Treixadura é grupo de música galega creado en Redondela en 1990.

Traxectoria A andaina da agrupación comezou en xullo de 1990 cos gaiteiros Antón e Xan López, Xaquín Xesteira e Xabier Martínez como membros orixinais. Ó ano seguinte súmaselles Ramón Vázquez, "O Chilro", e comezan a desenvolver un estilo propio que ten como eixo fundamental a música, os ritmos, as cantigas e os instrumentos tradicionais galegos.

O 30 de xuño de 1992 dan o seu primeiro concerto no muíño vello de Redondela e comezan a realizar actuacións por toda a xeografía galega e tamén no resto do estado. En 1995, Paulo Nogueira substitúe a Xabier Martínez, e en 1996 publícase o seu primeiro álbum chamado Obrigado. En 1998, Ramón Vázquez abandona o grupo e César Longa entra como acordeonista. En 1999 presenta o seu segundo disco Unha noite no muíño e no 2000 fai unha colaboración con Rodrigo Romaní en Albeida, primeiro disco do que fora membro de Milladoiro e acompáñano na súa xira de presentación.

O seu terceiro traballo discográfico foi presentado no 2003 baixo o título de Unha noite non é nada, sendo tamén o xermolo do Orfeón Treixadura. Entre os anos 2004 e 2005, Treixadura formou parte do espectáculo Son de Aquí, xuntos con outras agrupacións como Leilía, Tanxarina e Quico Cadaval. Tamén no 2005 participa con Donicelas no seu traballo Que nunca foi abalada e xa no 2006 bota a andar o álbum Unha semaniña enteira, no que o Orfeón Treixadura participou de cheo.

No 2008, Xan López deixa o grupo e é substituído por Magoia Bodega, quedando así o grupo constituído polos cinco membros cos que conta na actualidade. Este mesmo ano, o grupo participa na Festa Marítima Internacional de Brest, considerado o maior evento de cultura marítima do mundo.

No 2010 participa nun traballo colectivo de música galega titulado Cantigas do camiño, e no 2011 o orfeón queda definitivamente encadrado dentro da agrupación. Nese mesmo ano publican o seu último disco titulado Esa si que é muiñada.

En 2015, polo seu 25 aniversario publican o disco Vendima Tarda o cal foi gravado en directo no Teatro García Barbón en Vigo xunto co coro Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.

En 2018 o grupo publica o álbum Inda canto!, que presenta por unha xira arredor de todo o país chegando a máis de 30 cidades, vilas e aldeas, cunha grande acollida por parte do público e das críticas.

No ano 2020, o grupo fixo 30 anos sobre os escenarios, entre as celebracións tiña prevista a edición dun novo disco: Camiño longo, recompilando a súa andaina profesional. Porén, a pandemia de COVID-19 fixo que a presentación do traballo se adiase até o ano 2022. Este disco foi realizado coa colaboración da Banda de Música Municipal da Coruña, o coro Cantigas e Agarimos e Rodrigo Romaní.

No ano 2024 Treixadura recibe o Premio Rebulir da Cultura Galega na categoría de música galega pola súa dilatada traxectoria.

Membros miniatura|César Longa, compoñente do grupo Membros actuais Antón López "Toniño": Tambor (membro fundador) César Longa: Acordeón Paulo Nogueira: Gaita Magoia Bodega: Gaita e bombo. Xaquín Xesteira: Gaita (membro fundador) Orfeón Treixadura (11 voces masculinas): Alberte Raposo (Tenor), Toño D. Fontenla (Tenor), Anxo Xesteira (Tenor), Álvaro Cardalda (barítono), Xurxo Raposo (Barítono), Pablo Rei (Barítono), Quico Obelleiro (Barítono), Pablo Chouza (barítono/baixo), Álvaro Lamas (Baixo), Roi Xesteira (baixo) e Gustavo Cuntín (Baixo).

Antigos membros Xan López (membro fundador) Xabier Martínez (membro fundador) Ramón Vázquez "O Chilro" Antón Cabaleiro Delio Domínguez Antón Guisande Mingos Lorenzo Morgan Tino Baz Moncho Marín

Discografía miniatura|Bailadores nun concerto en Pontevedra no ano 2012

Álbums Obrigado (1996) Unha noite no muíño (1999) Unha noite non é nada (2003) Unha semaniña enteira (2006) Esa si que é muiñada (2011) Vendima tarda (2015) Inda canto! (2018) Camiño longo (2022) Portalén (2026)

Colaboracións "Albeida" (con Rodrigo Romaní, 2000)

"Da miña xanela á túa" (con Malvela, 2007) "Trastempo" - Foliada de Nostián (con SonDeSeu, 2007) "Beiralúa" (con SonDeSeu, 2018) Godaxe! - "Trullada da Castiñeira" (con Brañas Folk, 2022)

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Treixadura en Redescena.net

Categoría:Grupos musicais de Galicia Categoría:Grupos musicais formados en 1990 Categoría:Grupos galegos de música tradicional Categoría:Grupos musicais en galego