Chámase Grecia antiga, ou civilización grega, ao período da historia de Grecia que durou uns mil anos e rematou coa chegada do cristianismo. Considérase como o alicerce da civilización occidental. A cultura grega exerceu unha poderosa influencia sobre o Imperio Romano, que levou consigo unha versión propia a moitas partes de Europa.

A civilización dos antigos gregos tivo unha influencia enorme sobre a lingua, política, sistemas educativos, filosofía, ciencia e as artes, dando lugar ao Renacemento da Europa Occidental e rexurdiu de novo durante varios movementos "neoclásicos" durante os séculos VIII e XIX en Europa e en América.

Grecia antiga é o termo utilizado para describir os territorios de lingua grega na antigüidade clásica. Refírese non só á península xeográfica da Grecia actual senón tamén ás culturas helénicas ocupadas polos gregos desde antigo: Chipre e as Illas Exeas, o mar Exeo, a costa da Anatolia (coñecida por eles como Xonia), Sicilia e o sur de Italia (coñecidas como Magna Grecia) e as colonias gregas dispersas polas costas da Cólquida, Iliria, Tracia, Exipto, Cirenaica, o sur da Galia, o leste e nordeste da Península Ibérica e a Táurica.

Xeografía

miniatura|300px|Mapa da Grecia clásica.|esquerda O territorio da antiga Grecia distribúese entre unha serie de penínsulas e unha gran diversidade de illas cun litoral recortado e o interior moi montañoso que dificultan as comunicacións.

O Epiro, a Iliria e a Macedonia son as rexións máis ao norte, as menos helenizadas, que os gregos do sur consideraban semibárbaras. Na fronteira de Tesalia e Pieria álzase o monte Olimpo, con 2.918 m, máxima altura da Grecia e no seu cumio tiñan os deuses a súa morada. Entre Tesalia e o Epiro atópase o macizo do Pindo, e marca a divisoria entre as bacías exea e xónica.

Fronte ás costas da Grecia Central atópanse as illas de Léucade, Ítaca, Cefalonia, Zacinto e outras máis cativas. Aquí sitúase o monte Parnaso, de case 2.500 m. A rexión da Ática, onde se atopa Atenas, é moi variada, xa que é ao mesmo tempo continental e marítima, montañosa e chá. Esa variedade traduciuse na Antigüidade nunha riqueza de recursos que pulou a expansión dos atenienses. Nas súas terras chás (Maratón, Eleusis, val de Cefiso) medraban o trigo, a vide e o oliveira (a famosa triloxía mediterránea) e as súas montañas pechaban reservas minerais como no monte Pentélico con mármore o no Laurio con chumbo arxentífero. Os portos naturais achegaban o comercio exterior. En xeral, a fachada exea é fría no inverno pero cálida no verán.

A península do Peloponeso, que presenta unha fragmentación moito máis acusada que o resto, está unida á Ática polo estreito de Corinto, de só 6 km de anchura, entre as profundas escotaduras dos golfos de Corinto e Sarónico; é moi montañosa, de terra pobre, con só unhas poucas franxas fértiles na súa periferia, nas rexións de Acaia, Élida, Mesenia, Laconia e Argólida.

A Grecia insular poderíase dividir nas illas de maior extensión, situadas a norte e sur do mar Exeo, e tamén fronte ás costas da Grecia continental e da Anatolia e os grupos de illas menores, distribuídas nos arquipélagos das Cícladas e as Espóradas, que forman un arco entre aquelas e a illa de Rodas. As máis principais das illas gregas no mar Exeo, e de norte a sur, son: Tasos, Samotracia, Imbros, Lemnos, Lesbos, Ikos, Esciros e Quíos. A máis extensa é a de Eubea, xunto das costas da Beocia e da Ática. Fronte da Ática atópanse as illas de Salamina e Exina. Do arquipélago das Cícladas forman parte, entre as principais, Andros, Tenos, Keos, Paros, Naxos, Melos, Íos , Amorgos, Astipalea e Tera. As Espóradas están formadas por Samos, Icaria, Calimna e Cos. Deben considerarse á parte as illas de maior tamaño, Creta, Rodas e Chipre. Entre o Peloponeso e Creta está Citerea e entre Creta e Rodas están as illas de Cárpatos e Kasos.

A "periferia grega" componse dunha serie de rexións na bacía do mar Exeo que estiveron plenamente helenizadas e que viñan a ser coma enclaves en territorios bárbaros. Así, nas costas setentrionais habería diversas cidades gregas, cun territorio máis ou menos extenso, na Propóntide (Mar de Mármara) e nas costas da Frixia e da Tracia. Nesta última estaba moi helenizada a península Calcídica. Nas costas de Asia Menor, fronte á illa de Lesbos ata a Illa de Rodas, poderían considerarse na Antigüidade tan gregas como os territorios a outro lado do Exeo. Eses territorios estaban nucleados arredor das cidades como Pérgamo, Elea, Esmirna, Clazomenas, Éfeso, Mileto ou Cnido e os seus arredores non diferían moito da Grecia continental, con costas recortadas e clima mediterráneo húmido, aínda que neles desembocarían ríos de certa importancia que viñan da Anatolia como son o Escamandro e o Meandro.

