Tempos Novos é unha revista galega de publicación mensual en papel publicada por Atlántica de Información e Comunicación de Galicia desde abril de 1997. Nas súas páxinas os lectores poden atopar reportaxes e entrevistas coa actualidade política, económica ou social como tema central e varias seccións dedicadas ao pensamento, á cultura e á arte en todas as súas manifestacións, con sinaturas recoñecidas dos eidos da universidade e a investigación vencelladas fundamentalmente ao xornalismo, críticas de distintas disciplinas e valores emerxentes da nova literatura galega.

Historia miniatura|300px|Fotografía que ilustra a portada do n.º 283 (decembro de 2020). A súa fundación tivo lugar nun acto celebrado no Instituto Galego de Información o 11 de xaneiro de 1997, onde "cento cincuenta persoas converxeron nunha sociedade anónima coa pretensión declarada de crearen medios de comunicación alternativos e de calidade. Un colectivo plural, representativo da diversidade de tendencias e sensibilidades que configuran a nosa realidade política, cultural e social máis comprometida".

Ao longo do seu percorrido vital a revista pasou por diferentes etapas, sendo obxecto de revisións de contidos e de deseño gráfico coa fin de mantela apegada aos gustos imperantes en cada unha das súas épocas, mais sen renunciar aos seus alicerces fundamentais: o idioma galego, o compromiso coa información libre e unha aposta polo xornalismo de calidade. Así, as súas páxinas acollen desde sempre análises da actualidade sociopolítica e cultural, con seccións para a música, a arte, o teatro, os libros e o humor gráfico.

Tempos Novos é unha revista editada en papel, cunha aposta clara por este formato. Dende 2007 ten un alter ego na rede, Tempos Dixital, que desde o ano 2023 vén adquirindo unha personalidade cada vez máis independente da publicación matriz.

Dirixe a revista o xornalista Luís Álvarez Pousa, quen asina ademais o editorial de cada número e algúns artigos e entrevistas.

Rede de colaboradores O equipo de redacción está conformado polos coordinadores de área, que á súa vez contan con colaboradores e colaboradoras que cobren os distintos ámbitos temáticos de cada área.

Economía e medioambiente: Manoel Barbeitos e Gonzalo Rodríguez.

Política, Comunicación e Medios: Carlos Montenegro e Xulio Ríos.

Xénero, feminismos, novas masculinidades, LGTBI (Identidades): Anna R. Figueiredo.

Activismo social (Redes): Ruth Sousa.

Cultura(s) e Pensamento: Francisco Cortez-Lobâo e Miguel Vázquez Freire.

Coordinación xeral: Francisco Cortez-Lobâo.

Seccións A capa da revista é desde sempre o elemento máis distintivo de Tempos Novos. O seu deseño foi mudando o estilo e enfoque até chegar ao actual, no que o autor é o ilustrador compostelán Daniel Pino.

A revista mantén sempre a mesma estrutura: previa ao índice, a Carta de Axuste de Luís Álvarez Pousa, seguida por E digo eu, asinada por Daniel Álvarez, e A velas vir, de Xurxo Borrazás.

É a sección En Destaque a que aglutina varias sinaturas sobre o tema principal, seguidas pola crónicas políticas de Justo Beramendi e Manuel M. Barreiro.

Tempos Novos mantivo o gusto polo humor gráfico, que é a base da sección Guau, Guau: unha recompilación de viñetas publicadas nos medios galegos que dá paso a Todo é Peixe, unha ampla sección que abre Camilo Franco cunha reflexión a partir dunha fotografía de autoría alterna de Nacho Gómez e Moncho Fuentes.

Argumenta é unha sección de varias páxinas dedicada á ciencia e ao pensamento na que se inclúen reportaxes e entrevistas en torno a unha temática, e que dá paso á sección de Cultura, con crónicas, entrevistas e críticas de arte, cinema, banda deseñada, series, música etc...

Pecha a revista a Cara B de Anna R. Figueiredo con fotografía de Diego Seixo.

ProTexta

Tempos Novos mantivo entre os anos 2006 e 2010 o suplemento de libros ProTexta que inicialmente se editaba de xeito independente á revista e se distribuía xunto con ela e con varios xornais de Ediciones La Capital con periodicidade trimestral. Posteriormente integrouse como sección da propia revista.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Luzes Lista de publicacións impresas da provincia da Coruña

Ligazóns externas Tempos Dixital Sumarios na hemeroteca da Deputación de Pontevedra.

Categoría:Revistas editadas en Galicia Categoría:Revistas en lingua galega Categoría:Revistas españolas do século XX Categoría:Revistas españolas do século XXI