agosto e, tralo traslado da Pedra de Scone dende a súa tradicional localización na Abadía de Scone, en Escocia, á de Westminster, en Inglaterra, Eduardo I convocou o Parlamento escocés en Berwick, momento no que os nobres escoceses lle renderon homenaxe como rei de Inglaterra. Porén, Escocia distaba moito de estar definitivamente conquistada polos ingleses.

As revoltas que se produciron en Escocia a principios do ano 1297, organizadas por William Wallace, Andrew de Moray e outros nobres escoceses, obrigaron a Eduardo I ó envío de novos continxentes de tropas, así como a iniciar negociacións cos escoceses. Aínda que Eduardo conseguiu obrigar ós nobres sublevados a capitular en Irvine, as constantes e reiteradas campañas de William Wallace e de Andrew de Moray conduciron á primeira vitoria escocesa, que se produciu en Stirling Bridge; como consecuencia desta vitoria seguiron diversas incursións escocesas no norte de Inglaterra e o nomeamento de William Wallace como Gardián de Escocia en marzo de 1298. Porén, Eduardo I planificou unha nova invasión, coa que pretendía esmagar a William Wallace e ós seus seguidores, logrando derrotar unha vez máis ós escoceses en Falkirk. Aínda que Eduardo I non conseguira someter a totalidade de Escocia antes do seu regreso a Inglaterra, a reputación militar de William Wallace quedara seriamente menoscabada, e Wallace tivo que resignarse a vivir como un proscrito, renunciando ó seu cargo de Gardián de Escocia.

miniatura|200px|Robert Bruce e Elizabeth de Burgh. William Wallace foi sucedido como Gardián de Escocia por Robert Bruce e John Comyn, ó igual que William Lamberton, bispo de Saint Andrews, nomeado en 1299 para manter o equilibrio entre ambos. Durante ese ano, as presións diplomáticas de Francia e do Papado persuadiron a Eduardo I de poñer en liberdade a Xoán Baillol, colocándoo baixo a tutela do Papa; William Wallace foi enviado a Francia para solicitar a axuda do rei francés, Filipe IV, e poida que se desprazase mesmo ata Roma.

Unha serie de novas campañas de Eduardo I nos anos 1300 e 1301 concluíron nunha tregua entre escoceses e ingleses en 1302. Tras unha última campaña en 1303-1304, o Castelo de Stirling, a derradeira gran praza forte escocesa sen conquistar, caeu en mans dos ingleses e, en febreiro de 1304, as negociacións conduciron a que a maior parte dos nobres que aínda non o fixeran, prestasen homenaxe a Eduardo I, aínda que Robert Bruce e William Lamberton pactaron unha nova alianza co obxectivo de conseguir a coroa de Escocia para Bruce e seguir coa loita contra Inglaterra.

Trala captura e execución de William Wallace en 1305, Escocia parecía ter sido finalmente conquistada e a revolta esmagada.

Rei Robert Bruce: 1306–1328 O 10 de febreiro de 1306, durante un encontro entre os dous últimos pretendentes ó trono, Robert Bruce pelexou con John Comyn e matouno. Parece ser que Comyn rompera un acordo pactado entre ambos, e informara a Eduardo I das intencións de Bruce respecto da coroa de Escocia. O acordo roto contiña nas súas estipulacións que un dos dous pretendentes renunciaría ó Trono aínda que obtería a cambio terras e propiedades, á vez que apoiaba ó outro pretendente. John Comyn tiña pensado obter as dúas cousas, as terras e a Coroa, traizoando a Robert Bruce, que tivo noticia da traizón despois de que un mensaxeiro que transportaba escritos de John Comyn destinados a Eduardo I caese en mans de partidarios de Bruce.

Robert Bruce reuniu entón ós prelados escoceses e ós nobres que o seguían apoiando e coroouse como Rei dos escoceses na Abadía de Scone, dando comezo de forma inmediata a unha nova campaña militar para intentar liberar o seu novo reino das tropas inglesas que o ocupaban. Tras sufrir unha derrota militar, foi expulsado de Escocia e declarado como fóra da lei. Mentres se agochaba no fondo dunha cova e meditaba na posibilidade de abandonar a loita, Bruce, segundo afirma a lenda, parece ser que viu como unha minúscula araña intentaba tecer unha tea de araña nun oco demasiado grande para ela. Mentres o contemplaba, Robert Bruce pensou no estúpida que era a araña, ata que se decatou de que a araña malia a dificultade conseguira tecer a tela. Bruce considerou o que presenciara como unha lección de que el tamén debía perseverar nos seus intentos a pesar de que as circunstancias parecían non aconsellalo. En 1307 deixou por fin de manterse oculto e, logo de que se volvesen reunir os escoceses, desafiou en varias batallas ós ingleses. O número das súas tropas non deixou de medrar, especialmente trala morte do rei Eduardo I de Inglaterra, no mes de xullo de 1307. A Batalla de Bannockburn en 1314 supuxo unha vitoria especialmente importante para os escoceses.