Prehistoria

Paleolítico Non se pode precisar cando comezou o poboamento humano da Grecia, pero atopouse un cranio de Neandertal na rexión de Salónica e na rexión setentrional hai achados de útiles do Paleolítico medio e superior. Deste tipo tamén hai restos no centro do país (Beocia) e no sur (Peloponeso) e algúns outros descubrimentos, pero en calquera caso o Paleolítico está pouco representado en Grecia.

Neolítico O proceso de sedentarización foi lento. Hai constancia de asentamentos en Chipre e Macedonia (6000 a. C.) que se vinculan cos cambios culturais que están a suceder no Próximo Oriente e que se expandiron por Asia Menor. Seguramente o núcleo macedónico irradiou cara a Tesalia, onde se localizaron os achados de Sesklo e Argissa. Neste último xa aparece a cerámica. O Neolítico pleno ten dous achados principais: Sesklo e Dimini. As pinturas rupestres en Grecia atopáronse en Creta e son do Plistoceno final, de hai polo menos 11000 anos.

Da cultura de Sesklo atopáronse poboados con casas de adobe sobre cimentos de pedra e os restos vexetais e animais permiten adiviñar unha sociedade desenvolvida, agrícola e gandeira e de cazadores, cunha cerámica sinxela pero con manifesta vontade de refinamento con bos remates na decoración de figuras roxas sobre fondo claro. Tamén se labran pequenas estatuas femininas de pedra. Os útiles consistían en machadas e unha escasa variedade de instrumentos líticos.

A cultura de Dimini pertence ao final do Neolítico. Desenvolveu unha cerámica con decoración de meandros e espirais, máis tarde con cores.

O Neolítico estendeuse por toda a Grecia e penetrou moi cedo na Illa de Creta, onde tivo unha duración moi prolongada con claras influencias de Palestina e Exipto.

A Illa de Chipre preséntase como un caso á parte, como unha ponte entre o mundo do Exeo e o Próximo Oriente. Xa chegara no VI milenio a. C. No poboado de Khirokitia xa aparece unha construción que sería característica do mundo protohistórico grego: o Tholos que é un edificio de planta circular que se destinaba como vivenda e outros usos, mesmo o enterramento no seu chan, como un xeito de pozo escavado onde se depositaban os cadáveres nunha posición encolleita, acompañándoos das súas pertenzas, como colares, adornos, cunchas mariñas etc. Hai evidencias de ritos que revelan o temor de que o morto torne do máis alá, xa que acostumaban poñer unha lasca moi pesada enriba do corpo do defunto. Non desenvolveu unha cerámica propia, xa que os achados atopados xa son dunha cerámica moi avanzada, o que descarta unha evolución autóctona. A finais do IV milenio a. C. xa hai formas roxas ou brancas con pintura roxa.

O Bronce Antigo Grecia Continental O Bronce Antigo presenta dous períodos ben diferenciados: O Tesálico, que abarca o norte do país, e o Heládico, que abrangue as rexións centrais e occidentais e o Peloponeso. Estes períodos dividíronse en tres fases: I , II e III. En conxunto o Bronce antigo prolongouse ata o 2000 a. C. En torno a esta derradeira data iníciase o Heládico medio, que presenza unha invasión, un punto e á parte tras o cal comeza un período completamente distinto. Os invasores son os verdadeiros gregos que veñen a sobreporse a unha poboación antiga, que os gregos chamaban pelasgos. Esta invasión formaba parte dunha migración moito máis fonda, que por causas que se descoñecen, dislocáronse dos seus asentamentos no sur de Rusia e deron lugar a unha vertebración dos pobos que se empurraron uns a outros trocando o panorama étnico e cultural de Europa e o Oriente no III milenio a. C. Dúas ramas deste deslocamento achegáronse a Asia Menor: os hititas e os luvitas e os gregos na Grecia. Estes primitivos gregos parece que se achegaban nun estado cultural moi atrasado. A súa entrada foi moi violenta, ao tenor das destrucións que se atopan nos estratos arqueolóxicos da época. Co tempo, aprenderon dos pobos sobre os que se impuxeron a agricultura, a navegación e certas crenzas relixiosas.

As Cícladas O Cicládico correspóndese coas fases indicadas para a Grecia continental. Os intercambios comerciais conferíronlle dinamismo ás sociedades das illas, coma Melos, por exemplo, que mantiña o monopolio da obsidiana, moi apreciada en todo o Mediterráneo. En Hagios Kosmas atópanse obxectos deste material, o que evidencia un comercio moi ativo. Moito interese teñen os enterramentos, nos que se atoparon diversas figuras de mármore, aínda que o maior número de tumbas agóchase na pequena illa de Siros.

Creta O Bronce antigo desta illa vense a dividir en Minoico I, II, e III, pero esta sucesión parece hoxe que non está tan clara nin se pode reconstruír con certo rigor polo grande espazo do tempo que media entre o Neolítico e o Bronce Medio. Os achados permiten establecer nexos de unión coa cultura das Cícladas. Así mesmo, apareceron vasos de pedra exipcios (Mokhlos) e algúns obxectos metálicos. Pódese precisar que arredor do 2700 a. C. chegaron á illa xentes procedentes de Asia Menor, talvez indoeuropeos que se mesturaron coa poboación preexistente.

Chipre