O Carneiro alado de Ribadeo é unha peza artística de ouro que se cría que fora descuberta en 1945 debido a uns traballos de dragado da ría de Ribadeo, máis recentemente crese que realmente foi mercada en Madrid."La Xunta blinda el "oro castrexo"" Faro de Vigo 23/5/2015 . Descoñécese a data e orixe exacta da peza. Formaba parte do depósito que Álvaro Gil Varela fixo no Museo Provincial de Lugo o 17 de abril de 1976, xunto con outras pezas procedentes da súa colección particular, como o Torque de Burela.

O carneiro alado de Ribadeo foi exposto ó público por primeira vez na celebración do Coloquio Internacional do Bimilenario de Lugo en 1977.Actas del Coloquio Internacional del Bimilenario de Lugo A peza motivou estudos de especialistas como Antonio Blanco Freijeiro e Juan Maluquer, que estableceron teorías sobre a súa orixe e antigüidade. Blanco Freijeiro apuntou a posibilidade de que fose castrexa prerromana con influencia tartesa. Maluquer fixa como época máis probable a comprendida entre os anos 525 e 475 a. C. Porén, varios estudos da década dos 90 encamiñáronse a amosar con claridade as súas semellanzas con pezas datables nos séculos XI - XIII ou incluso posteriores: por exemplo, o responsable de Difusión do Museo, Fernando Arribas Arias, localizou outra peza semellante no museo da Fundación Abegg de Suíza.Arribas Arias, F. 1992. "Aportacións para un estudio do carneiro alado de Ribadeo", Boletín do Museo Provincial de Lugo 5: 145 e ss.

En 2015 foi declarado Ben de Interese Cultural.

Descrición A peza é de pequenas dimensións (6,5 x 6,4 x 2 cm) e un peso aproximado duns 50 gr. Está formada por láminas de ouro repuxadas e decoradas antes de seren soldadas ó corpo, sendo oca no interior. Caracterízase pola abundante decoración de granulados e filigranas que cobren completamente o corpo do carneiro, mesmo na parte interior das patas e das ás. No peito e na parte superior das patas dianteiras aparecen unhas flores de seis pétalos. Nas patas traseiras aparece unha figura dun animal coa cabeza volta cara a atrás e con cornos. Na parte central do animal atopamos a representación dunha ave coas ás estendidas. A cabeza da figura, botada cara a atrás, presenta unha separación do corpo por medio dunha banda ancha e lisa a modo de colar. As ás están tamén profusamente decoradas, dividíndose en tres rexistros por medio de liñas de granulado. Por último, a cola amosa un tratamento distinto, usando unha lámina lisa de ouro con decoración de glóbulos sobre rodeis, colocados en liñas lonxitudinais.Ficha da peza no Museo Provincial de Lugo

Traxectoria museística O 17 de abril de 1976, o seu propietario, Álvaro Gil Varela, depositouno no Museo Provincial de Lugo xunto con outras pezas da súa colección particular polo que pasou a exporse ó público na súa sala de ourivería.

Despois de varios anos intentando vender a colección á Xunta de Galicia, e ó non chegar a acordo con eles, o 24 de outubro de 2013 os representantes dos herdeiros de Álvaro Gil acudiron ao Museo Provincial de Lugo para facer cumprir a sentenza que obrigaba á devolución das pezas da colección. Levaron 40 destas pezas, entre elas o Carneiro alado de Ribadeo.

En xuño de 2014 a Deputación de Lugo anunciaba que ía mercar a colección de ourivaría de Álvaro Gil para devolvela ó Museo. Estimaban daquela que mercarían estas pezas por un total de 2 964 000 euros.

Finalmente esta compra foi realizada o 10 de febreiro de 2015 por 2 346 200 €, ós que houbo que engadir outros 600 000 € que tamén se aboaron ós herdeiros de Álvaro Gil en concepto de gastos xudiciais.A Deputación de Lugo aforra preto de cinco millóns co acordo asinado este mediodía cos herdeiros de Álvaro Gil para a adquisición da colección de ourivería prerromana na páxina web da Deputación de Lugo Dende ese momento volveu quedar exposta no Museo Provincial de Lugo.

En 2015 a colección foi declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Ficha do carneiro alado de Ribadeo do Museo Provincial de Lugo

Categoría:Arqueoloxía en Galicia Categoría:Ribadeo Categoría:Cultura de Galicia sen imaxes Categoría:Prehistoria de Galicia Categoría:Bens de Interese Cultural da provincia de Lugo Categoría:Ribadeo sen imaxes Categoría:Obxectos arqueolóxicos