Eligio Núñez Muñoz, nado en Ourense o 2 de abril de 1906 e finado en Vilariño Frío (Montederramo) o 1 de novembro de 1936, foi un mestre e político galego.
Traxectoria Fillo do boticario Antonio Núñez. Foi nomeado mestre titular da escola de Cambeo en abril de 1931. Durante a Segunda República foi membro da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense (ATEO) e colaborador da súa revista Escuela del Trabajo; en agosto de 1932 pasou a ser coordinador da publicación xunto con Luis Soto e Manuel Luis Acuña. Tamén colaborou en La República e Espartaco. Militante do Partido Republicano Radical Socialista, presentouse como candidato ás eleccións a Cortes de 1933. Presentou con Fernando Barcia Veiras e Apolinar Torres o relatorio "Misión de los trabajadores de la enseñanza en el actual momento histórico de la cultura gallega" ao Congreso de Trabajadores de la Enseñanza de Galicia de maio de 1936.El Pueblo Gallego, 22-5-1936, p. 7.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido en Ourense ao ir coñecer á súa filla Aida, que a súa muller acababa de dar a luz. Foi asasinado o 1 de novembro na Arca Aberta, en Vilariño Frío (Montederramo) con Jacinto Santiago, Fructuoso Manrique Martín e Aquilino Sánchez Rodríguez. Vida persoal Casou con Luz Divina Trabazo Fontaiña, tamén mestra, coa que coincidiu en Cambeo. Tivo un primeiro fillo en 1935, Horacio (1935-2020). Luz Divina, que era mestra en Louredo (Maside) cando aconteceu o golpe de Estado, foi sancionada con separación ata 1942. Eligio tiña un irmán que puido agocharse e lle sobreviviu, Sindo Núñez Muñoz, que tamén era Mestre.
Notas
Categoría:Profesores de Galicia Categoría:Xornalistas de Ourense Categoría:Asasinados polo bando nacional en Galicia Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1906 Categoría:Finados en 1936