A Torre de Cristal, situada en Madrid, é o segundo rañaceos máis alto de España e o oitavo da Unión Europea, cunha altura de 249 metros, distribuídos en 52 plantas. O edificio está situado no distrito madrileño de Fuencarral-El Pardo, no complexo de rañaceos Cuatro Torres Business Area. A torre foi deseñada polo arquitecto arxentino César Pelli. No proxecto tamén participaron os arquitectos Íñigo Ortiz e Enrique León. O edificio destínase integramente ao alugueiro de oficinas.

A súa construción comezou en 2004 e terminouse o 4 de decembro de 2009. Divídese nunha planta baixa de acceso, 46 pisos de oficinas e seis plantas baixo rasante, destinadas a aparcadoiro de vehículos, cunha capacidade aproximada para 1.250 coches. As fachadas están cubertas exclusivamente de vidro e, no nivel superior, a variación da planta xera cambios nos catro planos da fachada que ofrecen ao edificio a aparencia dun cristal tallado.

Construción As cifras da edificación da Torre son referencia clara da magnitude do proxecto. Para o total do recubrimento da fachada empregáronse 44.000 metros cadrados de cristal; o equivalente a seis campos de fútbol.

Removéronse 90.000 metros cúbicos de terra para proceder ao baleirado da zona na que van situados os pisos subterráneos. O cable eléctrico utilizado supera os 250 quilómetros. Empregáronse 40.000 metros cúbicos de formigón, cantidade suficiente para encher 33 piscinas olímpicas. O número de ascensores cos que conta a Torre é de 27.

A Torre de Cristal ten forma de diamante, e en palabras do seu arquitecto, o arxentino César Pelli, intenta ser pura nas súas facetas e escintileos. Este rañaceos está definido por un cristal puro de ton azulado que enxalza a súa elegancia e transparencia.

No seu interior, o vestíbulo de entrada ten unha altura máxima de 10 metros e está pechado por todos os seus lados por un cristal de chan a teito que o fai acolledor durante o día e cálido pola noite. A planta de piso é de forma rectangular e mide 51 por 33 metros.

A estrutura mecánica que a compón, convértea nun crebacabezas xigante, e a maior parte dos compoñentes fabricáronse fóra da zona da edificación.

Xardín vertical miniatura|left|150px|Xardín no interior da torre. Dentro do edificio, concretamente na súa última planta, a Torre de Cristal alberga un xardín vertical; o máis alto de Europa. O xardín, de 600 m² de dimensión, sitúase detrás da fachada de vidro e é posible velo desde o exterior do edificio.

O aspecto característico do xardín conseguiuse mediante a instalación dunha estrutura vertical de PVC sobre a que se coloca un feltro sintético onde enraízan as distintas especies de plantas. As plantas crecen grazas a un sofisticado sistema de rego, que aporta os nutrientes necesarios, formando un muro verde cuxo deseño e colorido conséguese mediante a selección e plantación de distintas especies previamente especificadas.

O xardín convértese nun "pulmón verde" a 250 metros de altura, xa que entre outras funcións, as súas máis de 24.000 plantas contribúen á fixación do dióxido de carbono, de forma que regula a temperatura e humidade ambiental.

O concepto do xardín de inverno na azotea é unha idea orixinal do estudo de paisaxismo americano, Balmori Associates. O deseño do muro verde é obra do coñecido botánico francés, Patrick Blanc, que desenvolveu unha patente exclusiva consistente nun mural vertical con vexetación.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Cuatro Torres Business Area Lista de rañaceos en Madrid

Ligazóns externas

Ilustración da Torre de Cristal terminada

Cristal