En 1320, un grupo de nobres escoceses transmitiu ó papa a Declaración de Arbroath, para presentarlle a independencia de Escocia respecto de Inglaterra. Dúas declaracións semellantes foron enviados igualmente polo clero e por Roberto I de Escocia. En 1322 na Batalla de Old Byland, Roberto I Bruce derrota no Yorkshire ó rei Eduardo II de Inglaterra, forzándoo a aceptar a independencia de Escocia. En 1327, Eduardo II de Inglaterra foi asasinado, e Roberto I invadiu novamente o norte de Inglaterra, o que forzou ó novo rei inglés, Eduardo III, a firmar o Tratado de Edimburgo-Northampton o 1 de maio de 1328, no que se recoñecía de facto a independencia de Escocia e igualmente como rei da mesma a Robert Bruce, xa Robert I de Escocia. Para que a paz quedase aínda máis garantida, o fillo e herdeiro de Roberto I, David, casou coa irmá de Eduardo III.

Segunda Guerra de independencia: 1332-1357 miniatura|Eduardo III invade Escocia, dunha edición das Crónicas de Froissart.

Trala morte de Roberto I de Escocia, o novo rei David II de Escocia era aínda demasiado novo para reinar, e Thomas Randolph, I conde de Moray converteuse no novo Gardián de Escocia. Porén, Eduardo III, aínda que houbese asinado o Tratado de Edimburgo-Northampton, estaba determinado a vingar a humillación que entendía que os escoceses lle fixeran sufrir. Para lograr os seus fins, podía contar coa axuda de Eduardo Baillol, o fillo de Xoán Baillol, que era un novo pretendente ó Trono de Escocia. Eduardo III contaba co apoio dun grupo de nobres escoceses, entre os que estaban o xa citado Eduardo Baillol ou Henry Beaumont, grupo de nobres que era coñecido como os «desherdados» (the Disinherited). Estes nobres xa colaboraran cos ingleses durante a Primeira Guerra de Independencia e, trala batalla de Bannockburn, Robert Bruce priváralles dos seus títulos e terras para entregarllas como premio ós seus aliados. Cando se restableceu a paz, non recibiron ningunha indemnización. Estes desherdados desexaban recuperar as súas posesións, e finalmente serán eles os que rompan a paz.

O conde de Moray faleceu o 20 de xullo de 1332. A nobreza escocesa reuniuse na cidade de Perth, onde elixiu a Donald Mormaer, conde de Mar como novo Gardián de Escocia. No entreacto, un pequeno grupo capitaneado por Eduardo Baillol fíxose ao mar, partindo dende o río Humber. O grupo, formado por nobres desherdados e por mercenarios, eran pouco máis duns centos de homes.

Eduardo III de Inglaterra seguía oficialmente en paz con David II de Escocia, e os seus tratos con Eduardo Baillol eran de natureza discreta. O monarca inglés estaba ó corrente do que sucedía, e o máis probable é que Eduardo Baillol lle houbese prestado homenaxe en segredo antes de partir a expedición que dirixía, pero o plan de Baillol estaba condenado ó fracaso. O rei inglés negou ó seu homónimo escocés, Eduardo de Baillol, o permiso para efectuar a invasión de Escocia a través do río Tweed, que marcaba a fronteira entre Inglaterra e Escocia; en caso de que os invasores houbesen atravesado a fronteira inglesa sería excesivamente visible que rompera o Tratado entre ambos países. Porén, Eduardo III aceptou facela vista gorda no caso de que se tratase dunha invasión marítima, aínda que deixou claro ós conspiradores que negaría todo coñecemento, desautorizaríalles e confiscaría tódalas súas propiedades en Inglaterra no caso de que o plan artellado por estes non tivese éxito.

Os desherdados desembarcaron en Kinghorn, en Fife, o 6 de agosto. Precedíanlles as novas sobre o seu avance e, mentres marchaban cara Perth, atopáronse no seu camiño pechándolles o paso, un grande exército formado principalmente por infantaría, baixo o mando directo do novo Gardián de Escocia, Donald Mormaer. Durante a batalla que tivo lugar, a chamada batalla de Dupplin Moor, o pequeno exército de Eduardo Baillol, que estaba dirixido por Henry Beaumont, logrou derrotar ás tropas escocesas, a pesar da superioridade numérica das mesmas. Beaumont empregou na súa vitoria as mesmas tácticas que os ingleses aplicarían e difundirían posteriormente por medio da Guerra dos Cen Anos, con cabaleiros a pé no centro e grupos de arqueiros nas ás do exército. Atrapados baixo unha mortífera choiva de frechas lanzadas polos arqueiros, a gran maioría dos soldados escoceses non chegaron sequera a alcanzar a liña inimiga. Cando finalmente rematou o masacre, Donald Mormaer, Robert Bruce (un fillo ilexítimo de Roberto I de Escocia), numerosos nobres e aproximadamente 2.000 escoceses morreron na liorta.