José Boedo López, nado no concello de Oza (integrado posteriormente no concello da Coruña) en 1887 e finado o 19 de agosto de 1936, foi un sindicalista galego.
Traxectoria Viviu no barrio coruñés da Silva. Estivo vinculado ao Sindicato de Canteiros da Coruña, no que ocupou un cargo directivo xa á altura de 1918. Comezou a destacar publicamente e a intervir en actos públicos, como o multitudinario mitin que tivo lugar en agosto de 1923 na praza de touros da Coruña pedindo o indulto para o cabo Sánchez Barros, un coruñés que fora condenado a morte pola súa intervención nunha revolta popular en Málaga contra as levas para a guerra do Rif.
Durante os anos da Segunda República foi un dos máis destacados militantes do seu sindicato, ao que representou en diversos comicios de ámbito galego, e mesmo ocupou cargos de responsabilidade na Federación Local Obreira da Coruña e no Comité Rexional da Confederación Nacional do Traballo (CNT). Foi tamén un dos fundadores do Ateneo Resplandor en el Abismo da Silva.
Despois do triunfo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, foi detido e fusilado o 19 de agosto de 1936. A súa familia sufriu unha brutal represión; o seu fillo José Antonio Boedo Núñez foi fusilado o 11 de setembro de 1937. Outro dos fillos, Pucho Boedo, foi un cantante de sona.
Véxase tamén Ligazóns externas Biografía na Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña
Ficha en Memoria da Coruña
Categoría:Sindicalistas da CRG Categoría:Asasinados polo bando nacional en Galicia Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1887 Categoría:Finados en 1936 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos